Historia

Historia do Instituto

HISTORIA DO INSTITUTO DE LUGO 

1842-1848

    O segundo tercio do século dezanove vai resultar decisivo para a implantación dun sistema educativo público e laico neste país. A administración liberal promociona un novo repartimento territorial baseado na división do territorio nacional en provincias, e nacen con elas unhas institucións, as Deputacións provinciais, ás que se lles encomenda, entre outras cousas, o mantemento dun modelo novo de ensino secundario que quedará especificado coa creación dos institutos provinciais. Estes centros intentarían substituilo monopolio eclesiástico que ata daquela dominara completamente o ámbito educativo hispano.

    Nun primeiro momento, a Deputación lucense reclamaría a instalación dunha Universidade de provincia, modelo de institución insinuado xa no Informe Quintana e recollido lexislativamente no Regulamento de 29-VI-1821. Máis tarde, cando xa se recoñecera pola Lei de 1836 o apelativo de Institutos, a Institución provincial concretaría a súa petición na primavera de 1842, aproveitando que entón ocupaba a presidencia do goberno un lucense, o Marqués de Rodil, que debeu ter algo que ver coa boa recepción da iniciativa.

    A concesión formal dun Instituto Superior de Segunda Ensinanza para Lugo, especifícase na R.O de 30 de novembro de 1842, axiña contestada coas primeiras fórmulas administrativas que permitirían o funcionamento do centro, como demostra a convocatoria case inmediata das súas primeiras cátedras e asignacións, cubertas inicialmente cun arbitrio sobre o viño

O libro da Xunta Creadora responsabilizada da instalación do Instituto, abríase coa redacción dunha Acta na que se recoñecía como criterio básico de actuación o de "promover y proteger la enseñanza de la juventud de la provincia". Esta acta do Instituto lucense contemplaba tamén o nomeamento dos catedráticos que constituirían o primeiro dos Claustros.

Nos anos seguintes o Instituto iría enriquecendo o seu cadro de persoal docente coa incorporación de novos catedráticos, nunha serie encabezada polo primeiro director do centro José Jorge de la Peña e polo primeiro secretario Antonio Magín Plá. Ó mesmo tempo o centro iniciaba en 1843 a súa actividade académica na que non faltaron, xa entón, as oportunas medidas disciplinarias que haberían de garantilo control dos alumnos. O contido do ensino nestes anos iniciais queda patente a través das preguntas dos exames do curso 46-47, impregnadas do sentido que lle dera á docencia o recente Plan Pidal de 1845.

    Mentres, o Instituto funcionou, de maneira provisional, en locais compartidos co Seminario Conciliar, ata que no final do curso de 1848, se decidía o seu traslado a Monforte, nunha discutidísima decisión que fora favorecida pola suposta xenerosidade do Duque de Alba, quen cedeu para o Instituto provincial as dependencias do Colexio da Compañía en Monforte e as súas correspondentes rendas. Desta forma parecía que o cambio de ubicación propiciaría unha gran economía para as arcas provinciais.

1848-1862

A R.O de 20.V.48,  que suprimía o Instituto de segunda ensinanza en Lugo e o trasladaba a Monforte, abría unha nova etapa para o ensino secundario da provincia. O rendemento do centro monfortino foi escaso, xa que se ben nos primeiros anos se mantivo unha apreciable matrícula, a partir dos anos cincuenta o número de alumnos descendeu progresivamente ó non recibi-lo instituto alumnos daqueles partidos da provincia que quedaban alonxados da cidade do Cabe, incluídos os propios da capital. Estes mozos preferían estudiar nos establecementos eclesiásticos ou nos institutos de Santiago ou Oviedo . Aínda así,  por máis de unha década o Instituto permanecería en Monforte cumprindo, non sempre axustadamente, as prescricións que determinaban sucesivamente o Plan Pidal de 1845 e a  Lei Moyano de 1857.  

