Skip to Content

Curso 2022-2023

Participa na carreira solidaria!

O venres 28 de outubro ás 10:00h o alumnado de 1º e 2º ESO sairá das aulas para dirixirse co seu profesorado ao punto de inicio da carreira solidaria "Unoentrecienmil". 

O percorrido transcorre polo Camiño dos Colexios, a rúa que vai desde o cruce do hospital ata a gardería, e o comezo será no inicio da rúa pola parte de hospital. Cada volta ao circuíto preparado son case 800 m. O alumnado sairá en tres quendas e cada un fará a distancia anterior as veces que poida nun tempo máximo de 20 minutos. 

O profesorado que estea libre a esa hora tamén pode unirse á carreira. 

Animámosvos a participar! Cantos máis sexamos, máis fondos conseguiremos para loitar contra a leucemia infantil. 

Intercambio do Departamento de Francés co Lycée René Descartes de Rennes

Emprendemos novamente os intercambios do dpto. de Francés e contamos para este ano co Programa EduExchanges.
Novo socio: Lycée René Descartes de Rennes, capital da Bretaña francesa.
Témoslles preparado un completo programa de actividades.
Son 36 alumnos de 2º de bach Bachibac que acollemos en Burela nas casas do noso alumnado de 1º de Bach. do 13 ao 20 de outubro de 2022.

Día 1 - Acollida en Burela (14/10/22)
María José Pardiñas, directora, recibiu na biblioteca do centro o alumnado de 2º de bacharelato Bachibac acompañado polos seus profesores Raoul Gómez e Paúl Coronado. Entregoulles un dossier informativo das visitas por Galicia ao longo da súa estadía. Logo o grupo visitou o barco museo Boniteiro da mán de Lino e tamén  coñeceu de preto o traballlo artesanal das Redeiras.

Día 2 e 3 - Fin de semana en familia

Día 4 - Viaxe a Santiago (17/10/22)
Non podía faltar no programa a visita a este conxunto patrimonio mundial da humanidade. Foi un día de paseo polas rúas do casco antigo, polo interior da catedral, polo claustro, museo e polas cubertas para terminar cunha contemplación da obra faraónica do mestre Mateo, o Pórtico da Gloria.

Día 5 - Costa da Mariña (18/10/22)
Un día soleiro esperaba polo grupo en Sargadelos onde visitaron o complexo histórico guíados polo noso compañeiro Toño Blanco e entraron na tan prestixiosa fábrica para observar todo o proceso de fabricación desta valiosa cerámica.
Xa en San Cibrao, interesáronse pola Carpintería de Ribeira de Francisco Fra e pola colección do Museo do Mar.
Logo de xantar na praia xunto a Maruxaina, viaxaron ata a praia das Catedrais onde mollaron mais cos pantalóns!!!!

Día 6 - Burela Despedida (19/10/22)
Unha mañá de moita auga e vento truncou o programado. Pero na biblioteca tiñamos plan B para os bretóns: primeiro resolveron por equipos un scape room sobre igualdade que tiña preparado a nosa coordinadora pola Igualdade Carmen Sampedro. Mediron as súas destrezas e axilidades cos xogos de mesa da aula PT que lles deixou Pilar Cebeiro. Foron polas aulas do centro e coñeceron algún taller.
Pasaron o recreo no centro, houbo sesión de fotos. Remataron a mañá nun encontrro institucional no concello onde Alfredo LLano lles convidou a volver.
Da derradeira tarde noite por Burela, sabemos que ata tarde estiveron ceando e paseando.

Accede aquí a completa reportaxe fotográfica.

Accede aquí a pequena crónica na web do Lycée Descartes.

Participamos na carreira solidaria "Un entre cen mil" contra a leucemia infantil

O venres 28 de outubro 1º e 2º ESO participarán na carreira solidaria "Un entre cen mil". Estade atentos! Nos próximos días publicaremos o percorrido e o horario da carreira. 

