FAREWELL, FINLAND

Día 9

Hoxe despedímonos do Piikkiön e mañá poñemos rumbo ó país onde a temperatura se mide sen unha raia diante. Pouco nos quedaba por ver por aquí salvo algúns inventos escandinavos como estes atrís da clase de plástica.

 

Asistimos tamén a unha clase de cultura internacional para rapaces do que sería o noso 3º da ESO. Eva e mais eu compartimos cos alumnos información sobre as nosas costumes e as diferencias que hai co noso instituto. Entendíannos perfectamente e parecían bastante sorprendidos con algunhas cousas. Esta clase é obrigatoria para eles e os alumnos participan en intercambios con outros países, este ano Polonia. A aula é moi moderna e funcional.

 

Hoxe por fin visitamos a biblioteca. Resulta que non hai biblioteca como tal dentro da escola e utilizan unha pública que está fora do instituto, a uns 500 metros.

Os alumnos eran de primaria e foron eles sos uns minutos antes ca nós. O profesor contounos que era unha práctica habitual que seguen algúns deles, non todos. Por suposto se pasa algo el é o responsable pero como xa dixemos onte,  o estilo finlandés é dar esa confianza ós nenos desde pequenos para que adquiran responsabilidade e non sobreprotexelos. Isto fai que a súa actitude sexa máis madura na escola e non se comporten coma cabras cando se lles dá un pouco de liberdade.

 

Tamén visitamos as instalacións deportivas, onde fai máis calorciño que nas nosas. Gastan moito en calefacción aquí, pero non lles doen os cartos para iso, evidentemente. Teñen un campo artificial de fútbol novo que teñen que limpar de neve unha e outra vez, porque aquí non derrete aló á carreira.

 

E nada máis queda por contar por aquí. Esperamos chegar sans e salvos para contarvos o luns todo o que aprendemos que non é pouco.  Saúdos desde Turku.