Skip to Content

Educación emocional

Programa de Educación emocional

Durante o curso pasado traballamos a Educación emocional e este programa é o resultado de compendiar as distintas actividades que fomos aprendendo. 

Co obxectivo de facilitar o traballo a quen desexe utilizalas, están á vosa disposición en PDF no bloque de Educación responsable á dereita desta páxina web e podedes visualizalas de forma máis gráfica neste libriño: 

Pílula sobre Educación Emocional nº 31

Hoxe remata un curso intenso e cheo de emocións tanto positivas como negativas; pero, recordade, todas elas necesarias e útiles. Dende o IES Perdouro e dende “os mércores de emocións” desexámosvos: 
  • Que sexades vós mesmos/as. 
  • Que fracasedes, aprendades e vos ergades de novo. 
  • Que elixades o voso camiño profesional e tamén o cambiedes cando queirades. 
  • Que vos defendades cando alguén vos ataque.
  • Que saibades buscar axuda se non sabedes defendervos sós. 
  • Que vos fagades respectar. 
  • Que elixades as vosas parellas. 
  • Que terminedes as relacións cando estas non funcionen. 
  • Que saibades que ninguén é mellor nin peor que vosoutros/as. 
  • Que tedes dereito a todo na vida, que non renunciedes a nada. 
  • Que sexades responsables dos vosos actos e decisións, pero sen culpas. 
  • Que aprendades a aceptar as cousas como veñen en lugar de resignarvos ou resistirvos. 
  • E por último…. que teñades un BO VERÁN!!!!!

Pílula sobre Educación Emocional nº 30

Está a punto de rematar o curso, así que pensamos que é unha boa ocasión para facer reconto por escrito dos momentos importantes deste ano e das emocións que sentiches en cada un deles.

Atréveste?

Colle unha folla de papel e ponte a iso, estarás traballando a conciencia emocional e tomarás tamén conciencia de cantas cousas importantes pasaron nestes nove meses da túa vida.

Pílula sobre Educación Emocional nº 29

Hoxe imos falar do último dos comportamentos que dicía Laurie Santos que xeraban benestar emocional: VIVIR O MOMENTO PRESENTE.

Se poñemos atención no que pensamos, decatarémonos de que a maioría do tempo a nosa mente está ou ben no pasado (cando me dixeron, cando fixen, cando fun a tal sitio, etc...) ou ben no futuro (cando chegue o verán, cando aprobe, cando cumpra 18, mañá tócame facer, etc...) e moi poucas veces estamos no momento presente; e, se nos apuramos, case nunca estamos no minuto presente da nosa vida.

Propóñoche dúas prácticas:

A primeira é moi sinxela: colle unha folla de papel e escribe nela todo o que fixeches desde que abriches os ollos ao espertar hoxe pola mañá; intenta facelo con todo luxo de detalles. 

Seguramente che pase que non sexas capaz de recordar todo o que fixeches porque moitas cousas facémolas en “piloto automático”, é dicir, non poñendo toda a atención no momento de facelas.

Por exemplo, seguro que lembras que te duchaches pola mañá pero, que fixeches primeiro?: lavar o corpo ou a cabeza? que xel usaches? canto xel gastaches? como era a temperatura da auga?... probablemente mentres estabas na ducha “non estabas aí” senón que a túa mente estaba en: “esta mañá teño que…”, “pola tarde quedei con....” Non houbo en ningún caso un “estar no presente” e, polo tanto, desfrutalo.

A segunda práctica tamén é sinxela. Para levala a cabo sigue os seguintes pasos.

Elixe unha actividade do día a día para dedicarlle toda a atención no momento de facela. Cando a realices préstalle toda a túa atención.

Se cando a estás realizando che veñen outros pensamentos, non te frustres, déixaos pasar e volve a pór a atención no que estás facendo.

Ao día seguinte fai o mesmo e todos os días repite a actividade do mesmo modo, con toda a atención posta nela. 

O que estás facendo é o que moitos autores chaman “mindfullness informal”.  

Se o repites día tras día o teu cerebro “vai collendo músculo” e vai aprendendo, de forma automática, a poñer atención no momento presente.

Se poñemos toda a atención no momento presente eliminaremos dous feitos que normalmente son os causantes principais do malestar:
- A rumiación, derivada de pensar de forma recorrente no pasado, de como foron as cousas, de como podía ter sido, etc...
- A ansiedade, derivada de pensar de forma recorrente no futuro, de como van ser as cousas, de que pasará, “e se….”  