Vade adestrando! O IES Perdouro xa figura no mapa dos centros educativos que participarán na 8ª edición. Somos 597 centros educativos e 245.275 corredores. 

Viaxe a Palas de Rei e Vigo do alumnado de ciclos de Administrativo

O 5 e 6 de outubro o alumnado de 2º CM Xestión Administrativa visitou a empresa Jim Sports situada en Palas de Rei e adicada á comercialización de produtos deportivos e a creación de instalacións deportivas e á feira internacional de produtos de mar conxelados (CONXEMAR). As súas reflexións sobre o visto e aprendido foron estas: 

“Esta experiencia gustoume moito, vin empresas de diferentes culturas, descubrín lugares e comidas de distintas partes do mundo polo que foi moi gratificante”. (Alba Barreira Rodríguez) 

“Conxemar para min foi una inspiración, ver executivos reunidos na realidade e non nunha película e encontrarte con persoas que che explicaban o que facían con esa paixón e ganas. Tamén me gustou a experiencia de probar comida e coñecer un rincón doutros países ou simplemente pasar dunha esquina a outra e estar nun país dintisto. É unha experiencia que lle recomendaría a todo mundo. Ademais, que aumenta a túa creatividade. Podes coller ideas para o futuro”. (Eunice Sanches Monteiro - Eli) 

Podes continuar lendo esta e outras crónicas no blog Perdourando. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.

O CB de Fabricación e Montaxe colabora coa residencia da terceira idade de Burela

O alumnado do Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe traballará durante este curso en colaboración coa residencia da terceira idade de Burela. 

Os rapaces ocuparanse do mantemento e reparación de mobiliario e de distintos utensilios que se usan na residencia de forma habitual. Para o centro de maiores é indispensable ter en estado óptimo todo aquilo que necesitan para coidar dos seus usuarios e que isto se poida facer con rapidez é primordial. Os alumnos están moi satisfeitos de poder axudar e de que o seu traballo facilite o funcionamento da residencia. 

Queda aprazada a visita do presidente da Real Academia Galega

Por motivos de saúde, queda aprazado o encontro que hoxe tería lugar con Víctor F. Freixanes, presidente da RAG. 

Informaremos cando nos concrete unha nova data. 

Animación á lectura con motivo da visita do presidente da RAG

 

O martes 11 de outubro Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega, visitará o IES Perdouro e asistirá a unha recepción no Concello de Burela. 
 
Con motivo desta visita, a biblioteca deste centro organiza unha sesión de animación á lectura o xoves 6 ás 18:00h aberta a toda a sociedade de Burela. 
 
Se estás interesado en coñecer as obras de Víctor F. Freixanes e o público ao que van dirixidas, achégate á biblioteca do IES Perdouro. 
 

En primicia! O luns atoparedes unha novidade no instituto


O luns estará rematado un mural que leva por título "O berro vegliota" da autoría do artista Iago Eireos, fundador de Espazo Lupa Arte. 

O curso pasado a Deputación de Lugo daba a oportunidade aos colexios e institutos lucenses de solicitar que se pintase algún muro dos centros educativos. 

A temática era unha homenaxe a Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985), que foi un pintor e ilustrador de cómics. 

As doce pinturas que configuran a banda deseñada O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño relatan, metaforicamente, as agresións que reciben as linguas minoritarias. O vegliota é unha lingua que se falaba na zona de Dalmacia, na actual Croacia; unha lingua románica en extinción. Nos anos setenta, cando Patiño realizou esta obra, falábana unicamente medio centenar de persoas. Partindo deste dato, Patiño constrúe un relato-denuncia da represión que sufriu a lingua galega durante o franquismo. Trátase dunha contundente crónica satírica, na que aparecen o Papa e o Pentágono perseguindo ao último falante de vegliota para exterminalo. Está considerada a obra fundacional do cómic galego, e de aí a homenaxe que se lle quere render a Reimundo Patiño en colaboración cos centros educativos, pola súa defensa das linguas minoritarias e, especialmente, do galego. 
 
