FacebookSíguenos en YouTube

VIAXE A ATAPUERCA/CAREX/MEH-BURGOS (12 e 13 DE ABRIL)

Os días 12 e 13 de abril, o alumnado de 1º e 2º Bach. B fixo unha viaxe a Burgos organizada por Ana Baneira, profesora do departamento de Filosofía. 

O primeiro destino foron os Xacementos da Serra de Atapuerca, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A visita realizouse a través da denominada "Trincheira do Ferrocarril" (na que se atoparon os distintos sedimentos de fósiles), un paso artificial de rocha calcaria aberto na serra a principios do século XX e que sacou á luz os numerosos restos arquexopaleontolóxicos; podendo visitarse a "Sima do Elefante", "O Complexo Galería" e a "Gran Dolina". Fósiles de especies distintas e que se sucederon no tempo destacando, pola súa importancia, os do "Homo Antecessor" e "Homo Heidelbergensis", que permitiron documentar un longo e importante período da secuencia da evolución humana en Europa. 

Tras a visita guiada ás escavacións, dirixímonos ao CAREX (Centro de Arqueoloxía Experimental) para que o alumnado se poidera situar no contexto a través das diferentes actividades que se realizan no mesmo, poñendo así en práctica os diversos coñecementos sobre o tema. 

Durante o sábado, visitamos o  MUSEO DA EVOLUCIÓN HUMANA DE BURGOS, onde poidemos gozar e experimentar cos achados atopados en Atapuerca, completando ademais as explicacións cos diferentes recursos sobre a Historia da Evolución Humana, entrelazando constantemente a natureza e a cultura. O edificio é un proxecto arquitectónico, deseñado polo arquitecto e pintor español Juan Navarro Baldeweg. Algúns dos fósiles orixinais procedentes dos Xacementos da Serra de Atapuerca exhíbense neste museo; proveñen da colección do Museo de Burgos e cedéronse ao MEH en forma de depósito.

Ao saír do museo visitamos o  Paseo do Espolón, a Porta de Santa María e a Catedral de Burgos, unha das obras máis significativas e representativas da arte gótica española.

Foron dous días moi intensos que nós permitiron entre outras cousas, comprender a importancia de Atapuerca para o estudo da evolución humana; coñecer o modo de vida das sociedades do Paleolítico; coñecer as implicacións filosóficas da evolución, así como a dialéctica na interacción natureza-cultura no proceso da Antropogénesis; recoñecer e reflexionar sobre a interacción dialéctica entre o compoñente natural e o cultural que caracteriza ao ser humano en canto tal; coñecer e valorar as interaccións da ciencia coa sociedade e o medio ambiente, con atención particular aos problemas aos que se enfronta hoxe a humanidade e a necesidade de procura e aplicación de solucións; recoñecer o carácter tentativo e creativo das ciencias da natureza, así como as súas achegas ao pensamento humano ao longo da historia, apreciando os grandes debates superadores de dogmatismos e as revolucións científicas que marcaron a evolución cultural da humanidade e as súas condicións de vida.