Skip to Content

Prácticas

REALIZACIÓN DE PROXECTOS

Os alumnos de segundo curso de STEMbach andan a ultimar os seus proxectos. Tres estudantes fano sobre drons. Dous sobre domótica e outros dous sobre robótica. Outros tres sobre xenética dunha enfermidade e outro sobre quimiometría. 

Agardamos con moita expectación estas presentacións, que serán o vindeiro mes ou meses no noso IES. De feito, o curso pasado esta actividade, realizada polos noutrora alumnos de segundo curso, foi a mellor valorada polos poñentes deste curso. Moito ánimo no treito final deste bacharelato.

Álbum: Sen categoría -> proxectos 19/21

PRÁCTICAS: ENSAIOS NON DESTRUTIVOS EN MADEIRA

Este 4 de marzo o alumnado STEMbach realizou prácticas nun dos talleres da Escola Politécnica Superior da USC, repetindo a experiencia dos da primeira promoción. Baixo a dirección da profesora María Elena Fernández Rodríguez, do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, realizaron ensaios non destrutivos en distintas madeiras para determinar algunhas das súas propiedades.

Alí viron unha máquina de ensaios de flexión, similar á que xa utilizaron o pasado 8 de xaneiro no noso IES, inda que de maiores dimensións. Recordaron os ensaios destrutivos xa realizados, e nesta sesión realizaron ensaios como a medición da humidade por conductividade cun xilohigrómetro. Tamén empregaron un medidor do tempo de propagación dunha onda de impacto, que pode empregarse para detectar zonas podres ocultas ou buracos, o que é útil no mantemento de árbores urbanas. Recibiron información do funcionamento de técnicas como a tomografía acústica ou de ultrasóns e viron algún equipo que recolle e almacena dixitalmente os datos obtidos.

Álbum: Sen categoría -> practicas madeira ND

PRÁCTICAS DE LABORATORIO: EXTRACCIÓN DE ADN, PCR E VISUALIZACIÓN DE RESULTADOS

Os profesores da Familia Química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez, Belén Reija e Gloria Grueiro, dirixiron este 19 de febreiro esta práctica de xenética, empregando o kit DNA-MEAT, adquirido polo noso centro ao grupo de innovación docente XuvenCiencia. https://xuvenciencia.org/portal/xc-na-aula/dnameat/

Extraeron o ADN de carnes de porco, tenreira, mestura de porco e tenreira, e polo. Para axilizar o proceso, no tempo que durou a extracción fixeron a reacción en cadea da polimerasa, PCR. Para esta reacción empregaron mostras extraídas anteriormente por alumnos do Ciclo Superior de Química. Finalmente, mentres os termocicladores con tapa termostatizada remataban a amplificación do material xenético, visualizaron resultados, empregando a técnica de fluorescencia molecular, de mostras similares obtidas en días previos.

Este ensaio de trazabilidade animal permitiu a identificación da presenza das dúas principais carnes consumidas en Galicia e introducir o alumnado nas técnicas de bioloxía molecular.

Álbum: Sen categoría -> Prácticas xenética

PRÁCTICAS: DISECCIÓN DUN CORAZÓN

Este 12 de febreiro os alumnos de primeiro curso de STEMbach realizaron a disección dun corazón de porco, dirixidos pola profesora de Bioloxía do IES Ánxel Fole Lourdes Novoa Álvarez, que xa o ano pasado impartiu esta práctica aos alumnos da primeira promoción deste bacharelato do noso instituto.

Con batas novas, observaron a anatomía externa (aurículas, ventrículos, arterias e venas) e interna (válvula mitral, tricúspide, semilunar…) deste órgano vital. Distinguiron as tres capas do corazón: pericardio, endocardio e miocardio e as súas funcións. Finalmente, repasaron as causas de importantes enfermedades relacionadas co aparato circulatorio: soplos, tromboses, varices, insuficiencias renais, hipertensión, etc.

Álbum: Sen categoría -> Disección corazón

PRÁCTICAS: PROGRAMACIÓN CON ARDUÍNO 2

Este 22 de xaneiro Carlos Cazón continuou dirixindo aos alumnos de primeiro curso de STEMbach nas súas prácticas de programación con software libre.

Concretamente, programaron cunha placa Arduíno o funcionamento de diodos LEDs de diferentes cores e frecuencias de acendido/apagado. Estes diodos combináronse de diferentes maneiras, empezando polo acendido do LED da propia placa e despois construíndo incluso un semáforo e unhas luces de emerxencia.

Álbum: Sen categoría -> Practicas arduino 2

PRÁCTICAS: PROGRAMACIÓN CON ARDUÍNO

O profesor de Tecnoloxía e director do noso IES, Carlos Cazón, dirixiu aos alumnos de primeiro curso de STEMbach nestas prácticas de programación con Arduíno.

Este 15 de xaneiro empregaron placas de hardware libre para realizar prácticas sinxelas de control de LEDs con software libre. Para realizar estes circuítos revisaron conceptos teóricos e prácticos de electricidade, como resistencias, voltaxes e intensidades. Ademais, viron as múltiples aplicacións posibles destas placas, desde robots a impresoras 3D. Por último, tomaron contacto coa ampla comunidade de usuarios e proxectos dispoñibles.

A vindeira semana este alumnado continuará con outra sesión de prácticas de Arduíno impartidas polo mesmo docente.

Álbum: Sen categoría -> Practicas arduino
Distribuir contido


by Dr. Radut