<!--[if !vml]--><!--[endif]-->Expresión da situación do Instituto provincial neste período monfortino é a Memoria do curso 1859-60, que puido se-la primei­ra que mereceu ser tipografiada. Nela especifícase unha matrícula de 135 alumnos dos que 19 eran libres. Polos mesmos anos, no Seminario de Lugo estudiaban 29 internos e 527 externos, e no de Mondoñedo 21 internos e 342 externos, o que vén rati­fica-la preponderancia que  seguía a mante-la Igrexa no ensino da nosa provincia.  

Durante toda a etapa monfortina a maioría das institucións insistiron na conveniencia do retorno á capital do Instituto, alegando entre outras cousas que xa non existían razóns económi­cas que xustificasen a permanencia do centro nas ribeiras do Cabe, posto que as rendas monfortinas descenderan de 40.000 a 8.000 reás, e a provincia tiña que cubri-lo déficit; así o mani­festaba, por exemplo, a Deputación provincial en sesión do 8 de maio de 1861, polo que o Goberno termina concedendo  un traslado do que o centro tiña noticia a mediados do mes de xullo de 1862.

Consérvase afortunadamente unha copiosa documentación que reflicte a situación do Instituto no momento do cambio á capital, na que se inclúen libros de correspondencia oficial, de inventario de enseres e obxectos científicos, ou de sim­ples libros de contas da Depositaría.

1862-72
                                                                                                                        

A R. O. de 28.VI.62, que dispoñía o traslado do Instituto desde Monforte á capital da provincia, implicaba que nela debería comezarse xa o curso 1862-63, nunhas circunstancias que coñecemos ben a través da Memoria publicada polo BOPL. de 17 de novembro dese ano.

  <!--[if !vml]--><!--[endif]-->Nuns locais, cedidos de xeito xeneroso polo Concello, permanecería o Instituto lucense practicamente unha década, sempre baixo a titoría da Deputación, que controlaba os seus gastos o cubría os seus déficits.  A estas dependencias chegarían ben cedo unha serie de novos catedráticos, entre os que se contaban  Gumersindo Laverde Ruíz ou Valentín Portabales Blanco, máis tarde director do centro por moitos lustros. Estes profesores, que gañaran había pouco as súas prazas, uníanse ós vellos membros do Claustro, como Francisco Serrano ou Antonio Magín Plá, constituíndo a base do cadro docente nos inicios do último tercio do século dezanove.  

Chegou a nós, tamén por estes anos, un cadro de honra de alumnos distinguidos no Curso 1866-67, onde figuran as distintas materias dun plan -o de 1866- que contemplaba unha duración de 6 cursos e no que figuraban  como materias básicas as de Latín e Castelán (51 h. e media mensuais), Relixión  (15 h. ) Retórica e Poética (13 h. e media), e Filosofía e Moral (13 h. e media).  


1872-1951

   Esta é a etapa máis extensa da historia do Instituto provincial. Durante tres xeracións o centro vai permanecer no Pazo da Deputación, inaugurado nos derradeiros anos da década dos sesenta. A definitiva instalación, recomendada xa pola Corporación en novembro de 1868, realizaríase en outubro de 1872. Ábrese daquela un período fondamente academicista na historia do Instituto, perfectamente sintonizado co ortodoxo ideario da Restauración; esta ideoloxía non permitía populariza-los niveis secundarios do ensino, por iso non pode dicirse que a matrícula do centro se incrementase de maneira espectacular, aínda que o simple feito <!--[if !vml]--><!--[endif]-->de situarse na capital e de ocupar uns locais máis axeitados debeu propiciar un certo incremento dun alumnado que a fins de século segue a ser exclusivamente masculino, para comen­zar a mixtificarse a partir da segunda década do século XX. No curso académico 1879-80 inscribíanse por ensino oficial 188 alumnos, ós que habería que engadir 43 do que se chamaba; ense­ñanza doméstica; en 1908, o número ascendía a 208; en 1918 a 311; e en 1928 a 137, nunha merma explicable pola aparición de varios institutos locais na provincia.

