FacebookSíguenos en YouTube

2º ESO GOZA CO SURF

O venres, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO levou á practica na praia de Arou en Camariñas o aprendido sobre o deporte do surf nas sesións que tiveron no Centro. 

Empezaron cuns exercicios grupais para quentar e estirar os músculos antes de meterse na auga. Tamén recolleron lixo da praia para analizalo e reflexionar sobre a contaminación dos océanos, concluíndo que é tarefa de todos e todas implicarnos no seu coidado. Finalmente repasaron sobre a area as posturas a manter sobre a táboa e, xa preparados/as, navegaron sobre as ondas seguindo as intrucións dos monitores con maior ou menos éxito, pero, iso si, todos e todas pasárono moi ben. 

Agradecémoslle ao Concello de Zas que fixese posible que o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO puidesen desenvolver esta actividade. O próximo xoves será a quenda de 4ºESO que pechará a actividade de Aprende co surf .

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA PRESENTA O PROXECTO “NAMÓRATE DO RURAL” NO IES CONCEPCIÓN ARENAL DE FERROL.

O IES Maximino Romero de Lema ven de presentar o proxecto “Namórate do rural” que ten coma finalidade recuperar o patrimonio inmaterial da zona da Costa da Morte e que se levou a cabo grazas á participación de toda a Comunidade Educativa do noso IES.

Namórate do rural” é un proxecto vivo enviado aos premios de proxectos educativos “Somos rurais”, convocado pola Confederación de ANPAS GALEGAS e foi presentado o pasado 11 de xuño no auditorio do IES Concepción Arenal de Ferrol, onde se fixo entrega dos diplomas acreditativos da participación no evento a todos os institutos e coles participantes. 

O proxecto implica a toda comunidade educativa: alumnado da educación secundaria obrigatoria, formación profesional e primaria. Contouse coa participación do profesorado de distintos departamentos, así coma as familias do alumnado (pais, nais, avós e avoas, irmáns), e tamén de persoal non docente do centro, coma o noso Conserxe Manuel que nos narrou unha historia sobre a Illa da Estrela en Corme-Aldea.

Con este proxecto quixemos espertar o espírito investigador do noso alumnado, que recuperou e colectou lendas, contos, refráns, historias, ditos populares, romarías e outros elementos da tradición oral da zona, que conforman o patrimonio inmaterial das comarcas de Bergantiños e Soneira, creando repositorios audiovisuais que se poden ver no blog que os profesores Fina Paulos e Óscar Rey crearon “maxi.iesmaximinoromerodelema.gal/wp” coa axuda de alumnado de 2º de Ciclo Medio.

As novas tecnoloxías, no caso destes dous profesores o uso de aplicacións de Intelixencia Artificial, así coma de software vario para a edición audivisual e a súa publicación na rede, teñen un papel relevante no proxecto, xustificando o seu uso a grande capacidade de difusión que ofrecen e tamén as opcións de creatividade para a elaboración das diferentes pezas audivisuais.

Fomentouse o traballo colaborativo do alumnado, familias e profesorado. A coordinación recaeu sobre estes dous profesores de FP da rama de Informática (Fina Paulos e Óscar Rey) o que permitiu fornecer de recursos ós participantes para poder utilizar tecnoloxías ó servizo da preservación do patrimonio inmaterial, pero tamén hai que agradecer a colaboración doutros profesores que se encargaron de recopilar historias co seu alumnado e tamén de narralas.

Outra das cousas que destacamos de “Namórate do rural” foi o seu papel transversal entre xeracións implicando a distintos rangos de idade, así temos a avós e avóas contando historias ou un refrán, a nais/pais cantando ou recitando un dito ou canción, sen olvidarnos dunha irmá que nos explica unha romaría... , trátase dun proxecto que debería ser extensible a outros centros educativos polo valor que ten na recollida da tradición oral na zona rural, en verdadeiro risco de perderse.

