Skip to Content

Curso 2018-2019

Curso 2018-2019

Visita do alumnado de 6º do CEIP Virxe do Carme

Esta mañá tivemos a visita do noso futuro alumnado. Recibimos os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Virxe do Carme. Foron acollidos polo equipo directivo: o director, Santiago Pérez, a vicedirectora, Dolores Otero,  a xefa de estudos, Ma José Pardiñas e o secretario, José Díaz. Tiñámoslle unha sorpresa: o vídeo promocional do centro gravado poucos días antes por Sabela Blanco. Visitaron as instalacións do centro e pasaron o recreo cos seus futuros compañeiros.

Pica aquí para visualizar o albúm de fotos.

Prácticas de laboratorio

A pasada semana fixemos unha serie de prácticas de laboratorio na clase de bioloxía. As dúas primeiras consistían en observar tecidos vexetais no microscopio, así como tamén os principais compoñentes das plantas, tales como os estames, o pólen... A terceira e a cuarta baseábase en comprobar a presenza de amidón. Na terceira había que utilizar Lugol para tinguir certos alimentos coma salchichas, xamón, mazás... Na práctica cuarta había que empregar tamén esta disolución xunto con Fehling para tratar de conseguir detectar o amidón na amilasa salival. Por último, na práctica quinta comprobamos a diferente solubilidade dos lípidos no cloroformo, o éter e a auga; e tivemos que recoñecer experimentalmente a presenza de lípidos empregando Sudán III, un colorante químico que aplicamos sobre alimentos como a pataca, touciño, manteiga e queixo. 
Accede á reportaxe fotográfica aquí.
 
Pablo Rubal Losada Bioloxía e Xeoloxía - 1º Bach

Ecosistemas terrestres - 1º ESO

Como proxecto de Bioloxía, os alumnos e alumnas de primeiro da ESO estudaron os distintos ecosistemas terrestres do noso planeta, para así poder coñecer as súas características principais, tales como a localización xeográfica ou as temperaturas medias ao longo do ano, e tamén a súa flora e fauna representativas. Desta forma puideron darse conta da gran diversidade de especies que existen na Terra, tanto animais como vexetais, e das adaptacións que estas presentan ao medio no que viven. Ademais, cos seus traballos puideron aprender a importancia de conservar a biodiversidade e os impactos negativos que as actividades humanas están producindo sobre os ecosistemas.

Accede aos traballos aquí. 

Innovacións tecnolóxicas no laboratorio

Estes días en Bioloxía e Xeoloxía de 1º Bacharelato, estivemos probando no laboratorio as innovacións tecnolóxicas que os alumnos de 3º ESO deseñaron e fabricaron coa axuda de Pablo en Tecnoloxía. Concretamente observamos mostras de tecidos vexetais na pizarra dixital grazas a unha cámara instalada no microscopio. Tamén fabricaron adaptadores para poder utilizar os teléfonos xunto aos microscopios, permitindo ampliar as imaxes das mostras e tomar fotos. Unha experiencia de traballo en equipo enriquecedora entre alumnos, alumnas e docentes de diferentes cursos, que puidemos levar a cabo grazas ao contrato-programa de Ciencias.

Revista Maruxía 25 lista para a súa impresión

O equipo de redación de Maruxía composto polo alumnado de 4º de ESO TIC e liderado por Miruca Parga rematou o seu número 25 da revista. Xa está na imprenta grazas a axuda de José Luis. 
O vindeiro luns 17 de xuño ás 16h00 no auditorio da Casa da Cultura de Burela está programado un acto de presentación onde se coñecerá os contidos seleccionados para o seu XXV aniversario entre outras actividades.
 

Viaxe a Londres de 4º de ESO

O pasado 29 de abril, un grupo de alumnos de 4º da ESO do I.E.S Perdouro de Burela, acompañados por dous profesores, Charo Fernández e Toni Galdo, emprenderon viaxe de cinco días rumbo á capital británica co fin de apreciar distintos aspectos socioculturais relacionados coa materia de inglés, poñer en práctica as destrezas orais e coñecer o modo de vida dunha capital tan cosmopolita como Londres. Unha vez alí tiveron a oportunidade de ver os distintos lugares de interese da cidade, como o Big Ben, o London Eye, a City, Tower Bridge e outros puntos icónicos así como diversos museos como o Británico ou o de Historia Natural. Ademais, tiveron ocasión tamén de ver o estadio de fútbol do Stamford Bridge, viaxar en barco polo Támesis entre outras actividades. Tanto os profesores como o alumnado tiveron unha estancia estupenda en Londres, da cal lles quedará un gran recordo.
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
 
Toni Galdo, profesor de Inglés.

