Skip to Content

Que está acontecendo?

Actualizado o podcast das Saídas escolares IES Perdouro

Xa está actualizado o podcast das saídas escolares do IES Perdouro, que inclúe 4 audios orixinalmente emitidos no programa Proxecto Neo. 

Deixamos aquí a ligazón.

 

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 30

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 30 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

 

Esta mañá, a biblioteca abriu as súas portas para recibir un evento moi esperado: a presentación da revista escolar Maruxía. A alumna de 4º ESO TIC, Iria Jacomé, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a presentación, Alba F. Quelle e Alberto Núñez explicaron como o equipo traballou arreo para sacar adiante a número 30. Ambos destacaron a importancia do traballo en equipo e a colaboración constante para superar os retos que se presentaron ao longo do proceso de elaboración da revista.

A nova edición da Maruxía inclúe unha ampla mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro, reflectindo o talento e a creatividade dos estudantes. Ademais, recóllense os premios do XVII Concurso de Relato Curto e Poesía e do XV Concurso de Imaxe, convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos". Estes certames son unha plataforma importante para fomentar a creatividade e o talento artístico entre os alumnos.

A nova edición da Maruxía é un reflexo fiel do esforzo colectivo e da creatividade dos estudantes do Perdouro.

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Noé Vázquez, coordinador do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Djessica Tavares Pereira Barbosa (portada) e Álvaro Guisande Rego (traseira).
 

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada polo compañeiro Fernando Losada, AQUÍ.

 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Maruxía nº 30 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia e Natalia Aldegunde remataron estes días de compoñer o número 30 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 21 de xuño ás 11h30.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.

Parabéns a :
- Djessica Tavares Pereira Barbosa, alumna de 4° ESO - portada
- Álvaro Guisande Rego, alumno de 4° ESO - dorso

 

 

 

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "As viaxes":

XVII Concurso literario da As. Cultural Os Matos 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Dani Borrajo Trelles (1º ESO A)
  • 2º premio: Nicolás Amorín Vázquez (1º ESO A)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (2º Bach.B)

POESÍA:

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

XV Concurso de Imaxeda As. Cultural Os Matos

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (4ºESO A)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Djessica Tavares Pereira Barbosa (4ºESO C) 
  • Alvaro Guisande Rego (4ºESO A)

Moitos parabéns a todxs!

Escola de familias na radio

ENTREVISTAS NA NOSA RADIO ESCOLAR DE INTERESE PARA AS FAMILIAS

- Falamos con Ana Ojea Alonso sobre a Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero – Programa nº 396.13 de Proxecto Neo

- Fixemos un programa especial dedicado ao ben-estar emocional e á convivencia, con Yolanda Fernández, coordenadora de ben-estar emocional e convivencia no Instituto Perdouro, Nuria Revuelto Crespo, psicóloga da Cruz Vermella e Adriana Polo, ex-alumna que contou os beneficios da súa experiencia coa Educación Emocional. Actividade enmarcada dentro da Iª Semana do benestar do IES Perdouro – Programa nº 415.13 de Proxecto Neo

- Entrevistamos a María Navarrete, educadora emocional – Programa nº 424.13 de Proxecto Neo

II Día da Literatura Cabo-Verdiana

Após o suceso da celebración do I Dia da Literatura Cabo-Verdiana, desde a iniciativa educativa Modelo Burela queríamos continuar a pór o foco na inclusión social das diferentes comunidades migrantes, por iso decidimos dar continuidade a este tipo de encontros, onde a literatura volveu a converterse nunha ferramenta fantástica para traballar millares de competencias e saberes e, ao mesmo tempo, para coñecer mellor as culturas coas que convivimos no noso día a día.

Así, comezamos o II Día da Literatura Cabo-Verdiana, coa intervención de Issac Sosa, alumno de 4º ESO, Carmela López, alcaldesa de Burela, seguida de Joaquim Arena, autor do romance que este ano nos reuniu na biblioteca do Perdouro, inmediatamente despois tiramos a fotografa de familia. 

