Faixa 20 aniversario

#20Anos7linguas

GALEGO

E, por fin, chegamos á última das linguas ás que lles quixemos dar un recoñecemento nestes #20Anos7Idiomas. Non podía ser doutro xeito, hoxe toca falar da nosa lingua, o #galego.
 
Como sabedes, o galego ten o seu predecesor no galego-portugués, motivo polo cal o noso idioma e o dos nosos veciños lusos teñen fitos en común. Un deles é o Pacto de Irmãos. Datado entre 1173 e 1175, é o texto coñecido máis antigo escrito en galego-portugués.
 
Para atopar un documento parello en Galicia, témonos que ir ao Foro do Burgo de Castro Caldelas, que data de 1228. Nesta Idade Media, o galego tivo grande importancia no terreo da lírica. No século XIII destacaron as figuras dos trobadores Mendinho e Martín Codax.
 
A perda de poder político do Reino de Galicia ao remate da Idade Media trouxo consigo unha decadencia da lingua que acabaría no que se deu en chamar os Séculos Escuros. Ao mesmo tempo que o castelán e o portugués medraban en prestixio, o galego ía quedando relegado á oralidade e tinguido de connotacións negativas.
 
Tras varios centos de anos de case nula actividade literaria neses Séculos Escuros, xorde unha tímida defensa do galego como lingua durante a Ilustración, levada a cabo polos relixiosos frei Martiño Sarmiento e o padre Feixoo, e a nosa lingua prepárase para o seu Rexurdimento.
 
Foi a partir do 17 de maio do 1863, día da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, cando a literatura galega comezou realmente a rexurdir. Ao nome da poeta de Iria Flavia sumáronse os do bardo Eduardo Pondal, autor do poema “Os Pinos”, do que toma a letra o Himno Galego; o celanovés Manuel Curros Enríquez; ou Valentín Lamas Carvajal, autor da primeira publicación periódica en galego: O Tío Marcos d'a Portela.
 
Coa chegada do século XX, o galego seguiu medrando, realidade que cristalizou nunha profusa produción literaria e fecundas iniciativas en prol da lingua, tales como as Irmandades da Fala, fundadas en 1916, ou o Seminario de Estudos Galegos. Esta última foi unha institución creada no ano 1923 coa finalidade de divulgar a lingua e a cultura do país.
 
Ao Seminario de Estudos Galegos pertenceron algúns dos máis grandes intelectuais da época, tales como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo ou o chamado “Pai da Patria Galega”, o escritor, debuxante, político e pensador rianxeiro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Moitos destes autores tamén pertencían ao chamado Grupo Nós, conxunto esencial para a posta en valor da cultura galega do seu tempo.
 
A Guerra Civil e a ditadura de Franco tronzaron o crecemento do galego e volvérono sacar da vida ‘oficial’, relegárono á oralidade e asestáronlle un golpe do que hoxe aínda non se recupera.
 
Boa parte da produción cultural en galego continuou na diáspora, especialmente na Arxentina e en Cuba, e xa na última etapa do franquismo na propia Galicia; baixo as gadoupas do réxime nacen algunhas iniciativas, como a de empezar a celebrar o Día das Letras Galegas no ano 1963.
 
Nos finais da ditadura, tamén comezou a emerxer a produción musical en lingua galega, especialmente desde que o colectivo Voces Ceibes arrancara a súa andaina no ano 1968. A canción protesta foi unha das primeiras en levar o idioma no peito, con cantautores de sona como Benedicto, Bibiano ou Suso Vaamonde. Mais, co paso dos anos, outras músicas como a canción popular de Ana Kiro, a recuperación tradicional de Fuxan os Ventos ou o estilo pop cantautoral de Andrés do Barro foron deixando pegada.
 