Obradoiro da prehistoria

O pasado luns día 29 de abril, os alumnos/as de 1º ESO recibimos unha charla sobre as armas que as persoas prehistóricas usaban para cazar. 
Dous monitores arqueólogos da GaliPat Servizos Culturais foron os encargados de explicarnos os métodos da caza na prehistoria. A charla resultounos moi interesante a todos os/as alumnos/as, xa que nos ensinaron réplicas dunhas lanzas que se supoña que empregaban para cazar. 
Logo, pasamos a práctica e saímos ao patio. Alí había un cartón no cal estaba debuxado un animal: un cervo. O noso obxectivo era, usando unha lanza con propulsor, conseguir darlle ao animal. Resultounos moi entretido e todos (incluída a mestra) se animaron a probar. 
Ao final, foi unha experiencia moi instrutiva, e, ao mesmo tempo, divertida.

Accede ás fotografías no noso álbum, aquí.
 
Ramón Real González - 1º ESO C

Obradoiro sobre escritura medieval

O pasado luns 29 de abril ás 16:00 horas, realizamos un obradoiro sobre escritura medieval a cargo de GaliPat Servizos Culturais.
Comezamos esta actividade, recibindo unha pequena explicación. Logo, fixemos o obradoiro, no cal, tivemos que realizar un selo. Primeiro, pensamos o que queriamos debuxar, e para elo, os profesores déronnos unha folla con exemplos. Unha vez ideado plasmámola no papel, ademais tivemos que escribir as nosas iniciais e poñer ex-libris, que era unha marca de propiedade.
Seguidamente, tivemos que punzar unha especie de goma. Para eso, démoslle a volta ao noso debuxo, para que ao colocar o selo, quedara axeitado. Finalmente, mollamos a goma nunha pintura vermella e pousámola nunha folla. Todo o material empregado por nós, levámolo para a casa.
Outra parte da actividade, consistiu en ver como era a primeira imprenta. Explicáronnos como funcionaba esta máquina, ideada por Gutenberg (século XV), e un compañeiro de 2º ESO B fixo unha demostración de como funcionaba.

Accede ao albúm de fotografías aquí.
Álvaro Mesa, Santiago Casal e Álvaro Fernández.- 2º ESO A

Ruta polas Terras de Miranda

O martes 30 de abril, ás oito e media, os alumnos/as de 2° ESO realizamos unha viaxe programada polo departamento de Xeografía e Historia e Relixión. 

Ao comezar o día fomos ao castro de Saa, na Pastoriza, onde nos contaron os datos máis importantes deste: que era un dos máis grandes, que está romanizado e que aínda se está a estudar. Logo fomos ao mosteiro de Lourenzá. Despois estivemos na fraga de Riotorto. Alí fixéronnos unha demostración de como traballaban o ferro. Poidemos ver o funcionamento dun mazo de auga e como os ferreiros fabrican os coitelos de forma artesanal. Deseguido, completamos unhas fichas sobre esta fraga e a charla sobre o traballo do metal, e mais tarde unha búsqueda sobre a flora da fraga. Ao rematar estas actividades, xantamos. 

Pola tarde visitamos en Meira os restos do mosteiro de Santa María: a igrexa, o claustro, etc, e ensináronnos una maqueta do mosteiro cando estaba completo. En último lugar tivemos que lembrar todo isto cubrindo unhas fichas.
 
Accede a reportaxe fotográfica aquí. 
 
Dámari Carballo , Lucía Ciria e Jessica Villamizar - 2º ESO B

Despedida 2º Bach 2019

O luns, día 20 de maio, celebrouse a cea de despedida do alumnado de 2º de Bacharelato.