 
Por volta das 11h30 demos inicio ás sesións de lectura onde ouvimos o portugués nalgúns dos seus sotaques, obviamente tamén no sotaque galego. Entre as 13h e as 14h realizaron as súas lecturas o artista Nuno Pico (Grande Amore), Conchi Pernas e o persoal de atención ás migracións; e finalizou a sesión o escritor Lionel Rexes. 

Durante a hora e media reservada para o xantar de irmandade, celebrado no café da propia escola, foron proxectadas as lecturas gravadas en vídeo por profesorado e alumnado de diferentes escolas da Galiza onde se imparte a materia de portugués. 

O programa da tarde deu comezo ás 15h30. Xunto cos representantes das asociacións culturais de Burela, participaron Alfredo Llano, Luzia Oca, Ramón Reimunde ou representantes da USC, tal como Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía ou Felisa Prado profesora de literaturas africanas na USC. Contamos tamén coa presencia do Director da Rádio Comercial de Cabo Verde.

Finalmente por volta das 18h30 chegamos á clausura da xornada coa participación de Maria J. Pardiñas, directora do IES Perdouro, Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas e Mario Pillado, tenente da alcaldía e concelleiro responsable das áreas de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación. 

Foi fantástico verificar o entusiasmo e compromiso das preto de 150 persoas que foron pasando pola biblioteca, quer presencialmente quer por medios telemáticos, para daren voz ás páxinas do romance Siríaco e Mr. Charles xunto co seu autor, Joaquim Arena cuxa colaboración e dedicación foi algo único. Un modelo de boas prácticas na comunicación entre artista e público. 
 
Pódese acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

II Día da literatura caboverdiana

Les Victoires de la Musique 2024

O alumnado de 4º de ESO fixo unhas investigacións sobre os artistas nominados e premiados nas Victorias da musica en Francia.

Podes xogar no seguinte scapegame:

A Intelixencia Artificial abre a nosa biblioteca ao mundo

No curso 2023-24 realizamos un novo traballo colaborativo empregando a biblioteca como punto central do proxecto, a metodoloxia baseada en proxectos e a intelixencia artificial.

A finalidade deste proxecto interdisciplinar consiste na elaboración dun asistente virtual (chatbot) que achegara a biblioteca tradicional á sociedade utilizando técnicas máis actuais de xeito que cumpra a súa función e facilite o acceso a todo tipo de usuarios/as.

A través da biblioteca realizamos as investigacións necesarias para levar a cabo o proxecto. Mediante a busca e tratamento de información conseguimos elaborar o proxecto de deseño do asistente virtual, as preguntas e respostas necesarias para abranguer toda a información que poden precisar as persoas usuarias da biblioteca ou a cidadanía ao demandar os recursos e servizos do centro.

A elaboración do chatbot e a dotación do mesmo de intelixencia artifical para que interactúe co usuario/a foi levada a cabo polo alumnado de 4º ESO da materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade.

A mascota, que representa ao asistente virtual, realizouna o alumnado de 1º ESO de EPeV empregando como referencia o logo do centro.

Para dotar o asistente de coñecementos de idiomas o alumnado da materia de Inglés realizou as traducións da información.

O alumnado de Lingua Galega e o EDLG colaboraron na revisión lingüística dos textos informativos e o alumnado de 4º ESO de Dixitalización encargouse de darlle difusión ao proxecto a través do blog Perdourando e da revista escolar Maruxía.

O interese que espertou este proxecto fixo que se ampliara o asistente virtual, polo que se realizou unha extensión do mesmo á páxina web do centro. Isto levouno a cabo o alumnado de TIC II de 2º de Bacharelato.

Para conseguir todo isto foi precisa a colaboración de todos os departamentos do centro, para facilitar a información, e das familias, para detectar as necesidades das mesmas en canto á inforamción que necesitan do centro como usuarios do mesmo, da biblioteca e do programa Lectura e Familias.

A presentación oficial do chatbot fíxose na III Feira TecnoCienciArte do IES Perdouro.

