Saltar navegación.
Inicio

PAU: 100% aprobados e 9º posto de Galicia

Despois da publicación dos resultados definitivos das PAU, o alumnado do IES Marco do Camballón obtivo o posto número 9 dos 278 centros que se presentaron a estas probas. Parabéns a todas e todos!

Así recolleron a noticia La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Contratación do servizo de cafetería para o curso 2014-15

Entre o 30 de xuño e o 4 de xullo poderase entregar na administración do IES "Marco do Camballón", en horario de 10:00h a 13:00h, toda a documentación necesaria para concorrer ao concurso público do servizo de cafetería deste centro.

Normas da biblioteca en vídeo

Agora pódense coñecer as normas básicas de funcionamento da biblioteca dun xeito máis cómodo a través deste vídeo:

 

Aprendendo Xenómica con Ángel Carracedo

Este martes 20 de maio tivo lugar a conferencia sobre Xenómica do doutor Ángel Carracedo que organizou a Biblioteca do noso centro. Celebrouse no auditorio Xosé Casal e a ela asisitiron, ademais do noso alumnado, outro dos institutos Aller Ulloa e Laxeiro de Lalín así como nais, pais e outra xente do contorno. A sesión prolongouse durante 2 horas, máis do previsto, debido ao interese que suscitou a charla entre o alumnado, que formulou numerosas preguntas. A gravación do acto completo pódese ver desde o blog da biblioteca. Tamén recolleron a noticia os xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Conferencia de Ángel Carracedo

Como remate á intensa actividade de divulgación da ciencia que este ano desenvolveu a Biblioteca do centro, teremos a oportunidade de asistir a unha conferencia do Dr. Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica e un investigador de gran prestixio a nivel mundial.

Falaranos sobre "As aplicacións da xenómica no mundo actual" o próximo martes día 20 de maio a partir das 12:00h no Auditorio "Xosé Casal" de Vila de Cruces. Está convidada toda a comunidade educativa, así como os distintos centros da comarca.

Charla de Jorge Mira

Como parte da promoción da lectura científica que está desenvolvendo neste curso a biblioteca do centro, o pasado 30 de abril recibimos a visita de Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da facultade de Física da USC, responsable do programa ConCiencia e tamén coñecido pola súa colaboración en espazos da televisión, a radio e columnas na prensa. Ofreceunos unha charla moi amena sobre diversas cuestións científicas. Pódese ver completa nesta ligazón.

A biblioteca do centro chega ao rexistro 7000

Despois de moitos contratempos, desvelos e esforzos, particularmente do profesorado do Equipo da Biblioteca (María Barcala, Lucía Puentes, Rubén Noguerol, Susana Porral e Carmen Fernández) a biblioteca do noso centro acaba de acadar o rexistro 7 000. Isto significa que ten á disposición de toda a comunidade educativa un total de 7 000 exemplares entre libros, CD's e DVD's.

Esta semana quixemos aproveitar a visita do escritor e profesor lalinense Carlos Negro para celebrar tan meritoria cifra, pois foi precisamente o poemario do que nos veu falar, Penúltimas tendencias, o que se rexistrou con este número.

Parabéns a toda a xente que o fixo posible! Pero non esquezades que o mellor agradecemento que se lle pode brindar é usar todos os recursos e participar nas dinámicas que, con vocación de servizo público e de calidade, nos ofrecen semana a semana e curso a curso.

Concurso de fotografía

 

Para celebrar o Día Internacional do Libro a bilioteca do centro convoca un concurso de fotografía. Consulta as bases nesta ligazón.

 

 

Astronomía en Vila de Cruces

O pasado xoves día 13, a partir das 8,30 da tarde, tivo lugar na praza da vila a anunciada sesión de astronomía a cargo de Salvador Bará, profesor de Óptica da USC. A actividade forma parte do proxecto de difusión da ciencia sobre o que xira neste curso boa parte actividade dinamizadora da biblioteca do centro e contaba tamén coa colaboración do Club da lingua.

No blog da biblioteca, Abre os ollos, pódense ver máis contidos relacionados con este evento e pinchando aquí accédese á noticia aparecida no Faro de Vigo.

Probas de acceso a ciclos 2014

Acaba de publicarse o calendario da realización das probas de acceso a ciclos para este curso. Podedes consultalo no arquivo anexo.

Distribuir contido