Dinamización Lingüística

Actividades de Nadal

A foto superior corresponde á actuación da cantante Najla Shami, que deu un magnífico concerto para o alumnado de 4º de ESO e Bacharelato coa asistencia e participación de numerosos profesores. Esta actividade foi organizada polo Equipo de Normalización Lingüística.

Najla Shami é unha cantautora e compositora nacida en Santiago de Compostela e que foi educada ao abeiro de tres culturas: a palestina, a galega e a arxentina. A cantante creceu entre Galicia e Kuwayt e estudou música moderna e educación musical en países como Noruega, Estados Unidos, Xordania, Kuwayt, India, Inglaterra, Portugal ou España. No disco "A lingua que eu falo", Najla Shami afonda na obra de Rosalía de Castro a través dunha selección de dez temas que reúnen sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico "Negra sombra". Este traballo mostra influencias de distintos estilos musicais como jazz, funk, world music e música tradicional e traslada ao espectador ata lugares como África ou Brasil.

 

Esta outra foto é da actuación da contacontos Teresa Grau na biblioteca do centro. Nesta actividade participaron alumnos de 1º ESO.

A Vicedirección do centro en colaboración co Ciclo de Turismo tamén organizou unha actividade para 2º de ESO: "Coñecer Monforte ", onde as alumnas do Ciclo exerceron de guías do alumnado nun paseo turístico pola cidade, así como as actividades deportivas nas que participaron os alumnos de 3º ESO.

Charla-Coloquio Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia, a Asociación de Exparlamentarios/as e o Departamento de Normalización Lingüística do centro organizaron unha charla-coloquio o 21 de novembro de 2014.

Neste acto participaron as exdeputadas Margarita Rodríguez Otero (PSdeG-PSOE) e M.ª Xosé Vega Buxán (BNG).

A charla-coloquio é unha sesión divulgativa que ten como obxectivo que os estudantes poidan coñecer de preto o traballo que se desenvolve no Parlamento de Galicia. As exparlamentarias relataron en qué consisten as funcións da Cámara Autonómica, a súa composición e órganos, e contestaron ás preguntas dos asistentes. A charla complementouse cunha proxección audiovisual, que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.

Facendo click na imaxe podedes acceder a unha galería de fotos da actividade:

 

Distribuir contido