Skip to Content

Información

Modelo Burela, innovación pedagóxica para o fortalecemento democrático

Bernardo Penabade Rei interviu nunha mesa redonda sobre innovacións pedagóxicas no marco dunha xornada formativa organizada entre o Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago e o CAFI que tiña como tema condutor o Fortalecemento democrático. Na mesa redonda moderada por Manuel Vila López, Vicedirector Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, falaron ademais de Bernardo, Mar Lorenzo Molelo, membro do Grupo de Investigación ESCULCA, Josefa Izquierdo Alberca, do Instituto Español de Estudos Estratéxicos do Ministerio de Defensa, e Hafdallah Menni da Asociación Diversidades de Vigo.

 

 

Antonina Semedo, matriarca da paz

Para clausurar os actos de conmemoración do día escolar da paz, Loly Chas, orientadora do IES Perdouro, promoveu na mañá do luns 6 de febreiro un encontro intercultural destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO que levou por título “Antonina Semedo, matriarca da paz”.


Coa finalidade de promover a interculturalidade como eixo integrador de paz entre o alumnado do IES Perdouro e sendo Burela un concello con máis de 40 nacionalidades representadas, celebrouse na biblioteca do centro escolar unha mesa redonda que moderarán alumnos de 2º de ESO, futuros xornalistas da radio escolar, para coñecer as vivencias da inmigración. Nesta ocasión a convidada foi Antonina Semedo, unha das primeiras inmigrantes que acolleu a Mariña, claro exemplo de muller traballadora, loitadora e impulsora da convivencia galeico-caboverdiana ademais de integrante do grupo musical Batuka Tabanka e presidenta de Cultura Tabanka.

Para introducir o acto, Virginia Lama, PT e profesora de inclusión educativa, preparou cos seus alumnos e alumnas recen chegados de Cabo Verde, Brasil e Portugal, unha presentación audiovisual desta convidada de excepción. Logo da posta en situación, a entrevista foi conducida por futuros xornalistas da radio escolar. A emigración, a inclusión ou a situación da muller son algunhas das preguntas que lle teñen preparadas un grupiño de rapaces de 2º de ESO á convidada de orixe caboverdiana.

 

Acto recoñecemento Premio ESO ao esforzo e á superación persoal Álex Landim

Video do acto que tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro o martes 24 de xaneiro no recreo.

Acto dedicado a Álex Landim

A biblioteca do IES Perdouro acollerá ás 11:05 da mañá do martes, día 24 de xaneiro, un acto académico dedicado ao ex-alumno Álex Landim Correia, gañador dun dos premios á dedicación e esforzo convocados pola Consellería de Educación. Ademais do mozo premiado, no acto -coordinado por Virginia Lama, profesora de Inclusión Educativa- participarán a Xefa de Estudos (María José Andión), a Vicedirectora (Karina Parga), a coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística (Miruca Parga), Antonina Semedo e unha representación de alumnos e alumnas que alcanzaron o título de ESO durante o curso 2015-2016. Con atención específica para o alumnado de recente incorporación ao sistema educativo galego desde setembro de 2014, o IES Perdouro conta desde o presente curso académico cunha profesora especialista en Inclusión Educativa.

Modelo Burela de atención á diversidade

Ler artigo en EDUGA

Modelo Burela de atención á diversidade

 

O Modelo Burela reflexa algunhas das medidas de atención á diversidade desenvolvidas no IES Perdouro de Burela

 

 

O Modelo Burela protagonista dunha xornada de estudo no País Vasco, dentro de Donosti, Capital Europea da Cultura

O MODELO BURELA PROTAGONISTA DUNHA XORNADA DE ESTUDO NO PAÍS VASCO

Durante os días 23 e 24 de xuño, dentro do marco de Donosti-capital europea da cultura -2016, celébrase un encontro entre as iniciativas consideradas como modelos de boas prácticas en materia de integración socioeducativa. Entre esas boas prácticas seleccionadas figura o Modelo Burela, que será presentado o día 24 de xuño, entre as 12:30 e as 13:30 horas.
Para realizar unha aproximación de "Achegamento ás linguas locais por parte de falantes de diferentes orixes", a metodoloxía do Modelo Burela será contrastada con outras dúas experiencias: a da Escola La Sinia, de Vic (Cataluña) e o Colegio Ramón Bajo, de Vitoria-Gasteiz.