Empezar con estas prácticas fará que esteas preparada para cando decidas dar o paso de usar unha gran ferramenta de regulación emocional como é a MEDITACIÓN.

Pílula sobre Educación Emocional nº 28

Seguimos falando dos comportamentos que xeran benestar; hoxe tocan os HÁBITOS SAUDABLES.

A práctica que vos propoñemos hoxe inclúese dentro da actividade física e é un baño de bosque ou Shinrin Yoku (ten a súa orixe en Xapón).

Un baño de bosque é un paseo por un bosque que se explora lentamente cos cinco sentidos. Non é un paseo cos amigos nin un pícnic. Tampouco é imprescindible un bosque, pode ser un espazo aberto natural. 

O requisito fundamental é deixar a un lado as présas. Non hai que percorrer unha distancia determinada nin facer un esforzo físico determinado. Nun baño de bosque pode levarnos ata catro horas percorrer un quilómetro e medio. O importante non son os quilómetros camiñados, senón o xeito de facelo.

Pasos a seguir:

  1.     Elixe un bosque, unha praia ou calquera espazo aberto natural e pon os cinco sentidos no que estás facendo.
  2.     Camiña sen présas
  3.     Pon atención nos sons que xorden
  4.     Pon atención nas cores que percibes
  5.     Enche os teus pulmóns de aire puro
  6.     Toca as árbores, plantas, a area, etc…para desfrutar do seu tacto

Unha vez terminado o paseo, reflexiona sobre o que sentiches mentres camiñabas: como estaba o teu corpo? como estaba a túa mente? chea de pensamentos? ou, polo contrario, estaba tranquila?

Unha vez percibidos os  beneficios, dámosche tamén unha información científica: estes paseos de bosque foron estudados na Universidade de Chiba (Xapón) e as conclusións ás que se chegou tras probar estes tranquilos paseos en 600 persoas foron que, nas persoas que se someteron a baños de bosque, a hormona cortisol (a hormona do estrés) diminuíu un 12,4 %, ao igual que a presión arterial, que baixou de media un 1,4 %.

Pílula sobre Educación Emocional nº 27

Seguimos falando dos comportamentos que xeran benestar; hoxe toca o AGRADECEMENTO.
A práctica que che propoñemos é a seguinte:
1️⃣ Colle unha folla de papel e escribe nela o nome de 3-5 persoas ás que esteas agradecido por algo. As razóns do agradecemento poden ser moitas: porque che ensinaron algo, porque te coidaron, porque te acompañaron en determinados momentos da túa vida, etc…
Esta parte da práctica axudarache a ser consciente das persoas que fixeron algo por ti, e do ben que iso supuxo para ti.
2️⃣ Agora fai un esforzo máis e, desas persoas elixidas, escolle a unha delas. O criterio da elección é teu. Unha vez feita a escolla escríbelle unha carta de agradecemento. Tómate o tempo para pensar todo o que lle queres agradecer e escríbeo con calma.
Toma conciencia sobre o que sentes mentres o fas.
3️⃣ Unha vez escrita, colle o teu teléfono e chama á persoa á que lle escribiches a carta e lella.
Toma conciencia sobre o que sentes mentres o fas.
Que che fixo sentir mellor, escribir a carta ou lerlla á persoa elixida?


Podes escribir o teu agradecemento a todas as persoas da lista e facer a chamada a todas elas.
Tamén é unha actividade moito mais xeradora de benestar quedar coa persoa e lerlle a carta cara a cara.
Pode ser que elixises facer o teu agradecemento a unha persoas que faleceu; é tamén unha actividade xeradora de benestar e pode servir como forma de despedida, de deixar ir, de reparar ou amortecer a dor que sentes por esa perda, etc…
Lembra: agradecer é un dos comportamentos, xunto con perdoar, que provoca mais benestar na persoa que o pon en práctica que na persoa que o recibe.