Mantivéronse reunións de coordinación previas para captar o gran número de participantes cos que conta «Namórate do rural» e distribuir o traballo e tarefas que cada un tiña que facer dentro do proxecto.

Fina e Óscar queren agradecer á Directiva do Centro toda a axuda e colaboración, unha vez máis, para poder levar a cabo este proxecto así coma as xestións que fixeron para que se puidera presentar.

O noso proxecto combina novas tecnoloxías de vangarda como a Intelixencia Artificial, sumadas a outras coma aplicacións de xeolocalización para situar nun mapa da zona as diferentes pezas recollidas polo alumnado (pezas que foron interpretadas por avós, nais...), ou unha plataforma para subir os audios, e finalmente xuntar todo nun blogue que recolle a nosa tradición oral.

Este traballo pode verse no blog do proxecto: 

·       

https://maxi.iesmaximinoromerodelema.gal/wp/

O profesorado quere continuar con este proxecto para o vindeiro curso, xa que considera que no rural inda hai moitas cousas por descubrir, hai moi tradición oral que non debe perderse e que os xóvenes deben aprender para coñecer e valorar as súas orixes, para apreciar o noso entorno rural.

No evento foi presentado o vídeo promocional do proxecto que podedes consultar:

·       

https://youtu.be/4UmYKMZuoRs

A memoria técnica do proxecto foi publicada para a súa posta en coñecemento da comunidade educativa galega e que poida ser utilizada como exemplo de implantación de todas estas ferramentas noutros lugares de Galicia. Pode consultarse aquí: 

·       

https://somosrural.anpasgalegas.gal/wp-content/uploads/2024/04/04-NamorateRural_memoria.pdf

Ó acto acudiu o profesorado coordinador: Fina Paulos Lareo e Óscar Rey Calo, xunto con unha das persoas participantes no proxecto Irene Fernández Paulos, como exemplo do alcance que tivo o proxecto na participación da comunidade educativa e das familias. 

Agradecemos o convite feito pola Confederación de Anpas Galegas, á cal animamos a seguir creando este tipo de iniciativas que nos permiten ás comunidades educativas difundir as nosas iniciativas e proxectos singulares. 

OS BENS DO AR

O pasado venres, sete de xuño, estivo co alumnado de 4º de ESO, Carme Tobar. Veunos falar dos bens recollidos no artigo 612 do Código Civil, e a sorpresa foi maiúscula! 

A nosa amiga empregou a técnica do desconcerto, para introducirnos, desvelarnos o apaixonante mundo das abellas e dos enxame. Como se dunha "Indiana Jones" se tratara, embarcounos no recoñecemento da historia do patrimonio galego inmaterial e material: os cereiros, os abelleiros, os albaneis, os ebanistas, os canteiros, os tecedores, os modistos.... traballaban arreo para chegar a recolleita dos centos de produtos que brinda o mel.

Coma unha cineasta da terra, remexeu as luces, as cores, os  sabores e os aromas para entregarmos o seu traballo de vida.

Grazas Carme. Choramos contigo, grazas pola paixón.

Volta cando queiras.

RESULTADOS ABAU XUÑO 2024

UN ANO MÁIS 100% APROBADOS

PARABÉNS ao alumnado e ás súas familias así como a todo o profesorado do Centro

MISTERIO E MITOLOXÍA NOS LIBROS DE ADRIÁN GÓMEZ RAMOS

Finalizamos onte os encontros literarios deste curso celebrados na nosa Biblioteca coa presenza do escritor Adrián Gómez Ramos, autor de Cando sangren os lobos, lido por todo o alumnado de 3ºESO e da segunda parte deste,  Aqueles corpos nosos, lido polos membros do Club de Lectura dese mesmo curso.