OUTRAS REFERENCIAS
 
 

A integración social na Mariña tema central dunha tese central dunha tese de doutoramento feita por unha profesora irlandesa

A INTEGRACIÓN SOCIAL NA MARIÑA TEMA CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO FEITA POR UNHA PROFESORA IRLANDESA

A investigadora xa fixo a súa tese de licenciatura sobre a obra de Rosalía de Castro

No inicio do período democrático (1978), fíxose máis fluída a circulación de traballadores procedentes doutros países. Deixamos de exportar man de obra para pasar a reter persoas con boa formación profesional e incluso para demandar cadros técnicos moi necesarios para a implantación de novas empresas. Nese proceso, á nosa terra chegaron persoas procedentes dos Estados Unidos, de Francia, Alemaña, Holanda e os países británicos. Viñeron para Alúmina, para Citröen e tamén para empresas pequenas e medianas que necesitaban persoal cualificado para botar a andar a mecanización.

En moitos casos, eran xente moi nova, que aínda non tiña un traballo estábel no seu país. Chegaron aquí, gañaron diñeiro, gozaron dun bon nivel de vida, tiveron os primeiros fillos... e, tan pronto como puideron, retornaron á súa terra para asentárense en traballos fixos.

Quen sabe moito disto é a irlandesa Nicola Bermingham (Vigo; 1988), está estes días na Mariña en pleno proceso de investigación para a súa tese de doutoramento. Esta moza -con tan só 24 anos profesora da máis prestixiosa universidade escocesa- retorna á comunidade en que naceu e da que marchou hai 15 anos, cando seus pais conseguiron praza laboral no seu país de orixe.

Despois deste tempo, que quedou nela do período que pasou na escola infantil de Vigo? Algo si. Desde logo, quedaron máis vivencias das aulas e do patio do Colexio Público García Barbón, onde estivo entre os 6 e os 10 anos. A nosa terra deixou pegada suficiente como para que, xa licenciada, decidise dedicar a súa tese de licenciatura ao estudo da obra de Rosalía de Castro, traballo que realizou en Dublín baixo a dirección dunha profesora orixinaria de Cataluña.

Mais ese mergullo na obra de Rosalía, de quen celebramos o 150º aniversario da publicación da súa primeira obra en galego, foi só un comezo. Agora prepara a tese de doutoramento sobre a nosa terra como lugar de acollida, con boas condicións para a integración. Faino en Burela, onde traballa da mañá á noite. Quere aproveitar ben as dúas semanas que estará entre nós (do día 18 ao 30 de maio).

Nicola érguese pola mañá e asiste en calidade de observadora a algunhas sesións docentes, onde haxa alumnado de procedencias diversas. Nas horas libres fala coa profesora Rosa Febrero, especialista en abrir a porta aos nenos e nenas procedentes doutros países e especialista tamén en buscar oportunidades para os autóctonos que presentan riscos de exclusión social. Son conversas case unilaterais: Nicola pregunta e Rosa responde.

Nos recreos a profesora irlandesa pasea polo patio na compaña dos estudantes. Fixo especial amizade en 4º de ESO. Os músicos acompáñana moi contentos, porque ela é integrante da Orquestra da Universidade en que traballa. Toca a viola. Mais nos recreos pasea e observa. Non quere profesorado consigo.

