Unha experiencia Grundtvig contada en primeira persoa

Unha das asistentes lingüísticas Grundtvig coas que contamos o curso 2011-12, cóntanos en primeira persoa a súa experiencia no noso centro dentro deste programa. Velaquí as palabras de Giulia, quen fixo un estupendo traballo no departamento de italiano:

Acabaron as clases, xa é tempo de exames, avaliacións, de reflexións sobre o traballo feito, en  definitiva hai que facer balance do curso que está para rematar. Tiven a posibilidade, ou mellor dito a sorte, de traballar na EOI de Santiago a través do proxecto de Axudantía Grundtvig cunha bolsa de estudos de un ano, dende setembro do 2011 a xuño do 2012.

A Axudantía Grundtvig pertence aos proxectos europeos (LLP-Lifelong Learning Programme) para a formación de persoas adultas e, no meu caso, consistiu en impartir clase de italiano ao alumnado que cursa esta lingua no centro. O traballo estivo ben organizado porque, tendo en conta que impartía clase en todos os grupos, todo o alumnado puido tirar proveito da presenza dunha persoa nativa nas clases, cuxa función era, á marxe de avalialos, axudalos a desenvolver as destrezas activas da lingua. Ademais, co acordo dos profesores do departamento de italiano, puxemos en marcha unha serie de actividades complementarias: un clube de conversa, un clube de lectura e un clube de escriutra. Estas últimas actividades eran optativas e de reforzo (de feito non participou nelas  todo o alumnado) , pero  tiveron un  seguimento moi satisfactorio.
Creo que as clases foron divertidas, fixemos diferentes actividades, sobre todo para mellorar a produción oral e mesmo eu aprendín moito sobrea a miña lingua e, sobre todo, aprendín moito dos meus compañeiros de traballo, cada un deles co seu método e a súa forma de dar clase, así pois colaborar cos tres foi unha boa oportunidade de aprendizaxe.

As actividades desenvolvidas durante os clubes, foron especialmente divertidas, sobre todo, porque os alumnos sabían que non ían ser avaliados e atrevíanse máis a falar e escribir. De feito, a actividade de máis éxito foi o clube de escritura, coa realización do ‘Giornalino del Dipartimento di Italiano’. Teño que dicir que o mérito é, sobre todo, dos estudantes, que se esforzaron moitísimo e que se mostraron sempre moi animados e participativos.
Grazas á miña xefa de departamento tiven tamén a posibilidade de crear unha actividade para unha páxina web de didáctica do italiano, de feito foi unha boa oportunidade para seguir practicando e avanzando no uso e nas potencialidades das TICs, que son, sen dúbida, un avance tecnolóxico moi importante no ensino.
Esta experiencia de traballo foi fantástica, tamén porque tiven a posibilidade de mergullarme na cultura española e galega, de feito en setembro decidín matricularme no curso de galego aquí na escola. Gustoume moito porque aprendín unha nova lingua e, sobre tood, unha nova cultura coa súa historia e as súas tradicións. Ademiais coñecín moita xente estranxeira, non só no curso de galego, senón tamén na miña vida fóra da escola. En particular teño que dicir que foi moi agradable compartir o departamento cos compañeiros de alemán, de feito a lectora do departamento de alemán foi tamén a miña compañeira de piso, así que moitas veces confrontabamos as nosas ideas sobre as clases, as actividades que se podían facer, os métodos a empregar,etc.

Dende o meu punto de vista foi unha experiencia inesquecible, creo que hai que aproveitar os proxectos europeos que facilitan a movilidade das persoas, porque poden mellorar a colaboración entre diferentes países e institucións, ademais hai que dicir que estes proxectos facilitan o intercambio de ideas, de coñecementos, de culturas e permiten un desenvolvemento e un crecemento ‘a tutto tondo’ (global, en todos os aspectos) da persoa, tanto no ámbito persoal como profesional. O feito de que a EOI de Santiago aceptase a miña solicitude para a axudantía Grundtvig dá proba de que esta escola é un centro no que a interculturalidade é un factor distintivo e no que o diálogo e a confrontación con outras culturas vese de forma positiva, como enriquecemento recíproco.

En definitiva quero aconsellar a todos os que queiran levar a cabo unha experiencia no ensino a adultos que soliciten e aproveiten as posibilidades que ofrece o proxecto Grundtvig, porque representa unha óptima oportunidade de traballo e  de crecemento dende un punto de vista laboral e persoal.