actividades
Victorian high tea
Enviado por isabel.cobas o Mar, 20/06/2023 - 21:38As alumnas de 3º de ESO da materia de Xeografía e Historia realizaron un high tea para recrear a tradición de tomar o té tan característica do Reino Unido aínda na actualidade e que ten as súas orixes na era victoriana e a Revolución Industrial.
Esta actividade realizouse ao abeiro do programa Educación patrimonial, do Plan Proxecta, promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades, respectivamente.
O grupo investigou sobre vestimenta, peiteados, accesorios, comida e bebida, preparación da mesa, música e danza e coa información obtida, que recollemos máis abaixo, preparou a festa.
A mesa estaba decorada con manteis estampados de coloridas flores, cunha vaixela de té, cubertería, servilletas, fontes e bandexas de dous pisos.
A mesa tamén estaba decorada cun centro de flores, xa que estas tiveron unha especial importancia durante a época victoriana para enviar mensaxes codificadas que servían para expresar sentimientos, pois facelo a través de palabras non se consideraba de boa educación.
Con respecto á comida, degustamos pratos salgados, como sándwiches de pepino e de xamón e queixo, froitos secos, pan con manteiga, así como pratos doces, tales como biscoito, scones con marmelada de framboesa, cupcakes, brownies, pastas de lavanda, galletas e chocolate.
Para beber, non podía faltar o té, acompañado ou non de leite e terróns de azucre; pero tamén houbo bebidas frías como zumes de diferentes froitas e auga.
E despois do té non podía faltar a música e o baile. Chopin, Jean Sibelius, Émile Waldteufel, Johann Strauss II, Piotr Ilich Chaikovski, amenizaron o convivio e houbo tempo para a danza máis famosa, e tamén escandalosa, do momento, o vals.
O vals, como peza de baile, púxose de moda en Viena na década de 1780, estendéndose a outros países nos anos seguintes. É o único baile de salón desta época que se executa en 3/4. Dise que provén das danzas tradicionais de moitas rexións de Alemaña, moitos supoñen que do Tirol en Austria xa nos séculos XII e XIII que se chamaban landler e nos que as parellas bailaban xirando continuamente. Este baile, o landler, como outros bailes de orixe campesiña e folclórica, non foi aceptado pola alta sociedade, pero a finais do século XVIII comezou a ser bailado pola burguesía e a nobreza nos salóns e foi considerado un baile de salón. É o primeiro baile onde a parella entra en contacto e por iso foi vista como inmoral.
Romanos e romanas viaxan ao século XXI
Enviado por isabel.cobas o Mar, 20/06/2023 - 21:37Os alumnos e alumnas de 1º de ESO da materia de Xeografía e Historia realizaron unha investigación sobre a vida cotiá na antiga Roma, caracterizáronse como romanos e romanas e organizaron un convivium, unha celebración recreando a comida, vestimenta, música e ambiente romano.
Esta investigación foi feita ao abeiro do programa Educación patrimonial, dentro do Plan Proxecta. Tamén se empregaron recursos facilitados polo proxecto Polos creativos, ambos da Consellería de Cultura, Educación e Universidades.
A seguir podedes ver algunhs das recreacións realizadas polos alumnos e alumnas. Moi bo traballo!
Pasando a remuda da memoria democrática
Enviado por isabel.cobas o Dom, 18/06/2023 - 09:07Os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B da materia de Xeografía e Historia participaron na III Pasando a remuda da memoria democrática. Trátase dunha actividade realizada ao abeiro do proxecto Educación patrimonial do Plan Proxecta, e do PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos.
A actividade consiste en que o alumnado recolla testemuñas na súa propia familia sobre as súas experiencias durante a Guerra Civil española, a Ditadura franquista ou a Transición democrática. Para esas recollas de información o alumnado utiliza a metodoloxía de Historia oral e posteriormente analiza a información ofrecida polas testemuñas en relación á información histórica existente. Desta forma, o alumnado contribúe activamente ao coñecemento da historia máis cercana e a encadrala na historia global, toma a remuda da memoria familiar e participa na creación dunha memoria democrática colectiva e a gobernanza deste patrimonio controvertido.
Deixámosvos a seguir algúns exemplos. Se queredes coñecer máis historias podedes facelo no Museo Virtual KaleidoScapes.
