Skip to Content

Visita ao observatorio astronómico de Forcarei

30/01/2017 08:20
30/01/2017 17:40
Etc/GMT+1

 

O pasado 30 de xaneiro o alumnado de 1º e 2º dos Bacharelatos científico e tecnolóxico visitou o observatorio astronómico de Forcarei. A visita fíxose moi amena grazas a Ricardo e Alberto, que foron os encargados de explicarlles o funcionamento do observatorio, cales son as tarefas que se realizan nas instalacións e como é o material que empregan. Sen dúbida, o telescopio de enormes dimensións do que dispoñen (51 cm de diámetro) foi o que máis lles chamou a atención.

Dado que as condicións climáticas non permitiron levar a cabo ningunha actividade, a visita rematou coa proxección de imaxes obtidas desde o observatorio, nas cales se podían ver diferentes obxectos astronómicos como nebulosas, supernovas ou galaxias.

Unha vez finalizada a visita ao Observatorio, continuouse rumbo ao campus universitario de Vigo para coñecer as facultades correspondentes ás Enxeñarías de Minas, Industrial e de Telecomunicacións.

Mágoa que o tempo non nos acompañase nesta saída! Malia isto, hai que agradecer a Ricardo e a Alberto as súas explicacións tan entusiastas que nos recordan, unha vez máis, o grande que é o universo que nos rodea.

Día de Rosalía

24/02/2017 00:20
24/02/2017 21:30
Etc/GMT+1

 Rosalía de castro

O día 24 de febreiro celebramos o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Organizamos un festival poético musical no salón de actos do centro, con diferentes actuacións de alumnado de varios cursos, tanto de ESO, como de Bacharelato (lectura sentida de poemas, interpretacións musicais e de danza etc.). Participamos e colaboramos nesta importante celebración diferentes departamentos. Deste xeito, homenaxeamos, a través da lectura, a música e a danza, á nosa gran poeta.

En días previos e/ou posteriores levarase a cabo a Ruada Rosaliana, con intención de acudir, cos nosos lectores e lectoras de poemas de Rosalía, a distintos lugares da vila (concello, colexios, mercado...). Procuramos a continuidade desta actividade, xa iniciada en cursos anteriores, de gran aceptación na comunidade educativa.

A Guarda sen plásticos (manequín challenge)


Este manequín challenge forma parte do Proxecto Interdisciplinar de 1º ESO: "A Guarda sen plástico" onde traballan os Departamentos de Inglés, Matemáticas, Plástica e Bioloxía conxuntamente. Foi producido polo alumnado de 1º ESO coa axuda de Maria José Saborido, Beatriz Núñez, Pablo Gaiteiro, Sandra Santos e Xoana Alonso. Tamén axudou o persoal da cafetaría: Javi e Tamara.

O proxecto está dividido en tres fases:

  1. Formación do alumnado sobre o uso dos plásticos e os efectos no medio, que se desenvolveu no primeiro trimestre.
  2. Realización dunha enquisa e análise matemático das respostas, que se está a levar a cabo esta mesma semana no centro.
  3. Interpretación e publicación dos resultados por distintos medios. Comparación entre os resultados da nosa enquisa e os resultados das enquisas doutros institutos europeos. Farase durante o terceiro trimestre.

Dentro do proxecto, creouse un TwinSpace en eTwinning. Este portal europeo permite a grupos de estudantes de toda Europa estar en contacto con estudantes doutros países para facer traballos xuntos. Neste caso, estamos en contacto con un instituto de Sassuolo (Italia) e outro de Kutaisi (Georgia) cos que imos comparar os resultados da enquisa.

Contos do mundo: Brasil

14/02/2017 10:00
Etc/GMT+1
A semana pasada tivo lugar a terceira sesión de Contos do mundo: o alumnado de 3º de ESO, acompañado do profesorado Denís Vicente, Alfredo Garrido e María Carneiro, foille falar do Brasil ao alumnado de 1º de primaria. Nesta sesión houbo lectura de dous contos e tamén música, xa que o noso alumnado cantou o Samba lelé.
Distribuir contido


by Dr. Radut