BUSCADE ESTE LUNS ONDE ESTÁ A SORPRESA NOS MUROS DO INSTITUTO!
 

Volven as Aulas Limpas!

 

En outubro comezamos de novo co concurso Aulas Limpas.

Cada grupo da ESO e de Bacharelato ten que encargarse de manter a súa aula limpa e ordenada. O profesorado titor nomeará encargados de vixiar os distintos aspectos que se revisarán na aula para conseguir o premio mensual e o grupo máis constante recibirá un premio especial a final de curso. 

Ao lado tedes a rúbrica. Fixádevos ben en todo o que se terá en conta para puntuar a limpeza e a orde na vosa aula

Sen previo aviso, profesorado, algún membro do equipo directivo e as limpadoras pasarán polas clases cada mes, normalmente despois de última hora, para comprobar que todo quede en orde. 

Ánimo e esperamos, cando menos, os mesmos resultados do curso pasado!!

Visita de Camilo Díaz Arias á exposición sobre Ediciós do Castro

A figura polifacética de Isaac Díaz Pardo na voz do seu fillo
 

O pasado xoves 22 de setembro do 2022, o alumnado de 4º da ESO e de Ciclo Medio de Xestión Administrativa, acudimos ao encontro con Camilo Díaz Arias, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo.

A súa visita foi ligada á exposición “O Castro tamén na orixe da literatura infantil e xuvenil”, instalada estes días na nosa biblioteca, a cal nos conta o nacemento de Ediciós do Castro en Sada, no ano 1963. Esta editorial sacou á luz 1500 volumes entre os que destaca Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, o máis vendido con 24 edicións tiradas. 
 
Camilo comezou falándonos da importancia que tivo o seu avó, Camilo Díaz Baliño, na traxectoria profesional de Isaac, ata chegar a converterse nunha figura polifacética: pintor, ceramista, deseñador, editor, escritor, empresario, político... 
 
Durante a Guerra Civil Española, Camilo Díaz Baliño fora fusilado polo réxime franquista o que marcou moito a Isaac, quen tamén uns anos máis tarde, tivo que fuxir a Madrid, onde estudou Belas Artes. Anos máis tarde abandona as artes plásticas, e volta a Galicia onde fundou, en 1949, a fábrica de porcelana, Cerámicas do Castro, en Sada. 
 
En 1963 constituíu en Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas, como Luis Seoane, o Laboratorio de Formas. Nese país, en concreto na cidade de Magdalena, funda e dirixe a fábrica Porcelanas Celtia. 
 
Dende 1968, funda o Grupo Sargadelos, sendo a dirección e administración do mesmo o seu labor máis coñecido, ao cal destina gran parte dos beneficios para recuperar a cultura galega e a memoria histórica. No centenario do seu nacemento, Sargadelos foi declarado Ben de Interese Cultural, ademais de celebrarse unha exposición na Cidade da Cultura de Galicia titulada “As miradas de Isaac”. 
 
Finalmente, Camilo falounos de Isaac como pai, o cal xogaba con el e os seus irmáns, ideaba papaventos e construía camións de madeira para que puidesen montar neles. 
 
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ
 
Adriana Polo González 
Damaris Gabriela Popovici 
2º Ciclo Medio de Xestión Administrativa

Exposición de literatura infantil e xuvenil de Ediciós do Castro

Desde o 16 ao 30 de setembro contamos no IES Perdouro cunha exposición na que se explica a aportación de Ediciós do Castro á historia da literatura galega infantil e xuvenil. 

O xoves a partir das 12:20h, acompañaranos o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, para falarnos desta exposición e da figura de seu pai, nesta ocasión, fundamentalmente no desenvolvemento editorial dentro da cultura galega. 

