O proceso de abandono do rural e crecemento das cidades, mesmo no interior de Galicia, está facendo que, pese a enorme riqueza natural da nosa rexión e ao importante peso que non fai moito tempo tivo na nosa economía o mundo rural e do mar, as novas xeracións están crecendo de costas ao medio ambiente. Cada vez mais, as referencias que os nosos xoves teñen sobre a natureza son as informacións que lles chegan a través dos medios de comunicación, Internet ou as redes socias. Estase a perder a experiencia de primeira man coa natureza próxima, coa aldea, coas charcas, cos regatos, cas fragas, cos montes,...
Esta desconexión explica moitos dos comportamentos dos nosos mozos e mozas, que crecen alleos ao ritmo que a natureza nos marca coa súa sucesión de estacións, ciclos biolóxicos, cadeas alimenticias, ecosistemas, biotopos e demais aspectos medioambientais con incidencia no noso día a día. E crecen, mesmo alleos, tamén, á incidencia e os impactos do noso estilo de vida e da sociedade actual sobre o medio ambiente.
Algúns autores mesmo vinculan algúns dos transtornos do comportamentos que se experimentan na vida moderna, como o estrés, a ansiedade, a hiperactividade,... cun déficit de natureza. A inmediatez propia da nosa vida cotiá, na que a tecnoloxía permite que todo transcurra moito mais rápido, está nas antípodas dos procesos naturais que conforman o noso contorno e a nosa paisaxe.
Consideramos que como docentes temos a responsabilidade de facer conscientes aos nosos alumnos do papel central que a natureza xoga en todas as ordes da vida. E mesmo dar a coñecer a riqueza do noso patrimonio ambiental facilitando e fomentando o acceso ao mesmo a través deses espacios cercanos obxecto de protección e conservación.