FacebookSíguenos en YouTube

NATIVOS DIXITAIS EN ACCIÓN

Esta semana e a que ven, lévase a cabo no Centro o obradoiro de informática Nativos dixitais en acción , destinado ao alumnado de 1º e 2º ESO e impartido polo educador social Adrián López Agra.

O obxectivo deste obradoiro é proporcionar ao alumnado as ferramentas necesarias para comprender e abordar as cuestións fundamentais relacionadas coa seguridade informática, o uso de dispositivos e as problemáticas asociadas á era dixital.

Durante estas seis sesións, abórdanse temas como a seguridade en liña, concienciando ao alumnado sobre a importancia de protexer os seus datos persoais e privacidade, identificar ameazas e adoptar prácticas seguras por internet.

Tamén se enfoca no bo uso de dispositivos e a importancia dunha boa ergonomía tanto no uso do teclado como do rato. O alumnado recibiu consellos práctivos sobre o manexo adecuado dos seus dispositivos. 

As actividades realizadas lévanse a cabo de maneira participativa, realizando diferentes dinámicas co fío de valorar a importancia de equipar ao alum,nado de coñecementos para contribuír a participar na comunidade dixital de forma máis segura e ética.

 

EXXPERIMENTA EN FEMININO. MULLERES NA CIENCIA

Dende o día 2 e ata o 15 de decembro teremos exposta no Centro a exposición Mulleres na Ciencia, unha exposición formada por 14 posters sobre mulleres cun destacado papel na investigación científica e tecnolóxica. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, aportacións que fixo así como dos premios ou recoñecementos recibidos en vida e posteriormente. 

Esta selección de mulleres feita polas científicas e investigadoras do campus de Ourense que participaron nas xornadas de divulgación eXXperimenta en feminino, abarca dende a investigación básica á aplicada, dende o ámbito galego ao internacional e dende a física á informática.

Agradecémoslles á Universidade de Vigo iniciativas coma esta, que permiten que o alumnado teña a posibilidade de coñecer e achegarse a importantes referentes femininos no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñerías.

Visita ao CPD da AMTEGA e o CESGA

Dentro das actividades realizadas na Aula de Emprendemento 2023, o pasado luns 11 de decembro o alumnado de 2º curso do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes e do Ciclo Básico de Informática de Oficina, acudiron a Santiago de Compostela para visitar o CPD (Centro de Proceso de Datos) da AMTEGA (Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia) e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia).

Comezaron pola mañá coa visita á AMTEGA, primeiro acudiron a unha charla inicial a mans de José Enrique Mourón (irmán dun profesor que estivo uns cantos anos no noso centro…que coincidencias!) e Manuel Pereiras, ambos traballadores do Servizo de Sistemas da AMTEGA.

A charla inicial foi fantástica e axudounos a entender o funcionamento e organización dun CPD e as características particulares do CPD da AMTEGA. Despois da charla, separámonos en dous grupos para adentrarnos no CPD e ver de primeira man o comentado na charla inicial, guiados por cada un dos relatores.

Unha visita moi productiva, foi un auténtico luxo poder visitar o CPD da AMTEGA onde están almacenados os datos e as aplicacións da Consellería de Educación que empregamos no noso día a día (abalar, aula virtual, web do centro, etc).

Pola tarde tocou a visita ao CESGA onde descubriron os principios sobre a computación, como evolucionou a informática nunhas poucas décadas, como se desenvolven as tarefas de procesamento de datos e como funciona a computación cuántica. Tivemos a sorte de coñecer as características e ver onde se aloxa o supercomputador FINISTERRAE, un dos máis potentes de España e o ordenador cuántico Qmio, o ordenador cuántico máis potente do sur de Europa.

Un día completo, moi divertido e enriquecedor como se pode comprobar nas fotos!.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita AMTEGA e GESGA

CAMPAÑA SOLIDARIA DE NADAL

O IES Maximino Romero de Lema participa nos retos do Programa InnovaTech FP

O venres 1 de decembro tivo lugar no CIFP Universidade Laboral (Culleredo) a xornada de lanzamento dos retos do Programa InnovaTech FP. Un programa que ten como obxectivo principal impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial, fomentando a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de Formación Profesional.

