Botamos a lingua fóra!

Correlingua (31-05-23). 22-23

E botamos a lingua fóra! Na casa, na escola e onde esteamos. Onte, acotío, mañá e sempre.

E hoxe, mércores 31 de maio, botámola tamén nas rúas da Estrada co Correlingua 2023. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO sumáronse aos compañeiros e compañeiras do IES Losada Diéguez para se xuntaren co alumnado dos colexios do noso concello, o CPI de Cuntis, o CRA de Caldas e mais do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Ao son das pandeiretas e con pancartas e bandeiras, percorreron as rúas para regresar á Praza do Concello. As rúas estaban ateigadas de xente por cadrar en día de feira.

Alí, a actriz Isabel Risco leu o manifesto e a rapazada coreou o lema... "Na casa, na escola, bota a lingua fóra". Despois actuou a Mekanika Rolling Band, tomouse o bocata e houbo tempo para conversar cos antigos mestres e mestras dos seus colexios.

Aínda houbo tempo para a entrega de diplomas, que recolleron Lía e Noa, e recibir un lote de libros de mans da Concelleira de Educación, Amalia Goldar. Finalmente, houbo unha solta de globos que levan dentro os datos de cada centro por se as persoas que os atoparen quixesen contactar connosco.

O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. Conta coa axuda loxística da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das deputacións e os concellos.