Este proxecto serviulle ao alumnado para ver a importancia do traballo colaborativo no relativo a compartir ideas, razoar, tomar decisións, buscar e contrastar distintas fontes de información, coordinarse e ser conscientes, por un lado, das posibilidades que ofrece a intelixencia artificial de cara a facilitar o acceso dos/as usuarios/as á biblioteca e á información do centro e, por outro, do coidado que se debe ter coa mesma en canto á infomación que se manexa e á protección de datos.

Aínda así, debido á súa complexidade, este asistente virtual está nunha fase inicial que se irá completando no seguinte curso co fin de que aprenda e teña o poder suficiente para interaccionar con naturalidade e precisión cos usuarios/as.

A biblioteca foi, de novo, o centro neurálxico para que a IA se convertese nun chatbot que reúne toda a información aportada polo alumnado, os departamentos didácticos e as familias para poder abrir a nosa biblioteca ao mundo.

 

Les Jeux Olympiques

O alumnado de 3º de ESO de Francés estivo informándose sobre a historia dos Xogos Olímpicos e fixo unhas infografías e un kahoot para poñernos a proba. Anímaste a probar? Pica Kahoot 1.

Kahoot 2, Kahoot 3, Kahoot 4

 

Letras galegas 2024: Luísa Villalta

O alumnado de 4º ESO de Proxecto competencial elaborou este curso a exposición de carteis das Letras galegas, dedicadas a Luísa Villalta. 

Podedes encontrar máis información sobre Luísa Villalta no Portal da Lingua. Alí podedes acceder a outras exposicións de carteis sobre a autora. 

II Día da literatura caboverdiana

Imos celebrar o IIº Día da literatura caboverdiana coa lectura continuada de "Siriaco e Mister Charles" de Joaquim Arena, novela galardoada co premio Oceanos. 
 
O martes 21 e mércores 22 de maio de 18:00 a 19:00h haberá sesións de animación á lectura da obra. 
 
O martes 11 de xuño terá lugar a lectura continuada na biblioteca do IES Perdouro .

Encontro literario con María Reimóndez

O martes 14 de maio María Reimóndez conversará co alumnado de 2º de ESO sobre a obra Furia.

 

 

Encontro e Ruta literaria con Lois Pérez

O xoves 09 de maio teremos a Lois Pérez na biblioteca para conversar co alumnado de 1º de ESO sobre a obra A Tribo do mar. 

Logo fará unha pequena ruta ata o pavillón Vista Alegre con alumnado de 4º ESO PDC e co alumnado do club de lectura do IES Monte Castelo.

 

Exposción Especial BD para a Microrrede

A Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña rende este ano unha especial homenaxe a Francisco Ibañez. A exposición conxunta que se celebrará en Viveiro do 7 ao 10  de maio leva por título 13 rúa da Microrrede, coincidindo coa edición nº 13 da exposición.

No IES Perdouro, quixemos plasmar nunha viñeta os protagonistas da familia Trapisonda de Ibañez. Para iso, inspirámonos no traballo da artista galega de banda deseñada, Bea Lena, recén galardoada no Festival de BD de Angoulème coa súa obra Corpo de Cristo. Ela borda os seus debuxos en formato téxtil.
 
Un grupo de alumnado de 4º ESO confeccionou empregando a técnica das arpilleiras (cosendo a man e a máquina, bordando e pasando o ferro) os elementos que ían compoñer a viñeta de 95x75cm. Os retais foron doados por Arranxos a quen agradecemos moito a súa xenerosidade. En definitiva, fixemos un traballo cooperativo de custo cero. 

 

Tamén participamos cunha viñeta nunha tira cómica colaborativa, Supermariña e Martiño, entre os 20 centros que forman a Microrrede. O resultado final desta aventura poderá verse na exposición da Sala de Multiusos do Concello do Viveiro ou AQUÍ.

Podes ver a reportaxe de fotografía AQUÍ.  

Ademais, temos feitos uns xogos para medir os teus coñecementos en canto a personaxes de BD. Aceptas o reto? Adiante.

 

 XOGO 1 . Heroes e heroínas de BD

 

XOGO 2: Personaxe de BD francófonos

Distribuir contido


by Dr. Radut