Con Franco finado, a eclosión foi patente e imparable. Na literatura, autores que xa publicaran durante a ditadura como Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Piñeiro, Manuel María ou Carlos Casares; e outros que xurdiron e renovaron as letras galegas como Xela Arias, Lois Pereiro, Suso de Toro, Roberto Vidal Bolaño ou Carlos G. Reigosa. Na música apareceron Luís Emilio Batallán, Amancio Prada, Milladoiro, Os Resentidos, Luar na Lubre, Heredeiros da Crus, Yellow Pixoliñas ou Os Diplomáticos de Monte Alto, entre moitos outros.
 
Cómpre salientar o ano 1989 como de vital importancia para o galego, neste caso no eido do audiovisual. Naquel ano, catro despois da creación da TVG, estreáronse tres filmes que teñen a honra de seren as primeiras longametraxes producidas na Galiza e en galego. Trátase de Continental de Xavier Villaverde; Urxa de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro; e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro.
 
Chano Piñeiro, quen xa atraera miradas en festivais de todo o mundo coa súa curtametraxe Mamasunción, elevou en Sempre Xonxa o seu estilo, mesturando a tradicional vaga que a nosa xente leva na necesidade de emigrar desde o rural cunha especie de realismo máxico conectado non só ás influencias latinas que a mesma emigración produciu, senón tamén ao legado literario de autores como Castelao ou Risco.
 
No século XXI, con máis de dúas décadas de milenio andadas, o galego resiste. Resiste grazas a que unha morea de nomes de todas as artes e de todos os eidos da cultura e da comunicación así o queren. Desde Olga Novo, Lupe Gómez ou Manuel Rivas, no campo literario, ata Óliver Laxe, Afonso Zarauza ou Margarita Ledo no audiovisual, pasando por Miguelanxo Prado na banda deseñada ou a música de Sés, Nao, Verto, Baiuca, Mercedes Peón, Guadi Galego, Uxía ou Boyanka Kostova, entre outros moitos e moitas, ata chegarmos ás internacionais Tanxugueiras, renovadoras e mesmo divulgadoras da nosa música tradicional.
 
E ata aquí chega o noso achegamento ao galego, lingua nosa coa que nos despedimos, desta vez para sempre, dos #20Anos7Idiomas. Por último, queremos deixar unha idea no ar. Algo que vale para todas as linguas. Serve para o inglés, para o francés, para o alemán, para o italiano, para o portugués, para o español e, sobre todo, serve para o galego: non hai mellor lingua que a que se fala.
 
Ata sempre!

 

ESPAÑOL

Nos estamos acercando al final de los #20Anos7Idiomas, pero aún nos quedan balas en la recámara. La lengua que hoy nos atañe no es otra que la lengua nativa más hablada del mundo occidental

Hoy nos acercamos a un idioma familiar ¡Hoy hablamos Español!

Unos 475 millones de personas en todo el mundo son hablantes nativos de español, cifra solo superada por el chino mandarín. Incluyendo a los hablantes con competencia limitada la cifra se acerca a los 600 millones de personas. Cabe destacar que en el mundo occidental, el español es el segundo idioma más utilizado en Internet.

Procedente del latín, el castellano o español se originó en Castilla, extendiéndose por todo el territorio que hoy conforma España y viajando a una gran parte de la llamada América Latina y a otros territorios.

El español es el primer idioma en Argentina, Cuba, Chile, México, Uruguay, Paraguay, Perú, Bolivia, Colombia, Venezuela entre otros, además de ser muy hablado en Estados Unidos. Tanto que es el país norteamericano el segundo que más hablantes nativos de español aporta en el mundo.

De un altísimo grado de importancia a partir de la Edad Media, el español cuenta con ciertos hitos en su historia que vale la pena puntualizar. Uno de ellos es la creación de su primera gramática en 1492, la que también fue la primera gramática de una lengua europea moderna.

