Skip to Content

Taboleiro

Elena Colmeiro

A comunidade educativa do IES Pintor Colmeiro lamenta fondamente o pasamento de Elena Colmeiro, persoa moi querida tanto pola súa vinculación afectiva como polo seu labor artístico na destacada faceta de ceramista. Elena estivo moi vencellada á historia do noso centro de ensino dende os albores do mesmo. A súa presencia en diversas ocasións, caso do acto de nomeamento do instituto co nome do seu pai ou a inauguración da pirámide central, sempre foi relevante e significativa, aínda a pesar da súa delicada saúde e a súa lonxana residencia madrileña. Asemade, e como mostra da súa gran xenerosidade, costeou iniciativas como a instalación dun forno profesional de cerámica, doando a maiores dúas obras orixinais do seu pai Manuel Colmeiro.

A fotografía foi tomada en xaneiro de 2002 e recolle un dos momentos do acto no que se oficializou a doazón ao noso centro de dúas obras do pintor Manuel Colmeiro. De dereita a esquerda: Elena Colmeiro, Mª Teresa Pérez Tilve (directora) e Emilia González (viúva do pintor).

O IES Pintor Colmeiro, premiado por un proxecto de innovación educativa

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro acaba de gañar un Premio de Innovación Educativa cun proxecto sobre o consumo responsable, organizado polo Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade [ver publicación no DOG].

O traballo foi realizado polo alumnado de Tecnoloxía e de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato do curso 2019/20, baixo a coordinación do docente Pablo Eiras.

A idea foi analizar a etiquetaxe de diferentes produtos de uso cotiá e fixarse en diferentes aspectos das mesmas que pasan desapercibidos, así como a darlle significado a outros. 

No traballo realizado, que ten formato de aplicación para o móbil, estudáronse diferentes tipos de etiquetas: téxtiles, tecnolóxicas, medioambientais, alimentos frescos, videoxogos, relacionadas coa orixe, etc. Así, por exemplo nas téxtiles, reciclaxe e videoxogos indícase o que significan eses símbolos que vemos habitualmente, pero que con frecuencia non sabemos moi ben o seu significado.

En alimentos frescos prestouse atención á etiquetaxe de ovos, pan galego, aceite de oliva, orixes protexidas, etc, vendo que hai bastante diversidade de produtos, e que ao mellor non estamos comprando o que pensabamos.

Nas tecnolóxicas prestouse atención á etiquetaxe de diferentes produtos; por exemplo, no apartado de pneumáticos, interpretando o que significan as letras que figuran nas etiquetas transformándoas en unidades reais, entendibles polos consumidores, como son a distancia de freado ou litros de combustible aforrados.  Así tamén no apartado de electrodomésticos, onde se fai a interpretación das letras e consumos que figuran na etiqueta, mesmo incorporando un link a un excel que che permite calcular e comparar o aforro que supón a compra dun electrodoméstico ou outro, simplemente introducindo os valores que figuran na etiqueta. 

O traballo pódese ver, en formato para o móbil, na seguinte ligazón: https://deluxe.123freeapps.com/5e37fed0789ab

Distribuir contido


by Dr. Radut