BREOGÁN E HÉRCULES

Breogán
é o nome dun mítico rei celta de Galicia. Segundo a lenda, o rei Breogán construíu na cidade de Brigantia (A Coruña),  unha torre de tanta altura (a Torre de Hércules) que os seus fillos, Ith e Bile, podían ver Irlanda desde o cume, lugar ao que partiron e onde Ith sería asasinado. En vinganza, os fillos de Mil, neto de Breogán e sobriño de Ith, navegaron desde Brigantia a Irlanda e conquistárona coa axuda do bardo Amergín.

(A lenda de Breogán está recollida no "Leabhar Ghabala" ou Libro das invasións de Irlanda, recompilación realizada no século XII de lendas irlandesas anteriores)

Hércules
foi o máis grande dos heroes da mitoloxía clásica e a súa extraordinaria forza era o seu atributo máis importante. Segundo a lenda, Hércules veu a estas terras na busca do xigante Xerión, co fin de liberar o pobo do seu poder desmedido. O enfrontamento entre ambos os dous durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das cales Hércules venceu o xigante, cortoulle a súa cabeza e enterrouna xunto ao mar. Para conmemorar a súa vitoria construíu sobre o túmulo, unha torre e nas proximidades deste fundou unha cidade á que lle deu o nome de Crunia, como recordo da primeira muller que habitou este lugar e da cal o heroe se namorou.

(Esta lenda foi recollida polo rei Afonso X o Sabio (1252-1284) na súa "Estoria de Espanna")