Victorian high tea

As alumnas de 3º de ESO da materia de Xeografía e Historia realizaron un high tea para recrear a tradición de tomar o té tan característica do Reino Unido aínda na actualidade e que ten as súas orixes na era victoriana e a Revolución Industrial.

Esta actividade realizouse ao abeiro do programa Educación patrimonial, do Plan Proxecta, promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades, respectivamente.

O grupo investigou sobre vestimenta, peiteados, accesorios, comida e bebida, preparación da mesa, música e danza e coa información obtida, que recollemos máis abaixo, preparou a festa.

A mesa estaba decorada con manteis estampados de coloridas flores, cunha vaixela de té, cubertería, servilletas, fontes e bandexas de dous pisos. 

A mesa tamén estaba decorada cun centro de flores, xa que estas tiveron unha especial importancia durante a época victoriana para enviar mensaxes codificadas que servían para expresar sentimientos, pois facelo a través de palabras non se consideraba de boa educación.

Con respecto á comida, degustamos pratos salgados, como sándwiches de pepino e de xamón e queixo, froitos secos, pan con manteiga, así como pratos doces, tales como biscoito, scones con marmelada de framboesa, cupcakes, brownies, pastas de lavanda, galletas e chocolate.

Para beber, non podía faltar o té, acompañado ou non de leite e terróns de azucre; pero tamén houbo bebidas frías como zumes de diferentes froitas e auga.

E despois do té non podía faltar a música e o baile. Chopin, Jean Sibelius, Émile Waldteufel, Johann Strauss II, Piotr Ilich Chaikovski, amenizaron o convivio e houbo tempo para a danza máis famosa, e tamén escandalosa, do momento, o vals. 

O vals, como peza de baile, púxose de moda en Viena na década de 1780, estendéndose a outros países nos anos seguintes. É o único baile de salón desta época que se executa en 3/4. Dise que provén das danzas tradicionais de moitas rexións de Alemaña, moitos supoñen que do Tirol en Austria xa nos séculos XII e XIII que se chamaban landler e nos que as parellas bailaban xirando continuamente. Este baile, o landler, como outros bailes de orixe campesiña e folclórica, non foi aceptado pola alta sociedade, pero a finais do século XVIII comezou a ser bailado pola burguesía e a nobreza nos salóns e foi considerado un baile de salón. É o primeiro baile onde a parella entra en contacto e por iso foi vista como inmoral.