Iván Capón & Eva Dios 1-10 Mar.

FAREWELL, FINLAND

Día 9

Hoxe despedímonos do Piikkiön e mañá poñemos rumbo ó país onde a temperatura se mide sen unha raia diante. Pouco nos quedaba por ver por aquí salvo algúns inventos escandinavos como estes atrís da clase de plástica.

 

Asistimos tamén a unha clase de cultura internacional para rapaces do que sería o noso 3º da ESO. Eva e mais eu compartimos cos alumnos información sobre as nosas costumes e as diferencias que hai co noso instituto. Entendíannos perfectamente e parecían bastante sorprendidos con algunhas cousas. Esta clase é obrigatoria para eles e os alumnos participan en intercambios con outros países, este ano Polonia. A aula é moi moderna e funcional.

 

Hoxe por fin visitamos a biblioteca. Resulta que non hai biblioteca como tal dentro da escola e utilizan unha pública que está fora do instituto, a uns 500 metros.

Os alumnos eran de primaria e foron eles sos uns minutos antes ca nós. O profesor contounos que era unha práctica habitual que seguen algúns deles, non todos. Por suposto se pasa algo el é o responsable pero como xa dixemos onte,  o estilo finlandés é dar esa confianza ós nenos desde pequenos para que adquiran responsabilidade e non sobreprotexelos. Isto fai que a súa actitude sexa máis madura na escola e non se comporten coma cabras cando se lles dá un pouco de liberdade.

 

Tamén visitamos as instalacións deportivas, onde fai máis calorciño que nas nosas. Gastan moito en calefacción aquí, pero non lles doen os cartos para iso, evidentemente. Teñen un campo artificial de fútbol novo que teñen que limpar de neve unha e outra vez, porque aquí non derrete aló á carreira.

 

E nada máis queda por contar por aquí. Esperamos chegar sans e salvos para contarvos o luns todo o que aprendemos que non é pouco.  Saúdos desde Turku.

 

QUEN DIXO MEDO?

 DÍA 8

Feliz día da muller. Aquí non houbo folga pero trouxeron unhas flores, algo é algo. Nos descansos (un cada hora) xúntanse todos na sala de profesores para falar das súas cousas. Nunca se lles ve nada apurados. O único estresado é o director, pero o resto viven bastante ben.

 

Son moitas as diferencias que imos atopando co noso querido insti de Monforte, pero de vez en cando atopamos algunha cousa que nos recorda á casa. Duran moi pouco, iso si.

 

E imos ó choio. Fomos a unha clase de primaria con distintos ambientes, un espazo para o movemento ou expresión corporal, outro para ocio e cadeiras con rodas que permiten a mobilidade libre dos alumnos. Calquera sitio é bo para aprender.

 

Aquí a relación co alumno é moito máis cordial e relaxada que en España. Cando un alumno se porta mal, que son os menos, o profesor ignora ese comportamento e diríxese a el nun ton calmado sen dar protagonismo a ese comportamento e non se interrompe o curso da clase.  E Quen dixo medo? teñen total confianza en que nada malo vai suceder, así danlles agullas a nenos de 8 anos na clase de costura ou serróns ós de 11 anos máis longos que eles mesmos. Respecto a estes últimos, a técnica igual non é a mellor, pero van facendo o que poden.

 

Pero non todo é práctica. Tamén asistimos a unha das clases teóricas de química máis aburridas que vos poidades imaxinar. Facer e corrixir exercicios básicamente. O profesor contounos que era un grupo moi tranquilo e nos corroborámolo porque non deron un chío en toda a hora. Mañá despedímonos desta xente que nos tratou tan ben.

 

TALLERES E MÁIS COUSAS

DÍA 7

Outro día máis aquí, na soleada Turku. O xeo nas rúas estase empezando a derreter e agora é un pouco máis perigoso camiñar, pero as temperaturas están subindo e aguántase ben fora.

 

Hoxe vimos as aulas de manualidades e o taller de madeira e metal. Na primeira os rapaces e rapazas aprenden a coser e a facer todo tipo de productos téxtiles como bolsos e camisetas.

 

O taller de madeira e metal é impresionante. Pode que incluso mellor ca o taller dun dos nosos ciclos de FP. Aquí vos deixo unha lista de cousiñas que necesitamos no taller o ano que ven:

 

Asistimos tamén a unha interesante clase de historia nunha clase con varios grupos e tres profesores. A clase trataba sobre o descubrimento de América e os alumnos tiñan que decidir quen a descubriu, os primeiros poboadores que viñeron desde Siberia, os vikingos, Colón ou Vespucio. Despois déronlles a probar tomates, patacas, millo e chocolate. Tabaco non, supoño que porque está moi caro aquí, pero pareceunos unha boa forma de estudar o tema.

