Skip to Content

Índice, Conferencias, Eventos, Prensa, Prácticas

Como deseñamos un coche impulsado polo vento?. III.

Este 7 de decembro o alumnado Stembach do IES Lucus Augusti rematou o deseño do coche autopropulsado na aula de Tecnoloxía do noso instituto.

Na sesión da semana pasada as alumnas e alumnos iniciaran as probas dos seus vehículos. Nesta sesión foron optimizando os seus artiluxios e grabaron vídeos da distancia percorrida por estes. Tamén calcularon a súa velocidade media das mellores traxectorias. A distancia máis longa rexistrada foi de 525 cm e foi percorrida nun tempo de 9 segundos.

Álbum: Sen categoría -> coche eólico 3

Como deseñamos un coche impulsado polo vento?. II.

Este 30 de novembro o alumnado Stembach do IES Lucus Augusti continuou co deseño do coche autopropulsado polo vento na aula de Tecnoloxía do noso instituto.

Na sesión do 16 de novembro as alumnas e alumnos buscaran información e ideas para a construcción dos vehículos. Nesta sesión construiron os seus artiluxios, fundamentalmente con material de refugallo, e realizaron probas da distancia recorrida por estes cambiando diferentes parámetros como o ángulo de ataque da turbina ou a lonxitude desta.

Ademais, recibiron as súas batas de laboratorio, que empregarán en vindeiras sesións.

Álbum: Sen categoría -> coche eólico 2

Práctica 4. Impresión 3D.

Este 23 de novembro o alumnado Stembach asistiu a unha práctica de introdución á impresión 3D. Esta correu a cargo do profesor de Tecnoloxía e director do IES Lucus Augusti Carlos Cazón.

O alumnado empezou aprendendo a recoñecer as partes da impresora 3D e a deseñar pezas empregando algúns programas de deseño: TinkerCAD, FreeCAD e OpenSCAD. Concretamente, empregaron o primeiro deles.

Deste xeito, despois de ter unha peza creada (un chaveiro personalizado) pasaron a utilizar o programa Ultimaker Cura para definir os distintos parámetros de impresión, así como laminar a figura en capas. A práctica rematará coa impresión das pezas na impresora 3D ao inicio do mércores da semana vindeira.

Álbum: Sen categoría -> print 3D 22

Como deseñamos un coche impulsado polo vento?

Este 16 de novembro o alumnado STEMbach iniciou a súa colaboración co proxecto “My blackbird”, no que participan os seguintes países: España, Holanda, Italia e Turquía, e diferentes universidades entre as que está a USC.

Nesta primeira sesión as alumnas e alumnos buscaron exemplos na rede de vehículos propulsados polo vento, elaboraron un deseño inicial que explicara como van construir o coche e as dificultades que atoparon para facer realidade o seu deseño.

Na última parte da sesión representaron os datos de compresión dos tres tipos de materiais poliméricos que obtiveran na sesión anterior: resina de poliéster, baquelita e polietileno.

Álbum: Sen categoría -> coche eólico 1

Práctica 3. Ensaio de compresión de formigón con esclerómetro.

Este mércores 9 de novembro, o alumnado de STEMbach levou a cabo a súa terceira práctica deste curso. 

Nesta sesión, os profesores Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija, explicaron o procedemento para obter a resistencia á compresión dunha probeta de formigón cun esclerómetro ou martelo de Schmidt a partir da medición do índice de rebote. Deste xeito, o alumnado obtivo experimentalmente datos dun ensaio non destrutivo. Posteriormente, mediante un axuste non lineal (polinómico), calcularon a resistencia á compresión do formigón en MPa, que resultaría dunha análise destrutiva das probetas.

Así mesmo, o alumnado realizou os axustes lineais de medidas por refractometría e polarimetría das disolucións de sacarosa do día anterior. 

Ademais, o alumnado tamén realizou ensaios de compresión de probetas de baquelita, resina de poliéster e polietileno, que representará como tarefa voluntaria a realizar na casa.

Álbum: Sen categoría -> Esclerómetro 22

Práctica 2. Medidas por refractometría e polarimetría das disolucións de sacarosa.

Este 2 de novembro, o alumnado de primeiro de STEMbach levou a cabo a súa segunda práctica deste curso. Ao igual que na primeira, esta práctica foi supervisada polos profesores Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija.

O obxectivo desta práctica foi o emprego axeitado dos instrumentos de laboratorio que se basean na refracción da luz e na rotación da luz polarizada. Nesta sesión, a partir das mostras patrón de diferente concentración coñecida de sacarosa preparadas previamente na primeira práctica, o alumnado realizou medidas do índice de refracción con refractómetro de Abbe e do ángulo de rotación óptica. A partir destas medidas obteranse as rectas patrón correspondentes. Ademais, tamén realizaron medidas de concentración de sacarosa destas disolucións co refractómetro de man.

Finalmente mediron, empregando estas dúas técnicas, dúas mostras problema de concentración descoñecida de sacarosa, da que determinarán posteriormente a súa concentración de sacarosa por medio dos axustes lineais dos seus datos de índice de refracción e ángulo de rotación.

Álbum: Sen categoría -> refracción rotación 22
Distribuir contido


by Dr. Radut