FacebookSíguenos en YouTube

PODCAST CONTRA O DISCURSO DO ODIO RACISTA

Rocío Cadahía, técnica de educación da ONGD AGARESO, impartiu un obradoiro no que fixo reflexionar a parte do alumnado de 1º Bacharelato sobre o discurso de odio racista. Comezou evidenciando como nos medios de comunicacion e nas redes sociais se difunden estereotipos e prexuízos que dificultan a vida das persoas migrantes e racializadas. Tamén afondou nos motivos do avance do discurso de odio nos últimos anos e en por que os algoritmos das redes socias priorizan contidos que xeran odio con respecto a outras persoas. Escoitamos as vivencias de varias persoas migrantes e racializadas que viven en Galicia para intentar entender o que significa convivir diariamente co discurso de odio, tanto nas redes como fora delas, centrándose especialmente en como foi a súa etapa educativa.

Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen tomou a palabra para denunciar esta situación a través realización e posterior gravación de podcast nos que eles e elas dan as súas propostas para contrarrestar o discurso de odio.

Velaquí as cuñas radiofónicas para que poidades escoitalas.

https://drive.google.com/drive/folders/1vC5iPG5RzDKmdVOhek74KevsHU8oPbZ1?usp=sharing

AULAS SEN PAREDES

Rosalía Fernández Rial, gañadora do premio Vidal Bolaño 2024 de teatro pola obra Fóra de campo, acompañounos na Semana Cultural do noso Centro. Impartiu un obradoiro de teatro e poesía ao noso alumnado de 1º de Bacharelato. Nel deron renda solta a súa creatividade e, inspirándose na portada dun disco de Paul Smith, crearon o seu, escribiron a a letra dun poema e posteriormente fixeron unha perfomance. En realidade, está é a proposta didáctica para as aulas de linguas que propón na súa recente publicación Mover ficha.

O 22 de maio Rosalía publica o seu poemario bilingüe De centeo e durmideiras, e será Yolanda Castaño a responsable de facer o prólogo desta obra editada por Cuatro Lunas.

COMO TRIUNFAR EN IT SENDO MEDIOCRE

O alumnado de 1º de Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes e 1º de Ciclo Básico de Informática de Oficina participou na charla "Como triunfar en IT sendo mediocre" co relator Alberto Sánchez Bardanca. 

Alberto é Enxeñeiro en Informática cunha ampla experiencia profesional no ámbito das tecnoloxías da información, traballou en empresas como Soluziona, Indra, Bahía Software e actualmente traballa en //Abanca. Tamén traballou no sector público durante dous anos como profesor de Formación Profesional. O pasado curso foi compañeiro noso e este ano aceptou a nosa invitación a participar na Semana Cultural para trasladar as claves para triunfar no eido da informática ao alumnado dos ciclos.

Na charla tratou aspectos moi interesantes como a reflexión de que é en realidade o éxito, a importancia do esforzo, a diferenza entre aptitude e actitude; sinalou que as nosas metas deben ser realistas e alcanzables, e explicou dende a súa experiencia as claves para chegar a ser un bo profesional no ámbito das tecnoloxías da información.

Unha charla moi produtiva, grazas Alberto!

OBRADOIRO DE ROBÓTICA

O martes, 14 de maio, o alumnado de 2º ESO participou nun obradoiro de robótica desenvolvido por MAKER STORE. As ponentes, Flor e Cati, ensinaron o alumnado a realizar xogos mediante o uso da placa Makey-Makey, unha placa electrónica, similar ao mando dunha videoconsola, que permite unir obxectos cotiáns creando paneis táctiles (enviando ordes ao ordenador ao que se atope conectado).

Para o deseño do xogo -a creación dun xogo de canastra-  empregaron  vasos de cartón, cartón, papeis de cores e papel de alumnino xunto coa súa creatividade e orixinalidade. Crearon un circuíto eléctrico no que a placa actuaría pechando ese circuíto e enviando ordes. Con scratch programaron os xogos creando animacións, música, contando a puntuación das canastras …. Non cabe outra que felicitar os e as participantes polos seus deseños! 

Eles e elas gozaron e asemade aprenderon robótica nunha actividade lúdica e divertida.

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL

Dúas Educadoras Sociais do servizo da Xunta Quérote+ visitáronnos para levar a cabo un obradoiro de Educación Afectivo Sexual. Explicaron, en dúas sesións distintas, a un alumnado atento de 3º ESO e de 1º FPB, a orixe deste organismo, as distintas liñas temáticas que desenvolve e como se pode acceder aos seus servizos de xeito totalmente gratuíto: probas de embarazo ou de enfermidades de transmisión sexual, tests de embarazo, preservativos, campañas informativas…

A partir dunha batería de preguntas fixo referencia a aspectos relacionados coa sexualidade: onde se obtén a información, o coñecemento dos xenitais, o acceso a contidos pornográficos dende idades moi temperás, a importancia do consentimento nunha relación sexual na que debe prevalecer o diálogo e o respecto por riba de todo, a difusión de imaxes de contido sexual, os métodos anticonceptivos e de protección (píldora, anel, parche, implante subcutáneo…). Aspectos todos eles moi interesantes para que o alumnado poida tomar decisións saudables na sexualidade e no sexo, xusto no momento en que está empezando a vivilos.

