Iniciar sesión: Acceso

Estacións móbiles de paraugas da biblioteca... Nunca choveu que non escampase!

Os tempos son chegados!! Levamos preparando este momento desde o curso pasado, cando un grupo de rapaces e rapazas propuxeron tomar algún tipo de medida para achegarse á biblioteca nos días de chuvia. Finalmente, decidimos instalar dúas estacións móbiles de paraugas: unha na saída ao patio do instituto; e outra na entrada da propia biblioteca, que se atopa na antigua casa do conserxe rehabilitada para tal fin e separada do edificio central das aulas.

Estes paraugas funcionan a modo de autobuses que levan ao alumnado ben cuberto desde o centro educativo ata a biblioteca. E son un estupendo modo de transporte colectivo, xa que poden desplazarse varias persoas no mesmo paraugas. Favorecen tamén hábitos de vida saudables como son camiñar, visitar bibliotecas e, xa de paso, ler un pouco...Nunca para tanto deu un paraugas!! Como bens colectivos e de uso exclusivo para os desprazamentos á biblioteca, son coidados por todos os usuarios. E están noviños do trinque e moi bonitos así serigrafiados co nome da biblioteca e do noso centro.

Hai que dicir que durante o proceso de instalación das estacións móbiles houbo quen confundiu o paraugueiro cun sombreiro, pero xa lle explicamos a Ismael que non se pode camiñar ao revés... coa cabeza nos pés!

E se chove, que chova! Felices lecturas!