Camiño esquecido

  Camiño esquecido. Cousas de Castelao

Camiño equecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnales, que se perde na boca moura dunha congostra.


Eu sempre preguntaba á miña aboa: ¿Onde vai dala verea vella?
E miña aboa respondíame con certo mistereo: Non vai a ningures, meu meniño.


Aquela verea vella turraba por min, e cando me fixen home arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.


Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, traves apodrecidas, moreas de tella; todo vai amortallado con edras, silvas e loureiros, e por riba de aquela vizosa vixetación as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.


Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera.


Cando volvín á casa escoitei de miña aboa a hestoria da aldea esquecida.
- Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.


Agardando o intre do  reparto da riqueza o capitán enterrouna  en sitio segredo; mais o seguinte  día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.


Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrian entagarañados os rapaces, secabánse as fontes. Para escorrentar o mal fado ergueron cruceiros a eito.


De nada valeu nada. No remate soupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cousas, Texto reproducido "Castelao Obra Completa", Akal 1981, 3º edc.

 

IMAXES DA ALDEA ABANDONADA

Este lugar correspóndese coa antiga aldea de Abuin, está moi cerca da Escola de Abuin. O lugar agora está moi abandonado e deteriorado, máis ca misterio dá tristeza ver como un lugar tan fermoso está tan deteriorado e abandonado.