 

Pílula sobre Educación Emocional nº 26

Os expertos afirman que a xente é máis emocional na lingua materna.
A lingua materna é a que aprendemos na primeira infancia e achéganos ás emocións moito mais que unha lingua estranxeira.
Poderiamos dicir que, cando aprendemos unha lingua, as palabras chegan ao noso cerebro e somos capaces de procesalas e entendelas; en cambio, moitas palabras da nosa lingua nativa tocan directamente o noso corazón.
Así que hoxe, Día das Letras Galegas, imos dedicarlle o mércores de emocións a unha emoción propiamente galega, e que só se escribe na nosa lingua, A MORRIÑA.
Rafael Bisquerra, no seu dicionario de emocións e fenómenos afectivos, inclúe a morriña no total das emocións recollidas nel e, dentro delas, na galaxia da tristeza.  
Define a morriña como “tristeza ou melancolía, especialmente a nostalxia da terra natal. Palabra propia de Galicia”.
Invítote a que reflexiones sobre a morriña.
Sentíchela algunha vez? Se foi así, en que situación?
Para ti tamén forma parte da galaxia da tristeza ou a morriña no “che fai sentir tan mal”?
Que fas cando sentes morriña? Como a xestionas?
Hoxe é un día para celebrar a nosa lingua e pensamos que falar da emoción que mais nos representa sería unha boa idea, FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS¡¡¡¡

 

Pílula sobre Educación Emocional nº 25

Fai dous mércores comentabamos os 5️⃣ comportamentos nos que era bo “traballar” para, dese xeito, mellorar o noso benestar. Hoxe propoñemos a seguinte actividade para poñer en práctica o segundo deles: FACER ALGO POLOS DEMAIS. A proposta é para traballar durante unha semana.

1️⃣ Ten presente que durante toda a semana vas facer algo polas persoas coas que convives, e incluso por algunha que non coñeces. 

2️⃣ Pensa nas cousas que te fan sentir ben, por exemplo: 

  • a) Comer acompañada 
  • b) Manter unha boa conversa 
  • c) Que alguén che bote unha man cando vas moi cargada 
  • d) Que alguén che axude coas túas tarefas. 
  • e) Etc… 

3️⃣ Ponte mans a traballar: vas facer algo polas persoas que te rodean. Aquí tes algunha proposta:

  •  a) Conversa con túa nai/ pai escoitándoa/o con interese. 
  • b) Se vas de compras ao súper e ves a alguén que necesita axuda, anímate a botarlle unha man. 
  • c) Se estás na cola dun súper podes deixarlle pasar a esa persoa que crees que vai apurada. 
  • d) Bótalle unha man coas tarefas a ese compañeiro/a que sabes que o pode necesitar. 
  • e) Comparte o teu bocadillo a ou invita a alguén ao que sabes que lle apetece tomar un bocadillo contigo. Quen di un bocadillo di calquera cousa que poidas permitirte e saibas que lle fai ilusión/ou necesita a outra persoa.
  • f) Podes colaborar cunha asociación que teñas cerca e que necesita do teu voluntariado. 

En resumen dedica esta semana a facer algo polos outros de forma consciente. Finalmente, pon atención en como che fai sentir o comportamento desenvolvido, atendendo principalmente ás emocións que che provoca. Que supón no teu benestar?

Pílula sobre Educación Emocional nº 24

Nova entrega dos mércores das emocións:
O mércores pasado comentabamos os cinco comportamentos nos que era bo “traballar” para, dese xeito, mellorar o noso benestar.
Hoxe propoñemos a seguinte actividade para poñer en práctica o primeiro deles: SOCIALIZAR.
A proposta é para traballar durante unha semana.
- Primeiro: fai unha listaxe da xente coa que socializas de forma habitual. Podes facer unha táboa con varios apartados como poden ser: persoas coas que socializas todos ou case todos os días, persoas coas que socializas entre 3 ou 4 días á semana e persoas coas que socializas menos de 3 días á semana.
Que che suxire o teu rexistro?
Relaciónaste con moita xente?
Con pouca?
Consideras que é a suficiente?
- Segundo: fai unha listaxe desas persoas coas que fai tempo que non socializas e ao lado do nome pon a razón polo que isto acontece: falta de tempo, perda da relación, xa non coincidimos… A continuación ao lado pon si/non, poñendo “si” se botas de menos socializar con esa persoa ou poñendo “non” se non botas de menos esa socialización.
- Terceiro: busca ao longo da semana un momento para chamar ou quedar con esas persoas coas que fai tempo non socializas e aprecias e botas de menos. Quizais poidades quedar a tomar un café, ir ao cine, dar un paseo, charlar cara a cara, ou ben charlar un rato polo teléfono ou conversar por wasapp. Unha vez retomado o contacto toma conciencia de como che fixeron sentir eses encontros.
“Se estás sacrificando o teu tempo para traballar máis e gañar máis cartos, ese non é un bo comportamento. Sería mellor aumentar a cantidade de tempo libre que tes” (Laurie Santos).
Por último lembra que facer este tipo de listaxes axúdache a tomar conciencia das cousas.