Despois das 11 visita Burela coa compaña da súa cámara de fotos, que utiliza frecuentemente para recoller textos escritos (anuncios, letreiros comerciais, bandos, publicidades, cartaces de feiras e festas...). Nalgunhas ocasións solicita a colaboración de Matías Nicieza, quen lle fixo de Cicerone no cemiterio parroquial para mostrarlle unha panorámica dos textos das lápidas xustamente cando se cumpre o centenario do recinto (1912-2013). De novo Nicola pregunta e, neste caso, Nicieza responde: cal foi a primeira que se redactou en galego, cales foron as seguintes e que ano, quen son as familias que as encargaron e en que obradoiro foron feitas.

En momentos perdidos Nicola redacta no seu caderno e polas tardes pasa a limpo no ordenador. De cando en cando, pregunta pola colocación do pronome átono, pide palabras específicas para plasmar determinados contidos ou confirma se son acertadas as súas reflexións sobre os paralelismos e as diverxencias das gramáticas galega e castelá.

Que sabemos dela? Que é máis de lingua que de literatura; que lle gusta a obra de Rosalía; que explica moi ben a cultura do seu país... Mais estamos seguros de que no seu caderno de notas hai percepcións gorentosas.

Semana de actividades Modelo Burela

A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.


No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )

 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

Acto musical

A aula de música do IES Perdouro de Burela recibe este mércores día 20 a visita de Eva Cajide Pedreira, artisticamente Evinha.

Esta moza luguesa de 21 anos é unha das tres representantes da provincia de Lugo que disputan as últimas fases dos Recantos da TVG, un concurso orientado á descuberta de novos valores musicais. Con este encontro musical, a área de Música do Instituto Perdouro pretende ofrecer unha actividade práctica ao alumnado en cuestións como a composición e interpretación musicais. A súa xornada didáctica comezará ás 9:20 da mañá. Posteriormente gravará con Matías Nicieza unha breve colaboración coa iniciativa pedagóxica “Modelo Burela” e, xa en horario de tarde, participará no programa radiofónico Proxecto Neo, onde coincidirá cos alumn@s que participan no seu club de fans, moi especialmente cunha das súas impulsoras, Xeila Villarino Coto.

Obradoiro de Comunicación coa sociolingüista Bernie O'Rourke

O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato foi partícipe duns obradoiros de comunicación en linguas inglesa e galega a cargo da sociolingüista Bernie O'Rourke os días 21 e 22 de febreiro respectivamente. Toni Galdo, profesor de lingua inglesa,  moderou un candente debate sobre as similitudes entre o gaélico e o galego. O alumnado puido coñecer de primeria man a realidade sociolingüística de Irlanda asi como debater sobre as políticas lingüísticas de Galicia e Irlanda. Bernie suscitou dúbidas ao respecto en ambos países e compartiu co noso alumnado puntos de vista sobre a convivencia lingüística en Galicia. 

Obradoiro de comunicación "Modelo Burela"

A convidada da presente edición é a sociolingüista irlandesa Bernadette O’Rourke

Bernadette O’Rourke, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo, estará entre os días 20 (mércores) e 22 (venres) do presente mes de febreiro en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. Aproveitando a súa visita, o Instituto Perdouro convidouna a participar nunha nova edición dos Obradoiros de Comunicación “Modelo Burela”, actividade que botou a andar en marzo de 2010 coa colaboración do profesor hindú Anik Nandi. 

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Bernie O’ Rourke (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante en galego) e Héctor Canto (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e irlandesa, xa relacionadas entre si desde tempo inmemorial.
As primeiras actividades destas xornadas celebraranse na tarde do mércores. Ás 5 da tarde, a profesora O’ Rourke participará en directo no programa radiofónico escolar Proxecto Neo, emitido por Radio Burela todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Seguidamente, comezará a realizar un traballo de campo consistente en diversas entrevistas coas que pretende obter un diagnóstico do panorama cultural de Burela. 
Tanto nas xornadas do xoves como do venres, a profesora convidada participará en actividades didácticas con alumnado de ESO e Bacharelato (en horarios aínda en elaboración) e continuará cos traballos da súa investigación. 

