TALLERES E MÁIS COUSAS

DÍA 7

Outro día máis aquí, na soleada Turku. O xeo nas rúas estase empezando a derreter e agora é un pouco máis perigoso camiñar, pero as temperaturas están subindo e aguántase ben fora.

 

Hoxe vimos as aulas de manualidades e o taller de madeira e metal. Na primeira os rapaces e rapazas aprenden a coser e a facer todo tipo de productos téxtiles como bolsos e camisetas.

 

O taller de madeira e metal é impresionante. Pode que incluso mellor ca o taller dun dos nosos ciclos de FP. Aquí vos deixo unha lista de cousiñas que necesitamos no taller o ano que ven:

 

Asistimos tamén a unha interesante clase de historia nunha clase con varios grupos e tres profesores. A clase trataba sobre o descubrimento de América e os alumnos tiñan que decidir quen a descubriu, os primeiros poboadores que viñeron desde Siberia, os vikingos, Colón ou Vespucio. Despois déronlles a probar tomates, patacas, millo e chocolate. Tabaco non, supoño que porque está moi caro aquí, pero pareceunos unha boa forma de estudar o tema.

 

Estes días estamos falando con varios profesores, cos que falan ben en inglés e algún que fala español. Os que teñen máis antigüidade cóntannos que son reacios a usar demasiada tecnoloxía na clase xa que consideran que son importantes tamén as explicacións orais para afondar nos contidos. Incluso os pais non están totalmente seguros do uso da tecnoloxía como única ferramenta de aprendizaxe.

 

Hoxe invitáronnos a cear de restaurante, moi ben tamén. Mañá a ver se facemos dieta.