   É evidente que a fins do século XIX e principios do XX o Instituto debe ser considerado como o núcleo máis importante do ambiente académico e intelectual da cidade e da provincia. Nel estudiaron por estes anos persoeiros que logo destacarían nos campos da política, das ciencias, das letras e das artes, como Álvaro Cunqueiro Mora, Antón Vilar Ponte, Ánxel Fole ou Dionisio Gamallo Fierros por nomear algúns dos máis significativos. Estes rapaces seguirían ata 1926, as directrices do famoso plan Bugallal de 1903, un dos máis lonxevos da historia da Educación española, substituído polo Plan Callejo que aprobaba o R.D. de 26.VIII.1926, regulamento que se implantaba coincidindo no Instituto lucense cunha perda importante de alumnos e profesores.

Nos derradeiros anos do primeiro tercio do século XX o panorama educativo lucense vai ser conmovido por acontecementos políticos que suporán cambios decisivos na vida da nación. Primeiro a proclamación da II República en 1931 coa que se abre un breve pero intenso período da vida educativa hispana, e en concreto na historia do noso Instituto unha brillante etapa coa incorporación de prestixiosos profesores como Alfredo Rodríguez Labajo, Glicerio Albarrán Puente ou Xosé Filgueira Valverde. Anos despois, o triunfo nesta zona do chamado "Alzamiento Nacional", quedaba recollido na acta de 15 de setembro de 1936, na que se amosaba a adhesión incondicional dos profesores do centro  ó réxime de Franco, asunto que evidentemente tiña moito que ver coa súa continuidade profesional.

   A vida do Instituto provincial, como única institución educativa deste tipo, remata xustamente un século despois do seu nacemento. O triunfo do franquismo ha impoñe-la separación de sexos e con iso a aparición dun novo instituto femenino en 1942. Décadas máis tarde irán aparecendo outros cen­tros, explicables pola multiplicación do número de alumnos e polo desenvolvemento interno do propio sistema educativo español, pero a herdanza directa do antigo Instituto provincial corresponderá ó durante moito tempo chamado Instituto “Masculino” e hoxe Lucus Augusti.

Este centro, acollido aínda en locais do Pazo provincial, sofre nos anos corenta unha cosiderable remodelación do seu Claustro coa chegada de novos profesores que accederan neses momentos ás súas cátedras. É o caso, entre outros nomes, de Francisco Bernis, Lázaro Montero ou Luciano Fernández Penedo, que conseguirán formar un dos equipos docentes máis brillantes da historia do Instituto.

1951-2003

O Instituto que entón era coñecido como “Masculino” trasladaba en 1951 as súas instalacións a un novo edificio que se inauguraba na avenida Rodríguez Mourelo da capital. A el trasladaríase gran parte do equipamento escolar das aulas establecidas ata entón no Pazo provincial, particularmente o material didáctico dos seus laboratorios e un importantísimo fondo bibliográfico e documental. Nesta ubicación o Instituto iniciaría unha nova etapa académica que chegará ata hoxe, coas alternativas que van marcando os diversos planos educativos: Lei  Villar Palasí de 1970, LOXSE en 1990 ou Lei de Calidade no momento actual.

Nos últimos anos o instituto realizou un considerable esforzo de renovación, coa habilitación de novas aulas idiomas, música, debuxo, audiovisuais, informática,...e do novos locais: biblioteca, sala de exposición permanente, cafetería,..., polo que pode considerarse na actualidade un centro relativamente ben dotado para facer fronte a uns servicios académicos moi diversificados que se imparten nun logo horario desde as  8,30 ás 10,30 horas de cada día lectivo.

Pola súa historia, situación e instalacións, o Instituto Lucus Augusti é hoxe non só un centro educativo no que se imparten ensinanzas de nivel secundario, senón tamén un edificio continuamente utilizado para cursos de formación e actividades de carácter social, cultural ou político, polo que pode seguir considerándose como un referente cultural para a cidade coa que se identifica, mesmo nominalmente, desde hai máis de 160 anos.

( categories: )

Boletín Oficial da Provincia de Lugo

Boletín Oficial da Provincia de Lugo sobre a creación e organización  do Instituto de 2ª Enseñanza.

( categories: )

Acta da Xunta creadora do Instituto de Lugo

Acta de instalación da Xunta creadora do Instituto de 2ª Enseñanza.

 

( categories: )
Distribuir contido