A profesora convidada

Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011. 

Outras referencias:

http://hw.academia.edu/BernadetteORourke
 
Artigo de opinión de Bernie O’Rourke
Chámome Bernie O'Rourke. Son irlandesa, mais levo varios anos vivindo en Edimburgo (Escocia), onde traballo na universidade de Heriot-Watt. Desde o ano 1998, cando fixen un lectorado na universidade da Coruña, levo moitos anos visitando Galicia.
Durante esa estancia comecei a interesarme pola realidade sociolingüística de Galicia e, sobre todo, polo uso do galego. En Irlanda tamén, como sabedes, temos outra lingua que é o gaélico irlandés da que hai cada vez menos falantes tradicionais, aínda que si vemos un aumento no número de neofalantes, isto é, a xente que non ten a lingua como lingua materna ou familiar senón que a aprendeu na escola.
O tema dos neofalantes é algo que me interesa moito. Levo varios anos taballando sobre o mesmo, sobre todo con colegas na universidade de Vigo. Actualmente estamos recollendo datos sobre persoas con estas características e o ano pasado pasei varios meses en Vigo entrevistando a neofalantes de diferentes idades que viven nesa cidade. As súas historias son moi diversas pero moi interesantes.
Durante o meu traballo de campo coñecín un rapaz de Burela, Héctor Canto, un enxeñeiro de telecomunicacións que me falou do Modelo Burela e das medidas inovadoras do proxecto para promover o uso da lingua entre toda a cidadanía, especialmente entre a xente chegada de fóra. Tamén coñecín outro investigador da India, Anik Nandi, que agora está facendo o seu doutoramento comigo en Edimburgo. Anik é un exemplo dun neofalante;  aprendeu o galego en Santiago e dende entón fálao con case todo o mundo.
O Modelo Burela demostra que a lingua galega é un ben común para todos e que hai xente de fóra que a ve como unha parte importante da súa identidade. Durante a miña visita á localidade, na próxima semana espero coñecer un pouco mellor a realidade sociolingüística deste lugar de referencia.

Séchu Sende, escritor "Modelo Burela" por un día

O autor de Made in Galiza participa nun encontro co alumnado do Instituto Perdouro

O mesmo que xa fixeron no seu día Xosé Neira Vilas, Mini e Mero, Ramón Blanco ou o sociolingüista bengalí Anik Nandi, o escritor Séchu Sende foi protagonista dun encontro cultural “Modelo Burela”. O evento celebrouse entre as 11:00 e as 14:00 horas deste venres, día 25 de xaneiro, na biblioteca do Instituto Perdouro e nel participou alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Orixe e Made in Galiza chegou a Burela á primeira hora da mañá e foi recibido no IES Perdouro polas coordinadoras da área de Innovación Educativa, Maria José Andión Fontela, e do Equipo de Normalización, Miruca Parga. Posteriormente, reuniuse coa Vice-directora do centro, Karina Parga, e coñeceu os alumnos e alumnas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas chegadas doutras latitudes.

Séchu Sende comezou facendo un repaso breve a súa traxectoria literaria e nada máis empezar soubo cativar o alumnado coas súas propias vivencias coa lingua galega. Contou anécdotas que lle sirviron para escribir Made en Galiza e conseguiu en máis dunha ocasión as risas do alumnado, que permaneceu fascinado ao longo da intervención do autor. Este continuou falando da súa viaxe ao Curdistán e terminou afirmando que no caso da lingua do país - sexa cal sexa este - é tan importante falala como saber escoitala. Antes de rematar o coloquio, unha lectura multilingüe feita por alumnos dos catro continentes dun fragmento de Made in Galiza converteuse na pinga intercultural do evento. O rematar o encontro o alumnado aproveitou a ocasión para pedirlle a Séchu asinar os seus exemplares.
Karina Parga sinala que esta actividade de animación á lectura dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato foi unha experiencia maravillosa, e engade que Séchu Sende enfeitizou os corazóns de todos nós.