Tal hazaña fue acometida por Antonio de Nebrija, un humanista sevillano de cuyo fallecimiento, ocurrido en 1522, se cumplen cinco siglos en este 2022.
Otros de los grandes momentos en la historia de esta lengua a lo largo de los siglos vinieron de la mano de una vasta producción cultural y literaria.
No es posible pasar por la historia del castellano sin mentar a aquel cuyo nombre sirve incluso para calificar al español. Porque si el castellano es la lengua cervantina es por Miguel de Cervantes.

La importancia del manco de Lepanto se traduce en la tremenda obviedad que supone incluírlo en un texto sobre el español. Su Quijote es ampliamente considerada como la obra que inició la narrativa moderna.

Desde Cervantes, la producción literaria en español ha tenido sus bajos momentos, pero también unas cumbres maravillosas.
Buen ejemplo es la obra de Góngora, Quevedo, Lope de Vega, Calderón, Moratín, Galdós, Bécquer, Gil y Carrasco, Valle-Inclán, Ortega y Gasset, María Zambrano, Unamuno, Lorca, Machado, Miguel Hernández, Borges, Pizarnik, García Márquez, Isabel Allende, Galeano, Cortázar, Gloria Fuertes, Almudena Grandes, Javier Marías...

La lista es practicamente interminable, y más si sumamos otras artes como la música, donde Gardel, Los Panchos, Rocío Jurado, Serrat, Camilo Sesto, Cecilia, Sabina, Rubén Blades, Camarón, Silvio Rodríguez, Extremoduro, Los Suaves, Vetusta Morla, C Tangana o Rosalía han llevado el idioma a oídos de todo el mundo.

Lo mismo se puede decir del cine. Desde Berlanga, Buñuel, Fernán-Gómez, Saura, Eloy de la Iglesia, Almodóvar, Álex de la Iglesia o Amenábar a este lado del Océano, como Aristarain, Del Toro, Iñárritu o Cuarón del otro.

Hasta aquí llega nuestro repaso al español. Os esperamos en el último #20Anos7Idiomas. Agardade por el!

FRANCÉS

Hai un vello dito que reza “Cando Francia esbirra, Europa arrefría”. Sendo así, algo terá que ver o idioma!Hoxe en #20Anos7Idiomas, ímosnos achegar ao francés! #20AniversarioEOISantiago

Son 250 millóns de habitantes os que forman parte da francofonía, esa comunidade na que entran persoas dos cinco continentes, cos seus acentos e especificidades. Amáis de en Francia, fálase francés en Bélxica, Suiza, Mónaco, Luxemburgo, algunhas zonas de Canadá, Haití, a República Democrática do Congo, Burkina Faso, Senegal, Ruanda, Togo, Marrocos, Alxeria, Líbano ou Nova Caledonia, entre outros.

Numerosas especificidades caracterizan o francés, entre elas unha evolución desigual entre a fala e a escrita que implica que as marcas de xénero ou número non estén nas últimas letras das palabras. Tamén resulta curioso que en francés todas as palabras sexan agudas, coa sílaba tónica na última vogal pronunciada.

Mais se algo caracteriza este idioma fora do apartado lingüístico é a súa estreita relación con grandes acontecementos da historia da política, a arte, a cultura e a sociedade en xeral.

A Revolución Francesa de 1789 é o exemplo máis claro, xénese dos actuais sistemas políticos do mundo, fin do antigo réxime e orixe dos tres termos máis célebres do idioma: liberté, égalité e fraternité. E aínda que algúns grandes pensadores franceses, como Montesquieu, Rousseau ou Voltaire, si están ligados a este feito histórico, outros como Descartes, Proudhon, Simone de Beauvoir, Sartre, Camus ou Foucault amosan que o francés ten incidido no pensamento de Europa e o mundo enteiro moito máis aló da Revolución.

Gran exemplo é o chamado maio de 1968, que fai referencia a unha serie de protestas orixinadas no entorno dos movementos sociais e estudantís franceses. Amáis dunha das folgas xerais máis secundadas da historia de Europa, o movemento produciu unha especie de efecto contaxio que o fixo extenderse  a todo o mundo occidental.

