CONTRATOS-PROGRAMA

Contratos-programa 2020/21

Amplíase o prazo de solicitude ata o martes 13 de outubro.

 

ACLARACIÓN IMPORTANTE:

Con motivo das dúbidas xurdidas no profesorado en relación coa realización dun Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) específico relacionado con cada actuación na que se participe (apartado 8.1c da Resolución), infórmase que esta medida específica implica a realización dun PFPP único vinculado ao plan de mellora do centro, que inclúa todas as modalidades de contratos-programa solicitadas.

 

A iniciativa de contratos-programa trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora no que se poida, en función das necesidades detectadas e do proxecto educativo, potenciar, de forma prioritaria, o desenvolvemento das competencias clave, mellorar a convivencia, reducir as taxas de abandono escolar temperán, promover a igualdade de xénero e a inclusión, mellorar a competencia socioemocional, afondar no logro da excelencia educativa, promover a actividade física, así como proporcionar atención educativa para a compensación de desigualdades na educación.

Os centros docentes, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos concretos nun período de tempo determinado.

Con este fin, a convocatoria 2020/21 de contratos-programa incorpora dúas novas actuacións centradas nos ámbitos da actividade física e da xestión emocional as cales, sumadas ás incorporadas no curso 2019/20 referentes aos eixes de Igualdade, Convivencia e Inclusión, dan mostra do compromiso da administración educativa por ofrecer aos centros educativos oportunidades e recursos para desenvolver os seus proxectos, e seguir afondando na procura de estratexias para cambiar dinámicas e adoptar enfoques metodolóxicos novidosos.

En definitiva, o fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

 

Esta iniciativa consta de 9 actuacións:

1. Mellora das competencias clave.

2. Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.

3. IGUÁLA-T.

4. CON-VIVE.

5. INCLÚE-T.

6. EDUEMOCIONA

7. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

8. Mellora da calidade na xestión dos centros.

9. Promoción da Actividade Física en horario lectivo.

 

Acceso á aplicación informática