Séchu Sende (Padrón, 1972), profesor no IES de Vila de Cruces, realizou os estudos de Bacharelato no Instituto Vilar Ponte de Viveiro, onde adquiriu o Galego como segunda lingua e recibiu a base para chegar a ser neofalante. Na cidade do Landro iniciou a súa carreira literaria ao conseguir gañar na mesma convocatoria os primeiros premios nas modalidades de poesía e narrativa do prestixioso certame literario Minerva, nun xurado presidido polo escritor Suso de Toro. Posteriormente, conseguiu alzarse co Blanco Amor de novela longa pola obra Orixe e o Ánxel Casal ao mellor libro do ano 2007 por Made in Galiza.

Apretada axenda na Mariña

Aproveitando a viaxe á Mariña, o día 26 (sábado) ás 8 da tarde o escritor presentará en Viveiro a súa última publicación: un libro de viaxe ao Curdistán. O acto celebrarase no Conservatorio de Música de Viveiro e nel o escritor contará coa presentación de Plácido Travieso e Bernardo Penabade. Os beneficios desta publicación están destinados a financiar un intercambio educativo entre unha escola infantil de Santiago de Compostela e outra do Curdistán, onde a literatura de Sende foi moi ben acollida nas traducións aos idiomas curdo e turco.

Moderna pedagoxía galega protagonista dunha xornada de estudo na universidade de Barcelona

Baixo a organización da Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona, na Cidade Condal celebrouse o pasado día 26 de outubro unha xornada científica centrada no papel das linguas da inmigración na escola. No encontro situáronse en destaque a metodoloxía didáctica “Modelo Burela” impulsada pola área de innovación do Instituto Perdouro da vila da Mariña e o proxecto Galauda levado á práctica por máis dunha ducia de centros de ensino secundario de Cataluña.

O programa de actividades contou coa participación do director xeral de inmigración da Generalitat de Cataluña, a decana da facultade de Filoloxía e o director do departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona. Seguidamente, comezaron os diferentes relatorios centrados na política lingüística nos sistemas escolares de Galiza e Cataluña e en proxectos desenvolvidos en ambas as comunidades e encamiñados á cohesión social nos centros educativos.

Na mesma xornada, mais en horario de tarde, celebrouse unha mesa redonda coa participación de profesorado das universidades de Girona, Barcelona, Vic e Santiago de Compostela. O encontro finalizou coa conferencia da coordinadora do mesmo, a profesora Carme Junyent, da Universidade de Barcelona, sobre o papel das linguas nos centros escolares.

O relatorio do Instituto Perdouro integrou diversas proxeccións audiovisuais, xunto coa reprodución de fragmentos concretos do programa radiofónico “Proxecto Neo”, dedicado á integración de persoas neofalantes. O protagonismo centrouse nas persoas participantes en varios deses programas durante o curso pasado: Karina Parga (de nacionalidade francesa; Vicedirectora do IES Perdouro), Antonina Semedo (caboverdiana, integrante do gurpo musical Batuko Tabanka), Ummer Mohammad (estudante de orixe pakistaní), Juan Mario Lawicki (estudante de orixe ucraniana) e Catalina Sánchez Luengo (xerente da Fundación Expomar, orixinaria de Villanueva de la Serena en Badajoz).

A representación do proxecto educativo do Instituto Perdouro estivo a cargo de Bernardo Penabade, quen expuso a liñas xerais da metodoloxía didáctica “Modelo Burela” tanto para o fomento da fluidez das linguas estranxeiras como na integración de neofalantes e na mellora da expresión escrita da lingua de partida. Durante o encontro celebrado en Barcelona, valorouse a aplicación de novos proxectos de didáctica das linguas nos centros de ensino secundario da Mariña, como resultado da colaboración das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, así como do proxecto Galauda de Cataluña.

