De como veu a Rianxo unha balea

Debuxo realizado por Bárbara Alcalde Somoza sendo alumna do I.E.S Félix Muriel dentro da obra colectiva elaborada polos alumnos do IES Félix Muriel e adicada ao libro de Rianxo "Dos arquivos do trasno", foron profesores coordenadores Antonio Calvo Ces e Enrique Fernández Carou

 

Cando eu era rapazote chegou un día a Rianxo, paréceme que ás dez e mdida da mañá, unha balea. Algúns, para lle restar mérito á nosa vila din que era unha balea moi pequena, unha criaturiña de balea. Faladurías, envexa, non saben o que din. Eu non digo que fose coma un consistorio a aboiar pola ría, non son tan argalleiro; pero a eslora dun patache poida que a tivese ben, e aquí entre vós hai outros que a viron e poden dar razón. E os que non a viros que peche a boca.

 ... ...

Os entendidos din que viña perdida, que entrou pola boca da ría coma nunha gaiola, e que de moito dar voltas se topar saida, foi dar alí sen folgos, deixouse estar un intre, e como eran as mareas vivas e moito o calado, foise un pouco o mar e varou. Eu moito non entendo, máis coido que debeu de ser así.

 

Nisto que chegan as lanchas todas a remo para non ter que busca-las voltas ó vento na punta de Fincheira, e que se poñen arredor do lombo da balea, onde esmorecían as ondas como nas beiras dunha ínsua.

Houbo moito rebumbio entre os mariñeiros sobre do que conviña. Alí estaba tamén o Contramestre, e para semellar máis entendido abaneaba a testa, sorría e erguía o ollos, mais non pasaba de dicir, sen comprometer consello:

- Así non fas nada, home. Estás perdendo o tempo. Facede a cousa con orde.

Con orde, está moi ben. O que pasaba era que non se sabía que cousa era a que había que facer con orde. Botáronlle un rizón, pero escorregaba e non prendía. Empuxanron con remos, non se ben para qué, e recuaban as lanchas, desatracando  dela como dun trans-atlántico. Fixéronse enliadas maniobras, con moitos berros e xuramentos, para lle pasar un cabo arredor, pero alguén dixo que aquilo era como querer levar preso cun fío a Oitentaenove (o Hércules da vila), e tiña razón.

 

As mociñas  que foran chegando ó areal fartábanse de rir e de xogar coa escuma.

 

Estes textos escollidos pertencen ao conto de Rafael Dieste "De como veu a Rianxo unha balea", do libro "Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste.