QUEN DIXO MEDO?

 DÍA 8

Feliz día da muller. Aquí non houbo folga pero trouxeron unhas flores, algo é algo. Nos descansos (un cada hora) xúntanse todos na sala de profesores para falar das súas cousas. Nunca se lles ve nada apurados. O único estresado é o director, pero o resto viven bastante ben.

 

Son moitas as diferencias que imos atopando co noso querido insti de Monforte, pero de vez en cando atopamos algunha cousa que nos recorda á casa. Duran moi pouco, iso si.

 

E imos ó choio. Fomos a unha clase de primaria con distintos ambientes, un espazo para o movemento ou expresión corporal, outro para ocio e cadeiras con rodas que permiten a mobilidade libre dos alumnos. Calquera sitio é bo para aprender.

 

Aquí a relación co alumno é moito máis cordial e relaxada que en España. Cando un alumno se porta mal, que son os menos, o profesor ignora ese comportamento e diríxese a el nun ton calmado sen dar protagonismo a ese comportamento e non se interrompe o curso da clase.  E Quen dixo medo? teñen total confianza en que nada malo vai suceder, así danlles agullas a nenos de 8 anos na clase de costura ou serróns ós de 11 anos máis longos que eles mesmos. Respecto a estes últimos, a técnica igual non é a mellor, pero van facendo o que poden.

 

Pero non todo é práctica. Tamén asistimos a unha das clases teóricas de química máis aburridas que vos poidades imaxinar. Facer e corrixir exercicios básicamente. O profesor contounos que era un grupo moi tranquilo e nos corroborámolo porque non deron un chío en toda a hora. Mañá despedímonos desta xente que nos tratou tan ben.