ENLACES

O "Modelo Burela" protagonista dunha xornada de estudo na universidade de Barcelona

O programa de actividades contará coa participación do director xeral de inmigración da Generalitat de Cataluña, o decano da facultade de Filoloxía e o director do departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona. Seguidamente, comezan os diferentes relatorios centrados na política lingüística nos sistemas escolares de Galiza e Cataluña e en proxectos desenvolvidos en ambas as comunidades e encamiñados á cohesión social nos centros educativos.

Na mesma xornada, mais en horario de tarde, celebrarase unha mesa redonda coa participación de profesorado das universidades de Girona, Barcelona, Vic e Santiago de Compostela. O encontro finalizará coa conferencia da coordinadora do mesmo, a profesora Carme Junyent, da Universidade de Barcelona, sobre o papel das linguas nos centros escolares.

O relatorio do Instituto Perdouro integrará diversas proxeccións audiovisuais, xunto coa reprodución de fragmentos concretos do programa radiofónico “Proxecto Neo”, dedicado á integración de persoas neofalantes. Desta maneira, o protagonismo centrarase nas persoas participantes en varios deses programas durante o curso pasado: Karina Parga (Vicedirectora do IES Perdouro), Antonina Semedo (de Batuko Tabanka), Ummer Mohammad (estudante de orixe pakistaní), Juan Mario Lawicki (estudante de orixe ucraniana) e Catalina Sánchez Luengo (xerente da Fundación Expomar, orixinaria de Villanueva de la Serena en Badajoz).

A seguir reproducimos o texto introdutorio do díptico elaborado pola Universidade de Barcelona para difundir a xornada:

O ROL DAS LINGUAS DA INMIGRACIÓN NA ESCOLA

Nos últimos anos, o Grupo de Estudo de Linguas Ameazadas inventariou as linguas faladas en Cataluña. Agora que xa nos podemos facer unha idea da diversidade presente no noso país, é o momento de preguntarnos: que se ten que facer con estas linguas?
Non hai dúbida de que a contorna fundamental nestes momentos iniciais é a escola e por iso nos últimos anos fomos traballando no proxecto de procura «O rol das linguas da inmigración na escola». Nesta xornada facemos énfase no ensino secundario, que nos parece un ámbito crucial, e ademais quixemos poñer o foco especialmente en Galicia. Pareceunos que un intercambio de experiencias con profesionais galegos, en situacións tan parecidas e á vez tan diferentes, sería moi proveitoso para todos. Ademais, pensamos que é moi importante coñecer máis a fondo o «Modelo Burela», así como o proxecto Galauda, dúas experiencias que exploran as vías da diversidade lingüística para promoveren a convivencia e a igualdade de oportunidades entre os mozos.
Ademais destas experiencias, tamén pedimos a catro expertos que debatan nunha mesa redonda sobre cal ten que ser o rol das linguas da inmigración na escola. Finalmente, presentaremos os resultados da nosa investigación nos centros de ensino da comarca da Anoia.

Máis información ....

Acto de inauguración da exposición "Cerámica con Identidade"

O pasado mércores 5 de setembro, na Cenima de Foz, Maite López, Conselleira de Turismo e Santiago Pérez, director do IES Perdouro, inauguraron a exposición que leva por nome “Cerámica con identidade - Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo”. Trátase dunha colección de pezas de cerámica realizadas polos alumnos de 3º e 4º de ESO do IES Perdouro de Burela que naceu inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba unha modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.


Cristina Durán, profesora de Plástica no IES Perdouro e Estéfano Gudín, ceramista,  colaboraron conxuntamente durante tres semanas para achegar aos alumnos, a figura de Isaac Díaz Pardo, veciño de Sargadelos e todo un referente da nosa arte galega.

Distribuir contido


by Dr. Radut