No eido da narrativa, da poesía e da dramaturxia é tamén o francés un idioma rico, onde podemos salientar a aportación de románticos coma Victor Hugo ou Alexandre Dumas, naturalistas coma Guy de Maupassant,  experimentalistas como Samuel Beckett, ou autores eternamente representados e recordados coma Molière.

Nado en París no 1622, Molière é amplamente considerado coma un dos maiores dramaturgos da historia, pai da Comédie-Française e mestre absoluto da ironía como arma contra a hipocresía.

Algunhas das súas obras máis célebres e representativas son As Preciosas Ridículas, o seu primeiro éxito entre o público, e O Misántropo, froito da súa última etapa.

E como revolucionario foi noutros eidos o francés, tamén o foi no cinema, en especial por mor dun grupo de cineastas que desde finais dos anos 50 se deron en chamar Nouvelle Vague. Jean-Luc Godard, Agnès Varda e Francois Truffaut, entre outros, cambiaron para sempre a historia deste medio, transgredindo normas e ideando novas formas de narrar e representar a realidad. De gran importancia neste movemento foi a que sen dúbida é a revista sobre cinema máis importante do mundo, Cahiers du cinéma.

No eido da música o francés tamén ten moito que dicir, desde a 'chanson' do século XX, con Edith Piaf ou Serge Gainsbourg como grandes representantes, ata versións contemporáneas da mesma, cristalizadas en cantantes de gran proxección internacional como Zaz, pasando por outros xéneros como a electrónica, na que podemos salientar ao belga Stromae.

E non pode faltar unha mención especial para a banda deseñada franco-belga, fonte de inumerables aventuras como as de Tintín, creado por Hergé, ou as de Asterix e Obelix, creados por Goscinny e Uderzo, ata chegar a obras absolutamente revolucionarias e trascendentes coma O Incal, de Jodorowsky e Moebius.

Ata aquí este achegamento ao francés. Vémonos no seguinte #20Anos7Idiomas

 

ITALIANO

O latín, lingua da que proveñen todas as chamadas linguas romances, orixinouse no Lazio, un lugar no que na actualidade se fala outro idioma, un distinto aínda que tamén de orixe romance. Hoxe, en #20Anos7Idiomas achegámonos ao italiano!

64 millóns de persoas falan esta lingua en Europa, principalmente en Italia, pero tamén en Suíza, onde é cooficial, e en Croacia e Eslovenia, onde ten presencia nalgunhas rexións. Coa suma da diáspora italiana en América e dos estados africanos nos que tamén se fala, a cifra chega aos 85 millóns de persoas italófonas no mundo.

O certo é que o italiano descende dun idioma ó que chamamos toscano ou toscano arcaico. Procedente desta rexión da actual Italia, naquela lingua que xa era moito do que hoxe é o italiano, escribíronse as primeiras grandísimas obras da literatura italiana, tales como A divina comedia, de Dante Alighieri, ou o Decamerón, de Giovanni Boccaccio. Foi a tendencia destes autores en deixar atrás o latín e escribir na lingua vernácula decisiva para a historia do italiano, que se foi expandindo desde as falas máis cultas e burguesas ata case a totalidade da poboación do país transalpino.

E aínda que o devanceiro máis directo da lingua que hoxe nos ocupa fora o toscano, ben é certo que unha das características máis salientables do italiano é a súa variedade lingüística.

Napolitano, lombardo, véneto, siciliano, piamontés, emiliano-romañol... Existe un grandísimo número de linguas italianas minoritarias que case na súa totalidade son faladas por persoas tamén falantes da variante predominante.