A exposición trata sobre a idea de crear unha editora dentro da empresa, o contexto cronolóxico no que medra esta proposta empresarial e cultural, os inicios da literatura infantil e xuvenil en galego, a importancia de Memorias dun neno labrego e doutras publicacións de Ediciós do Castro e a autoría das ilustracións e das obras que viron a luz con este selo editorial. 

A mostra está composta de 10 paneis que ata o día 30 de setembro podedes visitar na biblioteca co voso alumnado. 

Achégase o PDF da exposición por se queredes botarlle un vistazo para explicarlle algo ao alumnado de xeito previo á visita. 

Celebramos a Semana europea da mobilidade

Colaboramos co concello na Semana europea da mobilidade e o mércores 21 de setembro o alumnado de 1º ESO recibirá información sobre educación vial por parte dunha profesional da DXT. 

Ademais, se visitades un posto que estará situado en diferentes lugares de Burela baixo o lema "Eu na bici", as vosas profesoras de Educación Física valorarano positivamente. Iso si, tedes que visitar o posto polo menos catro veces e seguir estas pautas: 

1. Teñen que ver que ides ata alí en bicicleta. 

2. Debedes achegarvos polo posto cando menos en catro días diferentes. 

3. Teñen que selarvos un documento de que estivestes alí que poña o voso nome e que estudades no IES Perdouro. 

4. Na última visita tedes que introducir o papel nunha urna. 

Ao mesmo tempo, participaredes nun sorteo organizado polo concello no que o premio é unha cea. As persoas que atenden o posto "Eu na bici" farannos chegar os documentos dos participantes do Perdouro para que as profes de Educación Física o teñan en conta. 

A participar!! Desde hoxe, venres 16, ata o xoves 22 de setembro. Aquí tedes o cartel para buscar o posto por Burela. 

 

Voltan os retos da Xeración ECO!!

Este curso continuaremos cos retos sostibles para reducir a pegada hídrica e de carbono. Recordade que o curso pasado alcanzamos o segundo posto a nivel nacional e recibimos unha importante dotación para ter o noso propio horto: mesas de cultivo, composteiro, regadeiras etc. 

Agardamos a mesma colaboración ca o curso pasado. Nesta ocasión, o primeiro reto centráse no vidro. Trátase de levar a cabo algunha actividade que investigue sobre: 

- como se xera o vidro, 

- que impacto ten no medio,

- e que múltiples usos pode ter este material dado o seu alto valor. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade, que dure no tempo, o número de alumnado involucrado e a transversalidade entre diferentes ámbitos. 

A partir do 30 de outubro hai que presentar as actividades. Charo, xefa do departamento de Bioloxía, coordinará unha vez máis os retos e debemos enviarlle a ela as nosas aportacións. 

Atención aos obxectivos. Comeza o reto 1!!

Xornadas técnicas de soldadura robotizada no IES Perdouro

Durante o 5 e o 6 de xullo desenvólvense no taller de Mecanizado do IES Perdouro, as Xornadas Técnicas de soldadura robotizada con Road Show de Binzel. 

A petición da empresa Ángel Vizoso S.L., Binzel presenta no IES Perdouro un robot de soldadura con visión artificial capaz de detectar as pezas que ten que soldar, corrixir a traxectoria se hai algún erro, limpar o cabezal para que o cordón de soldadura quede uniforme etc. O operario non ten máis que introducir no programa unha serie de parámentros e o robot fai o resto. 

Á parte disto, conta con aspiración, o que protexe a saúde do soldador e das persoas que poidan estar ao seu redor, algo que será obrigatorio en breve en calquera posto de traballo no que se precise soldar. 

Contan tamén con robots imantados que permiten soldar amplas superficies en barcos ou instalacións nas que teñan que traballar en paredes verticais. 

As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse no seguinte enlace da páxina https://angelvizoso.com/. 

O horario das xornadas é de 9:00 a 17:30h durante o martes 5 e o mércores 6 de xullo. 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut