Activación da escritura creativa

Obradoiro de Poesía Lingua Castelá 22-23

O pasado mércores 24 visitou o noso centro o profesor Esteban Folgar Brea para impartir un obradoiro ao alumnado de 2º ESO. Nesta actividade, a activación da escritura creativa faise mediante un proceso que se inicia cunha primeira tarefa de quecemento, continúa cun traballo máis activo e remata coa escrita dunha historia breve e un poema.

No quecemento, o alumnado, mediante o xogo de palabras encadeadas, vai dicindo substantivos (ata catro), dos que despois haberá que buscar unha posible relación entre eles, e logo xerar unha pequena historia. Collendo as primeiras letras dunha das verbas e as últimas doutra, créanse catro palabras novas, inexistentes na nosa lingua, ás que os rapaces deben dotar de significado.

Unha vez coñecidos os significados destas palabras, en grupos, redactan unha historia que as inclúa. Despois, deben escribir unha frase na que cada unha das súas verbas se inicie con unha das letras das palabras creadas.

Por último, o traballo final é compoñer un poema, con rima, en acróstico coas palabras que se xeraron na actividade anterior, e no que aparezan polo menos dous dos termos creados no xogo.