Skip to Content

Taboleiro

Actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024 para alumnado de 1º e 2º de bacharelato

Publicada a convocatoria de axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato que cursa en centros docentes sostidos con fondos públicos. Pode consultar a convocatoria nesta ligazón.

A solicitude destas axudas iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible na páxina web do programa: https://www.edu.xunta.gal/axudasle/

Prazo de solicitudes aberto dende o 13 de FEBREIRO ata o 12 de MARZO (incluído).

Probas libres para a obtención dos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e bacharel [2024]

Publicada no DOG a Resolución do 3 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de abril e xuño, e se ditan instrucións para a súa realización.

Os prazos de matrícula serán:

  • Primeira convocatoria: do 5 ao 21 de febreiro de 2024.
  • Segunda convocatoria: do 8 ao 19 de abril de 2024.

Publicada a Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 15 e o 28 de febreiro de 2024.

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e superior [2024]

O día 8 de xaneiro publicouse no DOG a Orde pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2024

Requisitos:

  • Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.
  • Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.

Prazos de presentación de solicitudes:

  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio: entre os días 26 de febreiro e 8 de marzo de 2024, ambos os dous incluídos.
  • Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: entre os días 29 de xaneiro e 9 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos.

Máis información:

Prohibición do uso de dispositivos móbiles

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou a Orde do 4 de xaneiro de 2024, pola que se aproba o protocolo sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No primeiro punto do devandito protocolo indícase que "a prohibición de uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación establecida durante os períodos lectivos debe estenderse tamén, con carácter xeral, á totalidade da xornada escolar, incorporando os períodos non lectivos. En consecuencia, non se permitirá durante a xornada escolar o emprego libre destes dispositivos."

No segundo punto do protocolo especifícase cales son os períodos non lectivos aos que se estende a prohibición de uso dos móbiles: "as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares."

As novas normas sobre uso de móbiles entran en vigor o 8 de xaneiro de 2024.

Diploma de excelencia a Meteocolmeiro

A Consellería de Educación concedeu un diploma de excelencia ao IES Plurilingüe Pintor Colmeiro polo seu proxecto Meteocolmeiro, enmarcado dentro do programa Meteoescolas.

Esta iniciativa inclúe unha serie de actividades relacionadas co estudo do clima e a meteoroloxía. O centro silledense conta cunha estación meteorolóxica deseñada polo alumnado. As actividades relacionadas co programa contan coa implicación de diferentes departamentos didácticos e materias. A finais do ano pasado, o proxecto tivo un stand propio na feira científica do Colmeiro no que presentou os seus traballos.

Pagamento do seguro escolar [2023/24]

Todo o alumnado de 3º ESO, 4º ESO, FP, bacharelato e ESA ten que facer efectivo no momento da matrícula o pagamento da cota anual do seguro escolar obrigatorio (1,12 €). O noso centro optou no seu día por aprazar esta xestión, co propósito de facilitar a matrícula telemática e de reducir ao máximo os desprazamentos das familias ao centro e/ou ás entidades bancarias.

Unha vez iniciadas as actividades lectivas, abrimos o prazo para realizar o pagamento das devanditas taxas, trámite que deberá ser realizado polo propio alumnado nas oficinas do centro. 

Para simplificar e axilizar ao máximo esta xestión, decidimos aplicarlle un redondeo á taxa oficial, que pasa de 1,12 € a 1 €. Polo tanto, o alumnado dos cursos arriba mencionados deberá facer entrega de 1 € nas oficinas do centro. O prazo para realizar o pagamento rematará o 23 de outubro.

Cursos de capacitación dixital para persoas adultas

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro incorporouse recentemente á Rede Galega de Educación Dixital da Comunidade Autónoma de Galicia. Un dos obxectivos desta plataforma é abrir os centros educativos á poboación adulta que non estea recibindo formación no sistema educativo galego. 

Unha das accións formativas que vai promover o noso centro dentro da Rede Galega de Educación Dixital é un curso de 30 horas de duración. O curso vai dirixido a persoas adultas, preferentemente maiores de 55 anos. Desenvolverase nas aulas de informática do IES Pintor Colmeiro. O alumnado que participe recibirá unha formación dirixida á adquisición de competencias dixitais básicas en ámbitos tales como o manexo do correo electrónico, a navegación por internet ou o uso seguro dos dispositivos móbiles.

O curso é subvencionado polo Fondo Social Europeo, polo que é totalmente gratuíto. Ao remate conseguirase un certificado de asistencia e aproveitamento, co que se poderán acreditar 30 horas asociadas a unha cualificación de nivel 2 do Catálogo nacional de Cualificacións profesionais (IFC748_2)

Cada curso atenderá un mínimo de 15 e un máximo de 20 persoas. O primeiro deles desenvolverase neste mes de setembro. O horario das clases será de tarde e cada curso terá unha duración de 10 días.

A inscrición pode realizarse de calquera destas tres vías:

  • Nas propias oficinas do centro, en horario de 9:00 a 14:00.
  • Telefonicamente (986580904). 
  • Por correo electrónico, escribíndonos ao enderezo ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal. Os datos que precisamos para a inscrición provisional son apelidos e nome, data de nacemento e un teléfono de contacto.

Matrícula CUALE 23/24

Aínda quedan prazas libres!!

O alumnado interesado en prepararse para as probas da Escola Oficial de Idiomas dos niveis A2 e B1 pode matricularse no programa CUALE dende o 11 de setembro ata o 18 de setembro (ambos incluídos).

O impreso de matrícula está dispoñible en Secretaría.

  • CUALE A2 para o alumnado de 4º ESO.
  • CUALE B1 para o alumnado de Bacharelato, ciclos e alumando que xa teña o certificado A2.

O horario das clases é o seguinte :

  • A2: mércores, de 16:00 h a 18:30 h (inicio das clases: 20/09/2023)
  • B1: luns, de 16:00 h a 18:30 h (inicio das clases 18/09/2023)

Inicio do curso 2023/2024

O inicio da actividade lectiva correspondente ao curso 2023/24 desenvolverase de acordo a este calendario:

Fondo solidario de libros de texto 2023: listaxes e vales

O día 12 de xullo de 2023 estarán dispoñibles as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas na participación do fondo solidario de libros de texto. As listaxes definitivas publicaranse o 26 de xullo.

No artigo 13 da Orde de 10 de maio de 2023 establécese que todas as listaxes serán publicadas "única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do edificio escolar". Polo tanto, a devandita documentación só pode consultarse nas dependencias do centro ou por vía electrónica na aplicación Fondolibros, usando Chave 365 ou o certificado dixital.

Os vales de material escolar poden retirarse das oficinas do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro a partir do día 12 de xullo.

Os libros de texto entregaránselles ao alumnado no inicio de curso, é dicir, a partir do 11 de setembro.

Distribuir contido


by Dr. Radut