Skip to Content

Historia

Dende a orixe ata hoxe

O antigo Instituto Nacional de Ensinanza Media de Lugo desdobrouse en 1941 en dous, un masculino e outro feminino, segundo as ideas da ideoloxía daquela imperante, que consideraba perniciosa a coeducación dos rapaces.

Foi así como o Instituto Feminino de Lugo comezou a súa andaina no que hoxe é o edificio da Deputación Provincial. No curso 1955-56 denominouse oficialmente Instituto Nacional Feminino de Ensinanza Media, de Lugo. Durante este curso o entón director de Ensinanza Media implementou esta denominación engadíndolle a de Nuestra Señora de los Ojos Grandes.

O Nome

A 'Señora' da que o claustro de profesores daquel ano impetraba protección para o Instituto ten no imaxinario mariano dos lucenses moitas e sucesivas advocacións. Non obstante a de maior fortuna foi a de Nosa Señora dos Ollos Grandes, denominación popular que, a partir de 1964, substituíu a de Nosa Señora a Grande. A denominación popular deriva do tamaño dos ollos que ten a escultura que a representa.

Segundo un traballo inédito do Catedrático de Historia deste centro, D. Xosé Luís Novo Cazón, do que se toman todos estes datos, 'a tradición sostén que estes ollos grandes da imaxe actual son a reproducción fiel dos que tiña unha moza do Cebreiro afectada polo bocio, que lle serviu de modelo ó anónimo escultor que a labrou en fino granito no século XV'.

O edificio

O actual edificio foi inaugurado no curso 1958-59, nun acto que foi presidido polo xeneral Franco. Coa chegada da democracia viñeron ventos novos. No ano 1984 o Instituto de Bachillerato, como se chamaba naqueles tempos, comezou a acoller tamén rapaces. No curso 2007-08 fixéronse unhas importantes obras de modernización do centro que afectaron fundamentalmente a planta soto, que foi totalmente renovada, e a planta baixo cuberta, que foi habilitada para despachos dos departamentos.

O anagrama

 

Foi creado en 2005 polo artista lucense Joaquín García-Gesto, profesor de Debuxo no instituto durante mais de vinte anos.

Mais información

Podedes atopar mais información sobre a historia do IES neste interesante artigo de Javier Gómez, profeso de historia dos instituto, na revista do centro "Tempus das letras" do curso 2016-2017

Distribuir contido


by Dr. Radut