A EOI de Santiago recibe a visita de dúas profesoras da Escola de Informática de Varsovia

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela recibe esta semana a visita de dúas profesoras procedentes da Warszawska Wyższa Szkoła Informatyki (Escola de Informática de Varsovia), Polonia.

As docentes, especialistas no ensino de inglés como lingua estranxeira, visitarán a EOI co obxectivo de coñecer de primeira man o emprego innovador que o centro fai das tecnoloxías da información e a comunicación aplicadas á aprendizaxe de idiomas e a coordinación docente, así como os procesos de detección e avaliación dos distintos niveis de competencia do alumnado e a formación do profesorado.

O interese doutras institucións europeas no noso centro educativo é unha proba da súa aposta pola innovación educativa e o emprego pioneiro das novas tecnoloxías no eido do ensino de idiomas.

A visita, que se extenderá do 24 ao 26 de setembro, realízase no marco da acción de mobilidade Erasmus para persoal de institucións de ensinanza superior. A súa celebración é consecuencia do contacto establecido a raíz dunha Visita de estudo realizada por persoal da escola no curso 2013-2014.

A EOI de Santiago está en permanente contacto co Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE) e tenta fomentar a participación do alumnado e o profesorado en programas de cooperación con outros países da UE, a formación continua do profesorado especialista en idiomas e a acollida de profesores visitantes dentro das diferentes accións do PAP (Programa de Aprendizaxe Permanente 2007-2013). De igual maneira, a EOI tamén promociona que o alumnado poida facer un emprego útil dos idiomas que estuda, organizando proxectos transnacionais, intercambios e estadías de diferente índole.