Orla despedida 2° Bach. 2013-2019
Unha nova etapa ábrese para vós. Moita sorte rapazas e rapaces nesta nova andaina!!!
"A verdadeira amizade resiste ao tempo, á distancia e ao silencio".
 


Unha promoción que non imos esquecer!!  Querémosvos!!

Aarón Artime Hernández, Andrea Barro Rodríguez, David Basanta González, María Basanta Rañón, Cristina Blanco Basanta, Mario Cordido García, Ángel Cayón Fernández, Teresa Crego Deán, Claudia Díaz Suárez, Elena Enríquez Peralta, Antía Fanego Lestegás, Artai Fernández Padrón, Kesia Galdo Lorigados, Kesia Hugo López Díaz, Lucía López López, Denís Maseda Ares, Antón Mazaira López, Julián Moreno Vizoso, Diego Pardo Couto, Mirella Ramos Vázquez, Andrea Rivas Villarquide, María Riveira Teijeira, Tania Valiña Eijo.

Antón levas matrícula de honra. Parabéns!

Accede ao albúm de fotos da cea aquí. 

Conferencia Especial Día das Letras Galegas - Antón Fraguas

O profesor Amancio Liñares Giraut impartiu unha conferencia sobre a figura homenaxeada das Letras Galegas deste ano, Antón Fraguas. Falounos da infancia do historiador, antropólogo e xeógrafo no Concello de Cotobade, dos seus estudos en Santiago, das persoas que coñeceu e que foron influentes para el. A partir da información recibida, o alumnado de 2º de ESO que tomou nota de todo, terá que elaborar unhas presentacións sobre o historiador e defensor da lingua.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Correlingua 2019

O martes 7 de maio, os rapaces de 1º de ESO acodiron á convocatoria anual do Correlingua baixo o lema "O galego é a fórmula", iniciativa que xa vai pola 19. A carreira en prol da lingua celebrouse, nesta ocasión, en Ribadeo, dende a Illa Pancha ata o Cantón dos Moreno.

Isabel Risco foi a encargada de dar paso á lectura do manifesto que levaba por título "Temos química coa nosa lingua". Quíxose ter en conta o 150 aniversario da táboa periódica de Mendeleiev. Houbo actuacións, entrega de premios e concerto do grupo triunfador do Cantalingua.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Piragüismo en Río Cobo

Logo da charla impartida polo clube piragüismo San Cibrao onde explicaron as diferentes modalidades deportivas que existen dentro deste deporte, os beneficios físicos e psíquicos que ten sobre a saúde, o alumnado de 1º de ESO viaxou esta mañá ata o embalse de Río Cobo para levar á practica o aprendido.
 
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Conferencica sobre Antón Fraguas Fraguas

O profesor Amancio Liñares Giraut dará unha ponencia sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Falaralle ao alumnado de 2º de ESO sobre a vida e obra de Antón Fraguas Fraguas.

 

 

Visita do alumnado de Administración à Torre de Núñez e Quescrem

O pasado 5 de febreiro, o alumnado do ciclo medio de Xestión Administrativa e os de 1º de ciclo superior de Administración e Finanzas visitaron dúas empresas galegas: Torre de Núñez e Quescrem.
 
Na primeira foron recibidos pola Técnica de Calidade, quen lles ensinou todo o proceso de produción e organización da compañía, a cal suma xa máis de 50 anos de antigüidade. Para iso, tiveron que poñer batas, gorros, calzas e, incluso, máscaras que tapaban o nariz e a boca, o que reflicte unha gran preocupación pola hixiene e por manter o produto libre de axentes externos prexudiciais.

No percorrido polas instalacións viron como se producen os lacóns e os chourizos dende o primeiro paso ata o último. O procedemento de afumado chamou moito a súa atención xa que se realiza con madeira de carballo, apostando así polo aproveitamento de especies autóctonas. Tamén é salientable a gran capacidade de almacenamento da fábrica, destacando unha sala de grandes dimensións con xamóns esperando para ser enviados ás grandes superficies distribuidoras ou directamente aos clientes finais que os adquirían alí mesmo. Así mesmo, destacan tamén as innovadoras máquinas que empregan e que, a pesares de seren obxectos que favorecen a industrialización da marca, manteñen a base artesanal do produto.
Distribuir contido


by Dr. Radut