FacebookSíguenos en YouTube

Canto de nadal e concurso de postais

Coa colaboración dos departamentos de Francés e de Música, o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO que cursan a lingua estranxeira francesa ensaiaron estas dúas últimas semanas tres cancións de nadal en Francés. Cantaron os dous últimos días no recreo as seguintes cancións:

“Douce nuit”, “Mon beau sapin” e “ Vive le vent”.

Dende os dous departamentos agradecémoslles ao alumnado a participación e desexámoslles unhas felices festas! Joyeuses fêtes!

Tamén dende o departamento de Francés organizouse un concurso de postais de nadal na que participaron os alumnos de 1º da ESO. O obxectivo foi de aprender como desexar con diferentes expresións unhas felices festas e bo nadal. Houbo entrega de tres premios para as postais mais bonitas.

 

Os gañadores foron:    

      - 1º premio: Daniel Domínguez Antonio

                                   

      - 2º premio: Damian Fernández Miñones

                                   

      - 3º premio: Aldara Trillo Canto

 

Dende o departamento de Francés desexámosvos felices festas.

 

Joyeux noël et bonne année.

TECNÓLOGO POR UN DÍA

O luns 18 de decembro, Borja Carril, de 2º SMR participou na actividade Tecnólogo por un día na empresa Bahía Sotware.

 A experiencia foi moi agrabale e produtiva tanto para o alumno como para empresa, que destaca a implicación de Borja e o interese por repetir esta actividade no futuro.

Agradecemos a Borja a súa implicación e a Bahía Sotware  a posibilidade de que o noso alumno vivira esta experiencia.

XUBÍLASE O PROFESOR DE FILOSOFÍA ANTONIO DÍAZ

Hoxe aproveitamos o xantar de Nadal para despedir ao noso compañeiro e amigo Antonio Díaz, o profesor de Filosofía que se xubila despois de toda unha vida dedicada á docencia.

Moitas grazas Antonio polo teu traballo e dedicación, toda a Comunidade Educativa do IES Maximino Romero de Lema queremos darche as grazas e desexarche todo o mellor nesta nova etapa que agora emprendes.

Botarémoste de menos e sempre estaremos aquí para o que necesites.

E non esquezamos o que di Tomé de Aquino: “O único instrumento que os homes temos para vivir e perfeccionarnos dignamente é a educación, na que deixas unha pegada”.

Moita sorte!

Unha experiencia saudable e divertida

Hoxe 20 de decembro, o noso alumnado de 2º e de 3º de ESO gozou realizando patinaxe sobre xeo en Vimianzo. Nenas e nenos convertéronse durante unha hora en expertos en aprender a caer ao mesmo tempo que traballaban o equilibrio e melloraban a resistencia física. E todo isto pasándoo en grande! Que mellor actividade para relaxarnos nesta fin de trimestre.

 

Agradecemos a invitación a participar nesta iniciativa ao Concello de Vimianzo, e ao Concello de Zas por facérnola chegar e por facilitarnos o transporte ata a pista de xeo. Este tipo de experiencias, enmarcadas no Contrato-Programa Innova EDUsaúde, son moi beneficiosas pois favorecen o crecemento físico e mental da rapazada.Por suposto, dende o Centro seguiremos apostando por elas.

Finaliza a campaña solidaria de recollida de alimentos no IES Maximino Romero de Lema

Durante o mes de decembro os correspondentes xuvenís en colaboración coa Biblioteca, desenvolveron unha campaña de recollida de alimentos co motivo do Nadal para repartir entre as familias necesitadas. A Comunidade Educativa demostrou a súa solidariedade cos máis desfavorecidos a través dos alimentos depositados na caixa que había na entrada, e finalmente hoxe fixéronlle entrega dos mesmos a Carme e a Paco, voluntarios de Cáritas, que foron os encargados de levalos á sede para o seu posterior reparto entre aqueles que máis o precisan.

Esta iniciativa tiña como obxectivo a sensibilización de todos e de todas nós nestes momentos de dificultade para moitas familias, pero tamén botar unha ollada crítica sobre a sociedade actual na que cada vez hai máis persoas con problemas para cubrir as súas necesidades básicas.

Imaxinemos un Nadal para todos e todas. É posible se todos e todas achegamos o noso gran de area.

O grupo de Historia da Arte (2º Bac) e Antropoloxía (1º Bac) tivo hoxe a clase en Santiago.

O grupo de Historia da Arte (2º Bac) e Antropoloxía (1º Bac) tivo hoxe a clase en Santiago. Andou polas cubertas da catedral cunha visita guiada, tamén polo seu interior con parada obrigada no Pórtico da Gloria. O alumnado puido ver en directo o que está a traballar estes días na aula sobre o estilo románico, así como a iconografía sobe a morte e o máis alá en Antropoloxía. Tamén tivo unha visita guiada a unha exposición da arte contemporánea Pop-Art na Fundación Abanca, estilo que se verá na última avaliación pero que non perdeu a oportunidade de visitar aproveitando a viaxe ao máximo!

Percorreron as rúas medievais de Compostela nun día frío pero cheo de emocións e aprendizaxes!

Da exposición fotográfica de Helmut Newton á visita guiada pola Coruña da man de John Moore

O alumnado de 2º de Bacharelato B visitou hoxe a exposición do fotógrafo alemán-australiano Helmut Newton. Entramos na nave portuaria do Muelle de Batería onde visualizamos uns vídeos con testemuñas de amigos e colaboradores do creador, pasando despois a unha sala chea de recortes de revistas e xornais que reflexan a fama do fotógrafo así como vitrinas que amoxan algúns dos seus obxectos persoais. Logo, a escuridade envolve o percorrido por varias salas nas que se suceden as súas imaxes máis coñecidas, podendo ver entre outras a Margaret Thatcher, Versace, Naomi Campbell, David Bowie, etc.

A continuación fixemos unha visita pola cidade da Coruña, onde tivemos ocasión de coñecer os segredos da cidade herculina da man de John Moore -caracterizado polo guía Suso Martínez- que levou o grupo por diversos escenarios e recunchos da cidade vella . Foi un percorrido dinámico, divertido e, á vez, pedagóxico no que destacamos a oratoria brillante do actor que fai que sexa imposible perder o fío do seu relato.

Desta maneira, despedimos o trimestre cunha saída moi enriquecedora que lle permitiu ao alumnado deixar de lado por unhas horas o frenético ritmo deste curso.

NATIVOS DIXITAIS EN ACCIÓN

Esta semana e a que ven, lévase a cabo no Centro o obradoiro de informática Nativos dixitais en acción , destinado ao alumnado de 1º e 2º ESO e impartido polo educador social Adrián López Agra.

O obxectivo deste obradoiro é proporcionar ao alumnado as ferramentas necesarias para comprender e abordar as cuestións fundamentais relacionadas coa seguridade informática, o uso de dispositivos e as problemáticas asociadas á era dixital.

Durante estas seis sesións, abórdanse temas como a seguridade en liña, concienciando ao alumnado sobre a importancia de protexer os seus datos persoais e privacidade, identificar ameazas e adoptar prácticas seguras por internet.

Tamén se enfoca no bo uso de dispositivos e a importancia dunha boa ergonomía tanto no uso do teclado como do rato. O alumnado recibiu consellos práctivos sobre o manexo adecuado dos seus dispositivos. 

As actividades realizadas lévanse a cabo de maneira participativa, realizando diferentes dinámicas co fío de valorar a importancia de equipar ao alum,nado de coñecementos para contribuír a participar na comunidade dixital de forma máis segura e ética.

 

Distribuir contido