O autor comentou que escribiu o primeiro libro cando decidiu presentarse ao certame Xuventude Crea 2020 coa que gañou o 1º premio na categoría de Novela Curta. Sinalou que para crear estas obras de ciencia-ficción e misterio tomou pinceladas da película La Cera e da serie Buffy Cazavampiros. Encántalle a mitoloxía, por iso ocupa unha parte importante na súa escrita e dentro desta, sempre sentiu apego polas historias de monstros, sobre todo polos que podían vivir como persoas, como é o caso dos lobishomes.

Tamén aludiu a situacións de discriminación que aparecen na súa obra como as que sofren moitas persoas pola súa orientación sexual ou ás mulleres polo simple feito de selo; a el parécelle importante que estas temáticas teñan máis cabida na literatura actual.

Respondeu a numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre as dúas novelas. Algunhas das preguntas centráronse no desenvolvemento da trama e na  descrición emocional e psicolóxica das personaxes, dos monstros e nos conxuros. Con respecto ás personaxes confesou que lle gusta facer sufrir ás súas favoritas, que non ten medo a traballar coas emocións por alleas que lle resulten algunha delas.

Interesoulle moito ao alumnado descubrir que se publicará unha terceira parte en breve e que será a última, aínda que en principio pensara en realizar unha saga composta por cinco libros. Finalmente animounos a realizar un roteiro literario pola cidade de Santiago visitando os lugares que se describen no libro.

Rematamos coa sinatura de exemplares e co agradecemento por achegarse ata Baio dende Rianxo para compartir con noso alumnado un animado encontro literario que pon o broche final aos deste curso escolar.

INICIÁNDONOS NO SURF!!!

Onte o alumnado de 3º ESO desprazouse á praia de Reira en Camariñas para  seguir no mar o proceso de iniciación ao surf. Despois de poñer o traxe de neopreno, comezamos cunhas reflexións grupais en relación ao mar e á importancia de gozar del respectándoo e implicándonos no seu coidado, e aproveitamos para entrar en calor facendo unha limpeza do lixo que había na area e realizando xogos. 

A continuación familiarizámonos coas táboas de surf sobre a area para a continuación meternos na auga e poñer en práctica todo o aprendido, navegando polas ondas seguindo as instrucións dos encantadores monitores que nos acompañaron. Foi unha actividade moi divertida e pasámolo moi ben, tanto que xa estamos desexando que cheguen as vacacións para seguir practicando!!

LITERATURA, ILUSTRACIÓN E MÚSICA ARREDOR DA FIGURA DE LUÍSA VILLALTA

Onte o alumnado de 1º ESO  gozou dunha sesión moi amena e divertida co contacontos  realizado por Polo Correo do  Vento sobre a figura homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.                       . 

 Mentres Tania Solla realizaba unha ilustración de Luísa Villalta e Quique Mauricio amenizaba a sesión coa interpretación de cancións que apoiaban a narración do que se estaba a dicir en cada momento, Antón Ke  íanos relatando a orixe desta celebración e os criterios que se tiñan en conta para escoller a persoa á que se lle dedicaba ese día; lembrou a figuras destacadas como Rosalía de Castro, Fernández del Riego, e ata leu poemas Labarta Pose,  como apoio á candidatura presentada para dedicarlle o ano que vén esta conmemoración. 

Despois desta breve introdución entrou de cheo na figura de Luísa Villalta. Muller que tocaba o violín, comprometida cos problemas sociais, ecoloxista activa no movemento social de Nunca Máis, feminista, profesora de lingua galega, escritora de poesía, narrativa, ensaio, música,  colaboradora habitual en xornais e revistas, e sexta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas

Na parte final da sesión o alumnado debuxou o retrato desta intelectual poliédrica  seguindo as pautas marcada pola ilustradora polo que lles resultou moi fácil. Antes de despedirse agasalláronnos aos/ás presentes con cadanseu exemplar do libro Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta.

Agradecémoslle ao Concello de Zas que fixera posible que se realizase este contacontos no noso Centro.

Distribuir contido