Agradecemos o excelente traballo do alumnado e a axuda xenerosa das familias e a súa contribución a conservar entre todos a memoria democrática. Moitas grazas e moitos parabéns!
Segue aumentando o catálogo de flora e fauna do IESP de Ames
Enviado por isabel.cobas o Xov, 01/06/2023 - 13:52Estase achegando o fin de curso e os alumnos e alumnas da materia de Xeografía e Historia que participan no proxecto Patio con(vida) están realizando as últimas actividades de catalogación da edición deste ano. Podedes consultar as especies catalogadas na nosa sección dentro da aplicación I-naturalist.
Como sabedes, este proxecto forma parte do Proxecto Terra, do Plan Proxecta; e establece sinerxias cos PFPP proxectos Cultura da sostibilidade V e Educación en pensamento crítico, e con outros dous proxectos do Plan Proxecta: Educación patrimonial e Proxecto deportivo do centro.
O censo de aves aumentou a 29 neste curso, a Lavandeira real e o Mergullón pequeno son as incorporacións máis recentes, aínda que tamén nos pareceu ver fuxidiamente unha andoriña de cu branco. Podedes consultar o catálogo premendo aquí. As fotos das aves a seguir están extraídas da wikipedia. Polo de agora non dispoñemos de fotos realizadas por nós de calidade abonda realizada, pero esperamos ir conseguíndoas paseniño.
As plantas non quedan atrás. Seguimos identificando novas plantas autóctonas, a máis recente a Aquilea vulgaris, coñecida como paxariños, herba dos pitos, bonete.
Unha imaxe vale máis con 250 palabras
Enviado por isabel.cobas o Dom, 28/05/2023 - 16:00Os alumnos e alumnas de 3º de ESO A e B e 4º de ESO A e B participaron por terceiro ano consecutivo na actividade Unha imaxe vale máis con 250 palabras que se realiza ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial do Plan Proxecta, Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos, do PFPP do centro, e VI certame Imaxes do patrimonio, organizado pola Asociación Ponte...nas ondas!
Para esta actividade, o alumnado, coa axuda imprescindible das súas familias, seleccionaron unha fotografía familiar e explicaron en 250 palabras o seu significado. Deste xeito o alumnado e as familias contribuiron ao coñecemento da historia familia no contexto da historia global e tamén ao coñecemento, difusión e conservación non só do patrimonio material representado polas fotografías, senón tamén do patrimonio inmaterial, e aínda máis fráxil, constituido pola historia que explica e dá un valor adicional ás fotografías.
Moitas grazas e moitos parabéns ao alumnado e as familias por contibuir á conservación da historia e o patrimonio colectivo!
Deixámosvos a seguir algúns exemplos. Se queredes coñecer máis historias podedes facelo no Museo Virtual KaleidoScapes.
María Claudina, a miña bisavoa, naceu en agosto do 1917, nunha humilde casa de labradores, en Bertamiráns, municipio de Ames, provincia da Coruña. Desde ben pequena foi moi traballadora. Xa a idade de seis anos comezou a levar ás vacas e sachar na horta, ensinada polo seu avó.
Aínda que naquela época predominaba a discriminación e era estraño que a muller traballara, Claudina foi peón de estrada, axudou a construír os camiños de Noia e Negreira, e aínda que non era modista, pedíronlle que cosera camisas para os soldados do bando nacional nos comezos da guerra civil, e así o fixo.
Con vinte anos, casou cun xastre e tiveron unha filla. Porén, durante o seu embarazo, o seu marido marchou a Cuba, deixando só a esperanza da súa volta, algo que non sucedeu ata trinta anos máis tarde.
Claudina estivo un ano no cárcere, pois ao estar soa na casa, mercou unha pistola, que escondía no hórreo, para disparar ao aire no caso de roubo, debido á escaseza causada pola guerra.
Claudina traballou como xornaleira, cociñeira e coidadora de nenos, todo para criar á súa filla, que anos máis tarde tería descendentes. Desgraciadamente, esta morreu cando Claudina tiña 89 anos.
Nesta fotografía pódese ver a esporádica ledicia tras unha vida chea de sufrimento e de traballo, sosténdome a min, a súa bisneta, a quen chegaría a coñecer moito, pois tan só cinco anos despois, abandonou este mundo para entregarse ao descanso eterno. María Freire Buján (4º ESO B)
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4