Pílula sobre Educación Emocional nº 23

Esta semana falamos da felicidade.
“A ciencia demostrounos que ser feliz require un esforzo intencionado. Non é algo que simplemente poidas facer, tes que practicar para mellorar e mellorar" (Laurie Santos, profesora Universidade Yale)
Laurie Santos leva 20 anos investigando e estudando sobre a felicidade, a satisfacción e o benestar emocional. As súas conclusións levárona a identificar cinco comportamentos que xeran benestar:
1️⃣ Socializar: todos os estudos científicos sociais suxiren que os que son felices pasan tempo coas persoas que lles importan, xa sexa a súa familia, amigos, incluso e útil socializar con descoñecidos.
2️⃣ Facer algo polos demais: a ciencia demostra que as persoas felices non se centran en si mesmas senón en facer boas accións polos demais.
3️⃣ Dar as grazas: normalmente pénsase que a felicidade se crea ao conseguir algo, pero os estudos demostran que xorde de apreciar o que se ten e dar as grazas por elo. As grazas poden ser á vida, a outras persoas ou incluso a Deus, pero nunca a un mesmo.
4️⃣ Hábitos saudables: ter bos hábitos provocan benestar. Estes poden ser durmir ben, facer exercicio, levar unha alimentación saudable, etc…
5️⃣ Vivir o momento presente: pensar no pasado ou no futuro provoca ansiedade. O pasado xa non ten posibilidade de cambio e o futuro no existe; así que técnicas como a meditación e o mindfulness que traballan poñer a atención no aquí e no agora (o momento presente) poden axudarche a ser máis feliz.
E tí, cantos comportamentos, incluídos dentro dos apartados anteriores, practicas habitualmente?
Anímaste a facer unha listaxe para tomar conciencia?
Os próximos mércores dedicaremos o post “dos mércores de emocións” a cada un destes comportamentos, proporcionando unha dinámica para poñelos en práctica.
Se queres deixarte inspirar por Laurie Santos, aquí tedes un enlace no que podes gozar escoitándoa: (4min.)
 

 

Pílula sobre Educación Emocional nº 22

Hoxe toca un conto sobre a autoestima.

Había unha vez unha mazá que sempre quixo ser unha estrela, nunca quixo ser unha mazá. Pasou horas pensando, emocionada, como sería vivir unha vida brilante dende o ceo.
Un bo día, vendo os paxaros subir ao ceo, a mazá preguntoulles:
-Onde dormen as estrelas?
Os paxaros, sorrindo, dixeron:
-Non, querida mazá, as estrelas están no ceo día e noite, sempre cheas de luz, pero de día o sol non nos deixa velas.
Os desexos da nosa protagonista de ser estrela reviviron. Aí  enriba, no ceo alto…cargada de luz inesgotable, pensaba.
Outro día a mazá preguntoulle ao vento:
-Dime vento, as estrelas están fixas ou móvense polo firmamento?
-As estrelas percorren todo o firmamento a unha velocidade vertixinosa, respondeu o vento.
Unha vez máis alimentáronse as ganas de converterse nunha estrela.
Pouco a pouco a mazá foi madurando; pero non logrou sorrir, non aceptou o seu destino e non foi feliz.
Un día, unha familia refuxiouse baixo as polas da maceira grande, buscando a súa sombra protectora. Felices contemplaron os apetitosos froitos; o pai sacudiu con coidado o tronco e caeron varias mazás, as máis maduras. A rapaza colleu a máis bonita, mirou para ela, cheirouna e fregouna co seu vestido, deixándoa moi brillante. Despois, pediulle ao seu pai o coitelo, e sen saber por que pero con moito coidado, cortouna en cruz, en horizontal; a nena quedou abraiada ao ver a estrela que apareceu no corazón da mazá. Mirade que marabillosa¡¡¡, aquí hai unha estrela!¡¡ berrou a nena esixindo a atención de toda a familia.
A mazá vivira sen decatarse que dentro de si gardaba o que tanto anhelaba, só que para mostrar a súa estrela tiña que abrirse e ofrecerse aos demais.
Moitas veces buscamos fóra o que temos dentro.

