TOMA DE CONTACTO

DIA 2

Hoxe foi o noso primeiro día no Piikkiön yhtenäiskoulu (non me preguntedes como se pronuncia). Nesta escola estudian nenos de primaria e secundaria ata os 16 anos, o que vén sendo un dos nosos CPI. Os profes son majos e axúdannos bastante co transporte o cal e moito de agradecer, porque as distancias en Turku son quilométricas.

Tras asistir ás primeiras clases estamos un pouco en shock. Vimos cousas que non creriades como horarios de 8 a 3 da tarde con recreos de 15 minutos cada hora e un de media hora para comer. Nos recreos obrigan a saír ós rapaces ó patio coma nós, pero en días como hoxe con case -20 ºC poden quedar na clase os que queiran pedindo permiso, claro. Por certo, o xantar é gratis e tómano sobre as 10 da mañá. Aquí tedes o horario do profe de música.

Nesta escola cambiaron hai 5 anos os libros por ipads e as mochilas cargadas de libros por mochiliñas lixeiras. Cada profesor ten o libro electrónico dentro dunha aplicación conectada ó seu ipad na que pode ver en todo momento se os alumnos fan as tarefas. Tamén desapareceu a figura do profesor maxistral, limitándose a súa labor a dar unhas simples indicacións acerca dun tema determinado e deixando que os rapaces traballen de forma autónoma.

Durante a clase, todos teñen liberdade de movemento, acción e responsabilidade. Non parece importar moito ós profesores que os alumnos falen ou que utilicen as tablets para o que lles apeteza, xa que o importante é que aprendan a responsabilizarse das súas accións e que estean contentos na escola.

Agora imos con un listado de cousiñas que teñen aquí na aula de música e que Eva vai reclamar para o ano que vén: 12 guitarras españolas, 2 baixos, 4  guitarras eléctricas, 4 teclados, un sintetizador, un piano, 4 baterías, percusión, unha mesa de mezclas de 16 canais e outra dixital.

Unha das clases ás que asistín foi a de informática para alumnos de 15 anos, non recordo que curso é aquí. É un curso optativo no que non hai nota numérica, simplemente apto ou non apto. Están vendo un temario de programación similar (algo máis avanzado) ó que imos impartir nós o ano que ven en 2º da ESO. O único pero é que parece que nesa optativa soen estar os rapaces mentres que a maioría das rapazas van a outras como manualidades ou cociña. Isto último témolo que confirmar aínda, pero non nos gustou un pelo. 

E nada máis que xa foi abondo por hoxe. Bo finde e se ledes isto o luns, a traballar, lacazáns!