Visita de estudo de 12 expertos europeos en linguas estranxeiras

Un grupo de 12 responsábeis e expertos europeos en ensino de linguas fará unha visita de estudo a Santiago a próxima semana

Organizada pola Escola Oficial de Idiomas e financiada pola Comisión Europea, a visita mostrará ao grupo o modelo de ensino de linguas para adultos das escolas oficiais de idiomas.

O  luns, día 24 de febreiro, os doce expertos procedentes de Austria, Polonia, República Checa, Irlanda, Eslovenia, Eslovaquia, Estonia, Polonia, Escocia, Inglaterra, Hungría e Italia, entre os que se atopan directores de centros e departamentos e responsábeis educativos dos seus países de orixe, comezarán a súa visita e observación do ensino de linguas para adultos que se imparte nas escolas oficiais de idiomas do Estado, institucións educativas singulares en toda Europa.  Consulta o programa.

O programa contempla unha ampla e extensa gama de actividades, entre elas: o intercambio de ideas, prácticas e coñecementos entre todos os participantes e a EOI de Santiago de Compostela; a visita ao noso centro, ao Centro Autonómico de Formación e Innovación, a algunha das nosas seccións delegadas (Sar e Noia), e a centros de ensino secundario con seccións bilingües ou plurilingües (IES Virxe do Mar de Noia e IES Arcepisbo Xelmirez de Santiago de Compostela); a observación da aprendizaxe do noso alumnado nas clases e relatorios sobre o uso das novas tecnoloxías nas aulas de linguas estranxeiras, a formación continua do profesorado galego, o ensino de materias non lingüísticas en lingua estranxeira nos institutos de ensino secundario ou o sistema de avaliación e certificación nas EOI.

Así mesmo, os participantes terán tamén unha axenda cultural con visitas guiadas ao casco histórico de Santiago de Compostela, aos tellados da Catedral, ao centro histórico de Noia, ao Castro de Baroña e á exposición conmemorativa do centenario das escolas oficiais de idiomas, e serán recibidos oficialmente polas autoridades no Pazo de Raxoi, sede oficial do Concello de Santiago de Compostela.