Skip to Content

Índice, Conferencias, Eventos, Prensa, Prácticas

Práctica 9. Placas Arduíño I.

O graduado en física e alumno do Máster de Formación de Profesorado Camilo López Castro impartiu este 12 de Abril a primeira parte dun seminario sobre placas Arduíño para o alumnado de primeiro curso de STEMBach. Nesta sesión viron as bases da linguaxe de programación Arduíño e programaron unha luz LED, cun pulsador, e a visualización dunha entrada dun potenciómetro a través do porto serial.
A vindeira semana este alumnado continuará con outra sesión de prácticas con placas Arduíño, impartida polo mesmo docente.

Álbum: Sen categoría -> 23 Arduino I

Ética e investigación clínica.

Este 22 de Marzo o alumnado de primeiro curso de STEMBach asistiu a unha conferencia de bioética impartida polo Doutor en Ciencias da Saúde pola UdC Jonatan Miguel Carrera. Tamén asistiron a este acto alumnado de diferentes materias do Departamento de Filosofía e profesorado do IES Lucus Augusti.

Nesta interesante ponencia presentáronse feitos coma os experimentos en seres humanos realizados por médicos con persoas en Auschwitz, o estudo Willowbrook nos Estados Unidos, o proxecto Manhattan en Hiroshima e o experimento de Tuskegee, tamén en USA. A petición da poboación fóronse lexislando recentemente os conceptos da ética e xurdiron os comités de bioética actuais. A conferencia rematou cunha animada rolda de preguntas.

Álbum: Sen categoría -> bioética

Facing Fire.

Este 15 de Marzo o alumnado de primeiro curso de STEMBach realizou unha visita ao monte de Teixeiro (Lugo) acompañado de profesorado do IES Lucus Augusti e da Escola Politécnica Superior da USC dentro do programa europeo Facing Fire.
Nesta visita realizaron o estudo dasométrico dunha plantación de piñeiros e a toma de mostra de solos. Posteriormente, mediron o pH e a conductividade destas mostras. Finalmente, aprenderon conceptos da xestión de montes e da loita contra incendios.

Álbum: Sen categoría -> Facing Fire 23

Práctica 8. Extracción de ADN, PCR, visualización de resultados por fluorescencia e electroforese.

Os docentes da Familia Química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija supervisaron este mércores 8 de Marzo unha práctica de xenética, empregando o kit DNA-MEAT, adquirido polo noso centro ao grupo de innovación docente XuvenCiencia.

O alumnado de primeiro de STEMBach realizou en primeiro lugar a extracción de ADN mediante o método de Chelex® dunha mostra problema de polo, porco ou bovino. Debido que é necesario incubar a mostra durante 1 hora, a segunda parte desta práctica, a reacción en cadea da polimerasa, PCR, leváronna a cabo empregando mostras extraídas anteriormente polo alumnado de 2° CS de LACC. A continuación, mentres tiña lugar a amplificación do material xenético nun termociclador con tapa termostatizada, o alumnado visualizou os resultados de mostras similares obtidas en días previos, empregando a técnica de fluorescencia molecular, tanto cun transiluminador, así como, mediante o visor de fluorescencia que trae o kit DNA-MEAT. Finalmente, realizaron un xel de agarosa por electroforese e visualizaron un xel obtido por migración polo alumnado de LACC.

Álbum: Sen categoría -> PCR 23

Internet das cousas (IoT).

A doutora Enxeñeira en Telecomunicacións Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, impartiu unha conferencia, A internet das cousas(IoT), este 1 de marzo na Sala de Xuntas do noso IES para o alumnado de primeiro curso de STEMbach.

Esta lucense presentou diferentes dispositivos intelixentes (bandas, reloxes, lentes, teléfonos, cidades,…) e a súa comunicación a diferentes niveis (nube, néboa e bruma). Tamén explicou o que é a IP, as cadeas de montaxe industriais, a domótica, a intelixencia artificial e o funcionamento do Google Maps entre outras cousas. Despois da ponencia virtual, alumnado e profesorado formularon cuestións interesantes sobre estes temas tan actuais.

Álbum: Sen categoría -> IoT 23

Visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).

O mércores 16 de Febreiro, o alumnado de primeiro curso de STEMbach visitou o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei, Lugo).

O CIAR é un centro de ensaios pioneiro na integración das Plataformas Aéreas de Investigación tripuladas xunto co desenvolvemento de sistemas remotamente tripulados (RPAS, Remotely Piloted Aircraft Systems). Así mesmo, este centro é o único a nivel europeo que permitirá dado as súas características e equipación, unha vez que se aprobe unha normativa específica para avións non tripulados, o ensaio e certificación deste tipo de aeronaves.

Álbum: Sen categoría -> Rozas 23
Distribuir contido


by Dr. Radut