Skip to Content

Visita de Camilo Díaz Arias á exposición sobre Ediciós do Castro

A figura polifacética de Isaac Díaz Pardo na voz do seu fillo
 

O pasado xoves 22 de setembro do 2022, o alumnado de 4º da ESO e de Ciclo Medio de Xestión Administrativa, acudimos ao encontro con Camilo Díaz Arias, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo.

A súa visita foi ligada á exposición “O Castro tamén na orixe da literatura infantil e xuvenil”, instalada estes días na nosa biblioteca, a cal nos conta o nacemento de Ediciós do Castro en Sada, no ano 1963. Esta editorial sacou á luz 1500 volumes entre os que destaca Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, o máis vendido con 24 edicións tiradas. 
 
Camilo comezou falándonos da importancia que tivo o seu avó, Camilo Díaz Baliño, na traxectoria profesional de Isaac, ata chegar a converterse nunha figura polifacética: pintor, ceramista, deseñador, editor, escritor, empresario, político... 
 
Durante a Guerra Civil Española, Camilo Díaz Baliño fora fusilado polo réxime franquista o que marcou moito a Isaac, quen tamén uns anos máis tarde, tivo que fuxir a Madrid, onde estudou Belas Artes. Anos máis tarde abandona as artes plásticas, e volta a Galicia onde fundou, en 1949, a fábrica de porcelana, Cerámicas do Castro, en Sada. 
 
En 1963 constituíu en Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas, como Luis Seoane, o Laboratorio de Formas. Nese país, en concreto na cidade de Magdalena, funda e dirixe a fábrica Porcelanas Celtia. 
 
Dende 1968, funda o Grupo Sargadelos, sendo a dirección e administración do mesmo o seu labor máis coñecido, ao cal destina gran parte dos beneficios para recuperar a cultura galega e a memoria histórica. No centenario do seu nacemento, Sargadelos foi declarado Ben de Interese Cultural, ademais de celebrarse unha exposición na Cidade da Cultura de Galicia titulada “As miradas de Isaac”. 
 
Finalmente, Camilo falounos de Isaac como pai, o cal xogaba con el e os seus irmáns, ideaba papaventos e construía camións de madeira para que puidesen montar neles. 
 
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ
 
Adriana Polo González 
Damaris Gabriela Popovici 
2º Ciclo Medio de Xestión Administrativa


page | by Dr. Radut