Desta realidade xorden fenómenos culturais célebres como a canción napolitana, unha forma musical cantada xeralmente en napolitano á que pertencen famosas pezas como O sole mio, interpretada ao longo dos anos por algúns dos maiores artistas vocais da historia, coma o tamén italiano Luciano Pavarotti. Mais a canción napolitana é só unhas das moitas cousas ás que nos permite achegarnos a lingua italiana, tales como a comedia dell’arte ou unha riquísima literatura na que salientan figuras contemporáneas como Andrea Camilleri, creador do comisario Montalbano, ou Primo Levi.

Nado en Turín no ano 1919, Primo Levi era xudeu e a comezos dos anos 40, co fascismo asolando Italia, uniuse a un grupo partisano. Por este motivo foi apresado pola milicia fascista e entregado á Alemaña de Hitler. Pasou 10 meses no campo de concentración de Auschwitz e tras a súa liberación escribiu Se questo è un uomo, obra na que relata o seu día a día como prisioneiro e que é considerada unha das maiores pezas da literatura do século XX.
Ata aquí a nosa danza co italiano. Agardámosvos no próximo #20Anos7Idiomas! #20AniversarioEOISantiago

 

DEUTSCH

No continente europeo existen arredor de 100 linguas vivas, e de todas elas, a que conta con maior número de falantes nativos é a nosa protagonista do #20Anos7Idiomas de hoxe: o alemán.

Falado principalmente en Alemaña, Austria e Liechtenstein, tamén é oficial en Suíza, Luxemburgo e Bélxica, así como na rexión italiana de Tirol do Sur. Sumando os habitantes xermano-falantes destes lugares e engadindo a todos os que viven noutros países nos que o alemán non é oficial, a cifra de falantes total deste idioma supera os 118 millóns.
Todas estas persoas poden presumir de falar un idioma que conta cunha curiosa especificidade a nivel morfolóxico. Trátase da composición de palabras, un procedemento no que se coordinan dous ou máis lexemas para conformar novas palabras.

Isto fai que no alemán existan termos que designen conceptos moi complexos para os cales outras linguas necesitarían oracións enteiras. Un bo exemplo disto é ‘der Zeitgeist’, palabra que designa o espírito dunha época, referíndose ao clima intelectual e cultural dese momento.

Quizais sexa por isto que foi o alemán lingua vehicular dalgunha das máis importantes achegas filosóficas e do pensamento aparecidas no mundo desde o século XVIII. Desde Immanuel Kant ata Martin Heidegger, pasando por Hegel, Schopenhauer, Marx ou Nietzsche, todos eles escribiron as súas grandes obras en alemán.

Mais a literatura ligada á segunda lingua xermánica máis falada do mundo (despois do inglés), non queda só na filosofía. Desde a Canción dos Nibelungos, cantar de xesta escrito en alto alemán medio (devanceiro do alemán actual), ata Günter Grass e deixando no medio o Fausto de Goethe, a Metamorfose de Kafka ou as pezas de Bertol Brecht, é fácil topar obras e autores que dean boa conta de canto se ten aportado en alemán á historia das letras.

Como tamén ten ocorrido no eido das ciencias. É o caso de Alexander von Humboldt, un persoeiro dos séculos XVIII e XIX que está considerado como o co-fundador da xeografía como ciencia empírica. Von Humboldt explorou o territorio do continente sudamericano no ano 1799, e fíxoo dun xeito que nunca se fixera: concibíndoo e  entendéndoo como un conxunto de natureza, xeografía, historia e sociedades.

Mais as linguas van da man de calquera que as use e algunhas das maiores calamidades provocadas pola man do home na historia recente levaron tristemente o alemán dun ditador como banda sonora.

Porén, tamén falaban alemán persoas coa valentía e ansia de xustiza suficientes como para enfrontarse ao máis terrorífico réxime que Europa teña coñecido. Estamos a falar de Sophie Scholl, unha muller membro da Weiße Rose (grupo da resistencia alemá durante o nazismo) que foi asasinada polo réxime de Hitler con só 21 anos, en represalia á súa acción en contra da ditadura.