 

Estes días estamos falando con varios profesores, cos que falan ben en inglés e algún que fala español. Os que teñen máis antigüidade cóntannos que son reacios a usar demasiada tecnoloxía na clase xa que consideran que son importantes tamén as explicacións orais para afondar nos contidos. Incluso os pais non están totalmente seguros do uso da tecnoloxía como única ferramenta de aprendizaxe.

 

Hoxe invitáronnos a cear de restaurante, moi ben tamén. Mañá a ver se facemos dieta.

 

ÍMOLA VIRANDO

DIA 6

Cada día imos aprendendo un pouco máis do sistema educativo finlandés. Hoxe foi un día de interesantes revelacións.

 

Debido a unha epidemia de gripe que teñen por aqui, moitos profesores están de baixa incluído un dos nosos homólogos, o profe de música. Aquí cando un profesor fai unha garda, non a fai coma nós senón que ten que dar a clase da persoa que falta, sempre que haxa algún voluntario que pida esa garda (cobrando unha hora extra, por suposto). Polo tanto, os profesores finlandeses teñen que estar preparados  para impartir varias disciplinas, de feito, nas probas de acceso á universidade esixenlles diferentes coñecementos e habilidades, non só da materia que van impartir.

 

Unha das clases ás que asistimos hoxe foi de química. Vimos unha metodoloxía nesta materia moi similar á que seguramente segue en xeral un profesor español. Primeiro uns pequenos experimentos e hoxe tocaba  a parte teórica dos mesmos.

Este profe contounos que está algo preocupado por certos cambios que se están levando a cabo por parte do goberno, que pretende que cos alumnos de secundaria se utilice a mesma metodoloxía que cos de primaria e sexan “active learners”, é dicir, que aprendan eles mesmos e o profesor sexa un simple guía que os acompañe na súa viaxe hacia o aprendizaxe por descubrimento. Pero para asimilar as zarapalladas que escribe este home no encerado, igual é necesario un pouco máis de axuda á vella usanza.

Hoxe tamén desfrutamos da extraordinaria hospitalidade finlandesa na casa doutra profesora que nos invitou á súa sauna, por suposto, e a probar outras delicatesen como un fuet de carne de reno, un blinipannukakku e outras cousas deliciosas. Esperamos engordar pouco pero non prometemos nada.

 

SEGUNDO DÍA DE CLASE

DÍA 5

Ola, compañeir@s. Hoxe ás 7 da mañá, 6 hora española, arrancamos  forte a mañá con un claustro finlandés. Durante unha hora só falou o director e os demais escoitaron, nós non entendemos moito do que dixo pero o tema parecía importante.

 

Despois fomos a un par de clases de música na que vimos ós nosos homólogos dar clase de música ós seus dous grupos. Utilizan moito a tecnoloxia para levar a cabo a clase e así poden ter máis de corenta alumnos nunha clase. Estes profesores de música Finlandeses síntense libres para impartir os contidos a través de xogos coas tablets, dando o protagonismo da clase ós alumnos e deixando de lado os contidos teóricos.

 

Despois asistimos a unha clase de inglés de gramática para alumnos do último curso na que non vimos moita diferencia respecto ás nosas. Algo sorprendente é que aquí non están prohibidos os móbiles xa que aquí ós rapaces outórgaselles confianza no seu sentido da responsabilidade.

 

Por último da man de Suvi, unha profesora de xeografía e manualidades, experimentamos as costumes finlandesas: camiñar sobre río, a sauna, e os pratos típicos de aquí cos seus respectivos postres. Durante horas estivemos falando e comparando estilos de vida e sistemas de educación e sobre todo, practicando moito inglés que sempre vén ben.

 

HELSINKI

DIAS 3 e 4

 

Despois de día e medio en Helsinki, este é o noso resumo fotográfico da cidade:

 

A catedral de Helsinki está no centro e é un dos edificios que máis nos gustou. Se queredes vela por dentro e hai misa tedes que esperar unha horiña e media que dura o servicio. Nos non agardamos tanto.

 

A outra catedral é a ortodoxa. Menos importante pero tamén ten o seu aquel.

 

A actividade máis interesante foi coller un barco e navegar polo mar Báltico conxelado ata Suomenlinna que é un arquipélago patrimonio da humanidade e ten unha fortaleza.