O noso Centro deberá abordar a resolución do reto proposto pola empresa Diesemm:  Desenvolvemento dunha solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos.

O equipo participante está formado por dúas alumnas (Nerea e Cristina) do 2º curso do CM Sistemas Microinformáticos e redes e por dous alumnos (Carlos e Cristian) do 1º curso do mesmo Ciclo Medio. Estarán coordinados e capitaneados polo profesor do departamento de Informática Carlos Rosado.

Agradecémoslles aos cinco a súa participación e implicación neste programa que “busca enriquecer a experiencia educativa e conectar o alumnado coas realidades e necesidades do sector industrial, ao tempo que fomenta un enfoque colaborativo e inclusivo”.

Caravana morada, Tarxeta vermella e Detecta as túas relacións tóxicas

O xoves 30 de novembro pechamos toda unha serie de actividades organizadas no Centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 

Durante toda a mañá, o alumnado visitou a “Caravana morada”, tendo a oportunidade de entrar no vehículo e ver os seus itinerarios e puntos de partida, xa que esta caravana está presente en diferentes eventos de ocio nocturno para garantir “unhas festas sen agresións e sen abusos sexuias”.

Asemade participaron en dous obradoiros: “Tarxeta vermella” e “Detecta as túas relacións tóxicas”.

Agradecemos ao Concello de Zas a través do Centro de Información á Muller (CIM) a oferta destas actividades no seu intento de concienciar á poboación nova sobre esta problemática.

A violencia machista non cesa, chegando a 53 o número de mulleres asasinadas. 

O IES Maximino Romero de Lema seguirá, seguiremos comprometidos coa eliminación desta lacra social a través da concienciación e sensibilización do noso alumnado para soñar cun día no que desapareza.

2º Bacharelato B pon o broche final ao programa de Almorzos Saudables

Coa participación o pasado venres do alumnado de 2º Bacharelato B rematamos o programa “Almorzos Saudables”. 

 

Cómpre lembrar a importancia dun almorzo saudable diario, de que o alumnado concentre unha terceira parte da inxestión de comida entre o almorzo e a media mañá, de que se conciencien en bos hábitos alimenticios, distanciándose o máis posible da “bollería” industrial e das bebidas azucradas. Por iso lle ofrecemos ao alumnado un menú a base de pan fresco con aceite, tomate e/ou xamón serrano; lácteos (leite de vaca, sen lactosa ou de avea ou ben iogur) ao que lle podían botar cacao 100% ou ben mel; cereal integral e sen azucre engadido (avea) que lles proporcionará unha fonte de enerxía estable e duradeira. E para que o almorzo fose de sobresaliente tamén podían elixir unha peza de froita (mazá, plátano ou mandarina).

 

Que máis se pode pedir? Pois que despois sigan almorzando así nos seus fogares para afrontar con enerxía a xornada de aprendizaxes que teñen por diante.

 

Esperamos que con este programa contribuamos ao fomento dunha alimentación saudable e á concienciación polo consumo de produtos locais.

 

Debido á boa acollida que unha vez máis tivo esta iniciativa, repetirémola para o próximo curso 2024-2025.

 

Moitas grazas a todas e a todos!

PARTICIPACIÓN NO CAMPIONATO ESCOLAR DE BÁDMINTON

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema participou, cun notable éxito, na fase de grupos do Campionato Escolar de Bádminton, na categoría cadete, celebrado en Outes o pasado día 30 de novembro.

Participaron en total 20 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e de 1º FP Básica, dos que 6 gañaron os dous partidos que disputaron e outros 9 gañaron un deles.  Desta maneira, teremos de novo representación na seguinte fase competitiva.

Moi bos resultados e sobre todo unha moi boa xornada na que gozamos do deporte e do compañeirismo.

Distribuir contido