Unha das citas máis célebres que se lle atribúen é a seguinte: “O que nós dixemos e escribimos pénsano moitos. Só que non se atreven a dicilo”.
Ata aquí o noso achegamento á lingua alemá, amiga e compañeira que como vemos, serve e ten servido para moitas das cousas fermosas e necesariasque hai na vida, tales como a filosofía, a literatura, a ciencia e a resistencia. Vémonos no próximo #20Anos7Idiomas!

 

PORTUGUÊS

Como galegos que somos, se hai unha lingua que non é exactamente a nosa pero si é enteiramente indisoluble á nosa historia, ela é, sen dúbida, a nosa protagonista desta terceira feira. #20Anos7Idiomas repara hoxe no noso irmán, o portugués. #20AniversarioEOISantiago

O certo é que aló polo ano 219 a. C. os romanos desembarcaron na Península Ibérica e estenderon ata a mesma o seu proceso de romanización. E cal era unha das súas ferramenta máis valiosas neste proceso? A lingua, o latín. Durante os séculos posteriores, este latín foi cobrando vida propia en varios lugares da xeografía peninsular, chegando a formar tres grandes bloques que tamén recollían léxico de linguas anteriores á romanización. Un destes bloques deu en chamarse galego-portugués, tronco do que brotou a árbore que nos ocupa: a lingua portuguesa.

Desde entón ata hoxe, na historia da que é a sexta lingua materna do mundo, falada por 270 millóns de persoas, pasaron milleiros de cousas. E se só tivésemos unha palabra, non, mellor, se só tivésemos sete letras para definir, sintetizar e engaiolar tantos séculos de evolución e cultura derivada do idioma, só poderíamos dicir: saudade.

A palabra máis célebre do portugués, tamén existente no noso galego, define un sentimento de lembranza grata por algo que botamos de menos, de pesar doce, de privación amena e dor con gusto. Palabra e sentir que ademais, aparece moi frecuentemente na obra dos grandes literatos portugueses. Desde o gran Luís Vaz de Camões ata o escritor dos mil nomes, Fernando Pessoa, pasando por Manuel de Melo, Camilo Castelo Branco ou Eça de Queirós.
Mais, saudades a parte, se hai un gran literato luso que debamos salientar é aquel desde cuxo nacemento se cumpren 100 anos neste 2022. José Saramago naceu na pequena localidade de Azinhaga e foi o responsable de dar á súa lingua o seu primeiro e polo de agora único premio Nobel de Literatura. Entregado no 1998, elevou ao máis alto do panteón literario a Saramago, autor de títulos indispensables coma o seu Ensaio sobre a cegueira, novela na que unha pandemia de cegueira serve de metáfora para, en verbas do propio Saramago, desenmascarar a sociedade de finais do século XX.

E, voltando atrás, como é que se en Portugal só viven 10 millóns de persoas o portugués é falado por case 300 millóns? Obviamente, hai máis de 200 millóns de brasileiros no mundo. Pero é que o portugués vai moito máis alá de Europa e América. Falada nos cinco continentes, a lingua portuguesa é a principal en decenas de lugares por descubrir, sendo destacada a súa presenza no continente africano. Moçambique, Guinea-Bissau, Angola ou Cabo Verde son só algúns dos países nos que é lingua oficial e onde o idioma conta coas súas propias variedades dialectais.

Como vedes o portugués vai desde un mundo máis ben afastado, por descubrir en moitos casos, ata un familiar para nós, e se non, que lle pregunten á xente de Castro Laboreiro, freguesía do norte do país luso na que o acento garda moitísimas semellanzas co galego.

Pero o portugués non é só historia, literatura e mundo, tamén é unha xanela a artes e culturas que non por falta de proximidade, ás veces, están algo lonxe. A máis evidente delas é a música.

Cantando en portugués andaron polo mundo o fado de Amalia Rodrigues, a samba de Carmen Miranda, a bossa-nova de Joao Gilberto e Antonio Carlos Jobim ou a canción protesta (de intervención, din os portugueses) de Zeca Afonso.