 

Helsinki tamén lle dedica un espazo ó compositor Sibelius con un famoso monumento formado por 600 tubos de aceiro, que non soan pero adornan.

 

De casualidade, vimos a Sibelius Akatemian Orquestra interpretando o famoso Requiem de Mozart  na igrexa Temppeliaukio.

 

Por último na nosa visita ó Museo Nacional de Helsinki, descubrimos con grande sorpresa quen vai ser o próximo presidente de Finlandia.

 

TOMA DE CONTACTO

DIA 2

Hoxe foi o noso primeiro día no Piikkiön yhtenäiskoulu (non me preguntedes como se pronuncia). Nesta escola estudian nenos de primaria e secundaria ata os 16 anos, o que vén sendo un dos nosos CPI. Os profes son majos e axúdannos bastante co transporte o cal e moito de agradecer, porque as distancias en Turku son quilométricas.

Tras asistir ás primeiras clases estamos un pouco en shock. Vimos cousas que non creriades como horarios de 8 a 3 da tarde con recreos de 15 minutos cada hora e un de media hora para comer. Nos recreos obrigan a saír ós rapaces ó patio coma nós, pero en días como hoxe con case -20 ºC poden quedar na clase os que queiran pedindo permiso, claro. Por certo, o xantar é gratis e tómano sobre as 10 da mañá. Aquí tedes o horario do profe de música.

Nesta escola cambiaron hai 5 anos os libros por ipads e as mochilas cargadas de libros por mochiliñas lixeiras. Cada profesor ten o libro electrónico dentro dunha aplicación conectada ó seu ipad na que pode ver en todo momento se os alumnos fan as tarefas. Tamén desapareceu a figura do profesor maxistral, limitándose a súa labor a dar unhas simples indicacións acerca dun tema determinado e deixando que os rapaces traballen de forma autónoma.

Durante a clase, todos teñen liberdade de movemento, acción e responsabilidade. Non parece importar moito ós profesores que os alumnos falen ou que utilicen as tablets para o que lles apeteza, xa que o importante é que aprendan a responsabilizarse das súas accións e que estean contentos na escola.

Agora imos con un listado de cousiñas que teñen aquí na aula de música e que Eva vai reclamar para o ano que vén: 12 guitarras españolas, 2 baixos, 4  guitarras eléctricas, 4 teclados, un sintetizador, un piano, 4 baterías, percusión, unha mesa de mezclas de 16 canais e outra dixital.

Unha das clases ás que asistín foi a de informática para alumnos de 15 anos, non recordo que curso é aquí. É un curso optativo no que non hai nota numérica, simplemente apto ou non apto. Están vendo un temario de programación similar (algo máis avanzado) ó que imos impartir nós o ano que ven en 2º da ESO. O único pero é que parece que nesa optativa soen estar os rapaces mentres que a maioría das rapazas van a outras como manualidades ou cociña. Isto último témolo que confirmar aínda, pero non nos gustou un pelo. 

E nada máis que xa foi abondo por hoxe. Bo finde e se ledes isto o luns, a traballar, lacazáns!

 

CHEGAMOS!

DÍA 1

Chegamos ó noso destino sen grandes dificultades. Día de avión e tren. 

 

Turku é unha cidade máis ou menos como Vigo en extensión. De noite vese algo lúgubre e solitaria, esperamos que de día cambie bastante o panorama. Hoxe parece que vai caer unha boa xeada, notámolo no ambiente.

 

Pouco a pouco, ímonos aclimatando ás costumes do lugar. Gozamos ás 20:00 dunha suave temperatura de -10 graos, nada que unha boa zamarra e dous pares de calcetíns non poidan arranxar. Tamén resolvemos dúbidas como o problema da adherencia co xeo nas rúas. Resulta que están cubertas de grava miúda, algo molesto para carretar os nosos maletóns, pero moi útil se non queres  esvarar e caer de cu ou fuciños.

De momento pouco máis que contar. Mañá será a nosa primeira toma de contacto co instituto no que imos facer a nosa inmersión na educación finesa. Deica mañá.

 

VIAXE A FINLANDIA

DÍA 0

Saúdos  cordiais desde Madrid, primeira etapa da nosa aventura escandinava. Mañá poñemos rumbo a Helsinki. Pouco podemos contar aínda, así que de momento aquí tedes o vídeo que grabamos de presentación para ensinarlles o centro ós nosos homólogos finlandeses.

 

Distribuir contido