Pílula sobre Educación Emocional nº 21

Ás veces os contos axudan a entender mellor as cousas, así que hoxe toca un conto.

Hai moito tempo, dous labregos ían camiñando por un mercado e pararon diante do posto dun vendedor sorprendidos por unhas sementes que nunca viran.
- E…que sementes son esas?, preguntou un deles.
- Son de bambú. Veñen de Oriente e son unhas sementes moi especiais.
- E por que son tan especiais?, preguntou o outro labrego.
- Se as levan e as plantan, verán por que o son. Só necesitan auga e fertilizante.
Os campesiños motivados pola curiosidade, compraron as sementes de bambú, volveron as súas casas e plantáronas.
Pasado un tempo, as sementes non xerminaban, mentres que o resto dos cultivos seguían crecendo e dando froitos. Entón un dos labregos díxolle ao outro:
- Aquel vello enganounos, non sairá nada. E decidiu deixar de cultivalas.
O outro seguiu regando e coidando delas. Seguía pasando o tempo sen resultados ata que un bo día, cando xa estaba a punto de deixar de regalas, sorprendeuse ao atopar crecido o bambú. E non só iso, senón que as plantas acadaran unha altura de trinta metros en seis semanas.
Como era posible que o bambú tardase sete anos en xerminar e só seis semanas en acadar tal tamaño?
A verdade é que durante eses sete anos de aparente inactividade o bambú estaba xerando un complexo sistema de raíces que lle permitirían soster o crecemento que ía ter despois.
Ás veces as cousas na vida son como unha planta de bambú. Moitas veces queremos encontrar solucións rápidas, triunfos apresurados, sen entender que o éxito é simplemente o resultado do crecemento interno e que isto require tempo.
É tarefa difícil convencer o impaciente de que só chegan ao éxito aqueles que se manteñen de forma perseverante e coherente, e saben esperar o momento axeitado. De igual maneira que é necesario entender que, en moitas ocasións, estaremos fronte a situacións nas que cremos que non está sucedendo nada e isto pode ser extremadamente frustrante.
Así que lembra: se non consegues o que queres ou pensas que non está a suceder nada cos teus intentos por acadar algo, non desesperes… quizais simplemente estás botando raíces.

Pílula sobre Educación Emocional nº 20

Mércores de emocións: nova entrega.

Hoxe imos falar dos químicos da felicidade.
Hai catro produtos químicos naturais xerados polo noso corpo que adoitan definirse como o "cuarteto feliz”.
Este cuarteto está composto por:
  •  As endorfinas
  •  A serotonina
  •  A dopamina
  •  A oxitocina
As endorfinas son consideradas a morfina do corpo, unha especie de analxésico natural. Inhiben a dor e, polo tanto, permítenos ter unha sensación de felicidade, creatividade ou mesmo euforia independentemente da realidade.
A serotonina flúe cando te sentes importante; a sensación de soidade e ata a depresión son respostas químicas á súa ausencia. Xoga un papel importante na regulación da agresión e da ira, na resposta sexual e de pracer, no estado de ánimo optimista, así como na regulación do apetito.
A dopamina descríbese a miúdo como a responsable de sentimentos como o amor e a luxuria, pero tamén se lle acusa de ser responsable das adiccións. Por iso se di que é a mediadora do pracer. Xoga un papel fundamental no desenvolvemento das redes neuronais e inflúe en funcións importantes como a atención e a memoria, polo que é crucial nos procesos de aprendizaxe e na resolución de problemas.
A oxitocina é chamada frecuentemente "a hormona do abrazo". É moi coñecida pola súa intervención no embarazo e no parto; pero máis aló destes momentos, xoga un papel fundamental no desenvolvemento e mantemento dos vínculos en xeral, no coñecido sistema de apego.
Estes químicos naturais son producidos polo propio corpo.
Deixamos un listado das actividades/hábitos que favorecen a aparición deles. Son actividades que todos podemos pór en práctica todos os días, e dese xeito, acadar máis momentos de felicidade e facer fronte ós malos momentos.

