Skip to Content

Índice, Conferencias, Eventos, Prensa, Prácticas

Práctica 1. Preparación de disolucións

O mércores 26 de outubro o alumnado de STEMbach levou a cabo a primeira práctica deste curso. Esta práctica foi supervisada polos profesores dos ciclos da familia profesional de química do noso IES Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija. 

O obxectivo desta práctica, preparación de disolucións, foi a familiarización do alumnado co material de laboratorio empregado na preparación de disolucións, así como, a realización de cálculos de masas, concentracións e molaridades.

Máis concretamente, o alumnado preparou disolucións de diferentes concentracións de sacarosa (8, 16, 20 e 24 % m/v). Estas disolucións gardadáronse, previamente etiquetadas, no conxelador e, empregaranse na próxima práctica para determinacións analíticas cuantitativas mediante polarimetría e refractometría. 

Ao final viron diferentes mostras no microscopio metalográfico, así como o seu comportamento en presencia dun imán: moeda, aceiro ferrítico e aceiro inoxidable austenítico.

Álbum: Sen categoría -> P1disolucions

Taller de olfacto e gusto

Este 21 de outubro o alumnado do STEMbach asistiu a un taller de olfacto e gusto. Este consistiu nunha introdución teórica a ambos sentidos por Irene Ortiz Leal, farmacéutica e veterinaria, especializada no estudo da neuroquímica do olfacto nun amplo rango de mamíferos.

Irene explicou como percibimos os olores, a alta sensibilidade humana para percibir unha diferencia mínima en dúas moléculas como olores moi distintos, diferentes variacións xenéticas no receptor do olfacto que orixinan variabilidade na percepción de certos olores, o umbral do olfacto, o olor das enfermidades, a pegada olfactiva de cada persoa, a odoroloxía forense ou a peritaxe de olor, o olfacto artificial, as limitacións da linguaxe para describir os olores, o olfacto no neuromarketing, o odotipo das marcas, a influencia do olor no sabor, etc. Finalmente tamén explicou o sentido do gusto, falando dos cinco sabores primarios e dos estudos sobre o sexto sabor ou amiláceo e o sétimo sabor ou oleogusto e dunha ilusión gustativa que transforma o sabor, a froita miraculina, que impide a percepción dos sabores ácidos e amargos.

Despois da charla, os participantes realizaron un taller práctico de olores e sabores. Este taller estivo organizado polo investigador do grupo de investigación MORFAN da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Sánchez Quinteiro, que nos acompañou durante esta xornada.

Álbum: Sen categoría -> Taller olfativo 22

Asistencia á G-night

Os alumnos de primeiro curso do bacharelato STEM asistiron á Noite Galega das Persoas Investigadoras, que tivo lugar no vello cárcere de Lugo o pasado 30 de setembro. Foron acompañados polos alumnos de ciclo medio de operacións de laboratorio.

Concretamente, asistiron ás charlas xenética de vanguardia aplicada á saúde, mellora e conservación de recursos biolóxicos e á titulada esqueletos á escena.

Finalmente asistiron ao obradoiro canta proteína ten e visitaron varios stands de grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Álbum: Sen categoría -> G-night 22

Acto inaugural Stembach 2022/24

Este 28 de setembro o Vicerreitor de Organización académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, inaugurou o Stembach do noso IES coa conferencia titulada nanotecnoloxía: realidade ou ficción?

O profesor presentou múltiples aplicacións actuais da nanotecnoloxía: lentes de contacto de realidade aumentada, pantallas holográficas, materiais para a potabilización da auga, para a conservación de alimentos, nanobaterías, baterías de carga ultrarrápida, materiais bactericidas (como as nanopartículas de prata nos empastes dentais), pel artificial, nanosensores ou nanobots administradores de fármacos.

Presentou tamén algunha das investigacións realizadas no seu grupo de investigación, coma o paso de substancias a través dos poros de diferentes tipos de guantes en presenza de suor. Tamén amosou os avances na comida dos peixes de piscifactoría, en nanomedicina para controlar parámetros vitais ou predición de enfermidades, para provocar que o feto se coloque no canal uterino antes do parto, a existencia de nanocápsulas para a úlcera gastroduodenal ou aplicacións como pinturas produtoras de electricidade que conteñen nanopartículas de ouro e nanotubos de carbono, as superficies autolimpables, etc.

Álbum: Sen categoría -> Conferencia nanotecnoloxía
Distribuir contido


by Dr. Radut