POLO SAN MARTIÑO TROMPOS, CASTAÑAS, PORCO E VIÑO

 

Na nosa terra ao longo do ano se van celebrando todo tipo de festas, tanto de carácter popular como de carácter relixioso; nalgúns casos as tradicións populares se entremezclan coas tradicións relixiosas xurdindo festas tan importantes como "O Día do San Martiño".

Dende moi antigo as festividades relixiosas eran días destacados no calendario polo que popularmente se empezaron a tomar como datas referentes para a realización de distintas actividades lúdicas que co tempo se converteron en celebracións tradicionais. O San Martiño é un dos exemplos máis destacados deste tipo de celebracións. Patrón da cidade de Ourense celebra a súa festividade cada 11 de novembro, sendo día festivo en moitos pobos da provincia, esta data é a escollida para a celebración dos magostos, aínda que tamén se poden celebrar uns días antes ou despois. Nesta data en moitos lugares de Galiza, as castañas non só se acompañan de viño novo senon tamén de productos do porco, xa que neste día tamén se produce a tradicional "matanza do porco". 

De todas estas cousas falamos en Relixión, e para elo tomamos como punto de partida un conto titulado A Casa do Rato Renato da editorial Barafunda onde precisamente se fai referencia as distintas festas populares e relixiosas que se celebran en Galiza durante o mes de novembro:

 

Despois de ler o conto fixemos un repaso pola linguaxe tradicional galega que está cargada de referencias á festividade de San Martiño, existen gran cantidade de cantigas e refráns onde se menciona. Nós vos invitamos a que coñezades as seguintes:

 

Polo San Martiño

faise o magosto

con castañas asadas e

viño ou mosto.

 

Castañas, noces e viño

fan as delicias do San Martiño.

 

Polo San Martiño

quítalle o tapón ao viño

 

Polo San Martiño

vai a ver o teu soutiño

 

A todo porquiño

chégalle o San Martiño

 

Polo San Martiño,

trompos ao camiño

 

E mira ti por onde que a profe Celia nos trouxo un trompo á clase co que xogamos e o pasamos moi ben:

 

 

 

E de entre todos os nenos e nenas que van a Relixión so atopamos a un artista do trompo: Lucas Martínez de Pazo Primaria que ata tiña o seu propio trompo, ao que fixo bailar e bailar...

 

Grazas Lucas!

Para rematar fixemos unhas fichas onde aparecía San martiño rodeado de todos os productos relacionados coa sua festividade, mirade que bonitas nos quedaron:

 

 

 

Pois nada máis, deixámosvos coas galerías de imaxes onde podedes ver canto traballamos pero tamén canto xogamos. Dende Relixión reivindicamos o uso dos xoguetes tradicionais que se están perdendo e non son nada caros! así que papis e mamis invitámosvos a que os recuperedes cos vosos fillos e fillas.

GALERÍA 1 (Escolas de Quintáns, Pazo e Rañó)

 

Galería 2 (Escolas de Cuvide, Cruceiro e Capela)