A voltas co cine

  O MENTIREIRO DO CASAL O Congreso acada un acordo “A voltas co cine”, tema para o Ciclo do próximo curso BERTAMIRÁNS, 27 de xuño de 2013 De Roberto Fungueiro. Onte celebrouse o Congreso para a escolla de tema para o Ciclo do próximo curso. Asistiron dez profesores, de sete Departamentos e, aínda así non houbo coiteladas. Primeiro falouse sobre o Ciclo desenvolvido este curso que remata. O programa previsto cumpriuse razoablemente, con dúas incidencias salientables no calendario e dous desprazamentos ao pazo da Peregrina, o que permitiu aos nostálxicos recordar vellos tempos. Ao abordar o tema para o próximo curso, Fernando Saínz destacou que xa se ten tratado o tema do amor, que o tema da saúde saíu abondo ao falar do corpo, e que agora o que queda é o do diñeiro, e que os cartos non hai actividade humana na que non se tomen en conta. Sonia Rohrer reivindicou o tema da dor, lóxico nunha apaixonada do bel canto.E estaban nesas os congresistas cando o loby do cine fixo acto de presenza e arrasou. Era visto. De todos os xeitos, conveuse en que os temas que quedan no tinteiro son todos moi atractivos, e en que, por unas razón ou outras, todos darían moito xogo: África ou América Latina, a mentira ou a dor, Santiago, os cartos… Ben se ve que hai material abondo para varios anos. A cousa é que queden folgos. Agora hai que agardar as ocorrencias dos claustrais no verán –por dicir algo, que xa non se di na praia-. Rosa Martínez falou que ten a conferencia feita. Berri, en cambio, manifestou que vai ter problemas porque a película máis recente que ten visionado é unha sobre a saída duns obreiros dunha fábrica. Tamén é lóxico, o de Berri: non quere pasar a vida contemplando sombras