E aínda que un pouquiño mais agochado, tamén o cine viu mundo falando portugués, e se non o credes, atentos a esta curiosidade: Se queredes ver un filme realizado por un cineasta con máis de cen anos, non vos queda outra que velo en portugués, pois foi o portuense Manoel de Oliveira o único capaz de tal fazaña na historia do cinema.

E para rematar, so dicir que quizais máis que un idioma estranxeiro, o portugués é algo que forma parte de nós pero que quedou esquecido no tempo. E recordade que nada proporciona máis liberdade que coñecerse a un mesmo.

 

ENGLISH

A lingua franca do mundo actual, a máis falada do mundo, o idioma da Internet, do pop, do rock e do rap, do cinema americano, da informática, das social media... O inglés é o primeiro invitado nesta serie de homenaxes ás sete linguas que se imparten na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. Isto é #20Anos7Idiomas

E si, o inglés é a lingua máis falada do planeta, inclusive por diante do chinés e o español, pero isto débese a unha particularidade. Ao revés que noutros idiomas, no inglés o maior número de falantes non o utilizan como lingua principal. Só 375 millóns de persoas, dun total de 1.350 millóns de falantes, teñen o inglés como lingua nativa. É o idioma oficial de 57 países no mundo e, curiosamente, o país no que máis persoas anglófonas hai, Estados Unidos, e o que ocupa o espazo no que se orixinou o idioma, Reino Unido, non teñen unha lingua oficial determinada, aínda que por razóns evidentes podemos considerar o inglés como tal.

O inglés é a lingua híbrida por excelencia, xermánica e coa metade do léxico de orixe latina. É célebre por ser flexible e adaptable, capaz de aceptar a creación de numerosas palabras novas e de integralas como tal mesmo noutros idiomas, ou de onde credes que veñen selfie, tweet, post e hashtag? É complexo á hora de dominar a súa pronuncia e comprensión oral a causa da falta dunha correspondencia biunívoca entre grafía e fonema. É unha nube xigante de acentos e falas, que van desde as rimas londinienses dos ‘cockney’ ata as máis elegantes pronunciacións dos ‘posh’, pasando por todas as variedades xeográficas do idioma coma a irlandesa, escocesa, galesa, australiana, sudafricana ou norteamericana.

O inglés é milleiros de cousas e, entre elas, un compañeiro indispensable para se enfrontar á cultura e arte modernas e contemporáneas. Porque The Beatles, Elvis Presley, Michael Jackson, Elton John, Queen e David Bowie; porque os habitantes da galaxia de Star Wars, os superheroes da Marvel e da DC, os colegas de Friends e os non tan colegas de Game Of Thrones; porque Stephen King, J.K. Rowling e Ursula K. Le Guin. Porque todos eles viven ou viviron en inglés. Tamén para rir é un poderoso aliado o inglés, e se non que lle pregunten a todas as vítima dos Monty Python, do Saturday Night Live e de cada anaquiño de humor británico que teña existido. E si, o inglés tamén é o idioma por excelencia dos memes.

Mais antes de chegar aos tempos do tweet e retweet, esta lingua deixou grandísimas pegadas na historia. A de maior tamaño foi a de William Shakespeare e tras o máis universal e grande dos dramaturgos, foron o poeta John Milton, a novelista Jane Austen, o romántico Poe, o vitoriano Oscar Wilde, o viaxeiro Herman Melville, a feminista Virginia Woolf, a misteriosa Agatha Christie, o influínte Hemmingway e o visionario William Gibson.
O inglés é un mundo cheo de posibilidades a todos os niveis, unha lingua con pasado, presente e futuro e, non por nada, o idioma a aprender por excelencia.

Ata aquí esta primeira achega de #20Anos7Idiomas, a próxima será tal día coma hoxe, martes, pero da semana que ven. Goodbye!