 

ESCAPEROOM DE COMPETENCIAS EMPRENDEDORAS

O primeiro día da Semana Cultural, o alumnado de 1º CM e 1º FPB tivo a oportunidade de realizar  con Pablo Osorio  un Escape Room centrado en traballar competencias e habilidades que todo emprendendor debe ter, achegándolle referentes actuais e cercanos que destacan en cada unha das competencias mencionadas ao longo da actividade. 

Unha actividade dixitalizada na que tiñan que prestar atención tamén ao mundo analóxico. Todos usaron o seu teléfono móbil para levar a cabo a actividade xa que o xogo se celebrou a través dunha app web. O alumnado organizouse en distintos grupos que debían localizar códigos QR e enfrontarse aos desafíos propostos para conseguir un obxectivo común: completar todos os retos formulados no menor tempo posible.

Durante a realización da experiencia todos e todas traballaron con entusiasmo intentando ser os primeiros nunha xornada na que reinou a competición sa. O equipo triunfador da tarde foi Bolígrafo (1h e 21 minutos) e de segundo Bárbaros (1h e 24 minutos). A empresa de Pablo Osorio fai un concurso entre todos os centros que fixeron o Escape Room este curso; polo momento os nosos equipos van de primeiro e segundo, de rematar así conseguirán agasallos! Aínda que o máis importante e que todos os equipos foron quen de rematar todas as probas propostas.

CIANOTIPIA, PINTAR CON LUZ

O artista Jesús Pérez iniciou ao alumnado de 1ºESO na técnica fotográfica da cianotipia, unha técnica xurdida no século XX con múltiples usos en creacións contemporáneas.

Comezou o taller explicando o desenvolvemento do proceso, facendo fincapé na importancia da luz e da escuridade no mesmo. A continuación cada alumno/a elaborou o seu negativo en láminas de acetato transparente pintando as zonas en negro de fotografías que lles proporciounou Jesús. A seguir, co laboratorio en escuridade, empapou cunha solución de cianotipo os papeis sobre os que puxeron as imaxes creadas polos/as rapaces/as e procedeu ao seu secado cun secador de man; finalmente comprobaron o seu revelado ao sol.

Os retratos dalgunhas das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas: Luísa Villalta, Xela Arias, Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, Risco, Castelao ou Otero Pedrayo  foron os empregados para realizar os negativos.

O alumnado quedou sorpendido coa técncia tan sinxela do revelado e gozou con todo o proceso que lles permitiu achegarse ao mundo da fotografía de  xeito moi diferente ao que eles coñecen e usan a través dos seus móbiles.

FORMAR EMPRENDEMENTO NAS AULAS

O pasado luns Vera Lua Domínguez e Santiago Márquez, de Kamuk e Alertacoches, respectivamente, participaron na Semana Cultural para dar unha charla ao alumnado de 1º CM de FP Sistema Microinformáticos e Redes. Esta actividade encádrase no Programa Eduemprende/ EduInspira , unha iniciativa da Cámara de Comercio de A Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para formar en emprendemento nas aulas.

Lua Vera Domínguez, logo de contarnos a súa bagaxe profesional, Apple, Apple e Apple, pasou a presentar mediante un Visual Thinking o perfil do emprendedor. Recuncou ideas trasnoitadas sobre a figura do "fracasado" que non existe, para elevar, como motor da transformación do territorio, ao do emprendedor resilente que traza un vieiro de aprendizaxe sen fin. Presentou os conceptos de ikigai xunto co de Kanji, froito da cultura do esforzo e da constancia, como maneiras de atopar rumbos novos para o emprendemento. Destacamos o visionado do documental breve sobre The Bio Factory,a primeira fábrica de xeados bio en Galicia, concretamente na Coruña.

Santiago Márquez, de AlertaCoches, sumou unha nova visión do emprendedor. Logo de anos traballando, como soporte informático, para unha grande téxtil en Galicia decidiu dar o salto ao emprendemento. Animou a rapazada a que tropezaran, a que caeran, pero tendo sempre na cabeza a satisfacción dunha necesidade das persoas. No seu caso AlertaCoches xurdiu como resposta a súa necesidade de mercar un coche hai un par de anos. Quería un marca e modelo de vehículo moi concreto, pero deuse conta que non ía ser sinxelo: os buscadores de Internet para coches tiñan problemas cando quería unha información comparable de distintas fontes, así que cun pouco de bechmarking e moitos traballo buscou e comparou información para poder decidirse. Deste xeito acabou creando unha ferramenta que permite a calquera buscar de xeito fácil información manexable e fiable na rede de coches á venda, manexable e fiable. Puidemos comprobalo en tempo real cun resultado fascinante.

 Pasouse o tempo nun chío. Que grande é o emprendemento!!!!

Distribuir contido