Pílula sobre Educación Emocional nº 19

O post de hoxe trata sobre as habilidades de vida e benestar, e dentro disto, da importancia de ter obxectivos (ou soños).
Coñeces a Adrian Ben ?
@adryben44 é un rapaz de Viveiro que dende pequeno destacou polas súas condicións físicas. De neno gañou diferentes títulos a nivel provincial e autonómico en campo a través e atletismo en pista. Comezou a competir como alumno do seu colexio ata que aos 13 anos entrou no Club Atletismo Lucus de Lugo onde militou durante catro anos ata que marchou para Madrid.
O apoio e sacrificio da súa familia foi vital na carreira de Adrián. Viveiro non contaba con pista de atletismo, polo que comezou a adestrar no paseo marítimo da vila.
Para que adestrase axeitadamente, e sobre todo como consecuencia do seu traslado ao Lucus, os seus pais alternábanse levándoo a Lugo varios días ao mes.
Hoxe Adrián é campión de Europa  en 800 metros en pista cuberta; ademais  logrou o  5º posto na final de 800 metros dos Xogos Olímpicos de Tokio.

Cales pensas que son as razóns que o levaron a acadar eses éxitos?
Lóxicamente as razóns son moitas: traballo, esforzo, disciplina, ilusión, optimismo, resiliencia, rodearse de persoas que axuden a brillar…
Pero o post de hoxe ten que ver cunha razón tan importante como as nomeadas enriba.
Adrián é un rapaz que ten obxectivos, mellor dito: ten SOÑOS, e cando te permites soñar estás moito más cerca de lograr o que queres, é sobre todo, moito máis lonxe de que os demais decidan a túa vida.
Se repasamos as declaracións de Adrián trala súa vitoria en Estambul chama a atención como fala de "soños”, non só de obxectivos:

  • "Soñaba con gañar unha medalla nun gran campionato"
    "As bágoas despois da final foron por ter sido quen de cumprir un soño"
  • "Levo un título, teño o 20% do traballo feito"
  • "Teño un ouro, un 20%; Quedan catro Grand Slams"

Adrián ten moi claro o que quere lograr e vai trazando o seu camiño de acordo co que soñou. Seguro que ó longo da súa vida oiría persoas que lle dirían “non o vas lograr”, “chegar as Olimpíadas é imposible”, “como vai chegar un rapaz de Viveiro a ser profesional do atletismo?”… Pero el tiña un soño... e por iso está máis preto de alcanzalo.

E vos, que soños tedes?
Colle un papel, escribe nel os teus soños, e dende este momento orienta a túa vida para alcanzalos deses xeito percorrerás o camiño que ti elixas, e pode ser que ao final logres “a túa medalla” como lle ocorreu a Adrián.

Pílula sobre Educación Emocional nº 18

Hoxe voltamos para escoitar  a David Bueno  falar sobre “O cerebro adolescente”.

David Bueno é Doutor en Bioloxía e na actualidade dirixe a cátedra de Neuroeducación da Universidade de Barcelona.
Escoitalo axuda a comprender os comportamentos dos adolescentes, o que fai moito máis doado entendelos e, polo tanto axudalos.
Escoitar a David sempre axuda a esclarecer que actitude manter fronte á rapazada que está vivindo esta etapa da adolescencia:
- "A adolescencia é un túnel con luz ao final. Aproveitemos que o túnel se acaba para disfrutalo nosoutros tamén. Non te enfrontes á adolescencia dos teus fillos porque non sairás airoso. Desfrútaa acompañando, apoiando e sabendo que moitas das súas actitudes te van a disgustar, como aos teus pais lles desgustaron as túas".
- "Nesta etapa, ademais de aprender moitas cousas, pódense reconducir actitudes que na infancia non están ben asimiladas porque o cerebro adolescente é moi plástico".
- “A forma en “como” aprendemos inflúe na visión do mundo e na relación coa contorna"
- "O cerebro tende a almacenar mellor, e a usar despois con máis eficiencia, as aprendizaxes transversais e contextualizados que as puntuáis e específicas".

Podes escoitar todo isto e moito máis no podcast de Cristina Mitre @thebeautymail onde todo o que di é útil para pais, docentes e os propios adolescentes. https://www.ivoox.com/entender-a-adolescentes-que-pasa-verdad-audios-mp3_rf_102203461_1.html

Distribuir contido


by Dr. Radut