Skip to Content

San Lourenzo

PROXECTO "AVES"

PROXECTO "AVES"

 

Que atarefadas/os estivemos nas últimas semanas! Todo comezou así:

 

Rabuñoso precisaba a nosa axuda e nós non íamos dicir que non! Puxémonos mans á obra e comezamos unha investigación exhaustiva sobre quen sería o que se fixo caca na súa cabeza… e chegamos á conclusión de que tiña que ser un paxaro! Pero que paxaro sería?

 

Para descubrilo, fixemos unha lista con todas as aves que coñecíamos (que non eran poucas!). Pero todas elas vivían na nosa contorna? Todas podían voar? E todas tiñas unhas patas que lles permitían pousarse nas árbores? Respondendo a estas preguntas, fomos descartando algunhas delas... e engadindo outras grazas ás outras escoliñas do noso CRA, que nos deron ideas cos seus disfraces de Entroido!

 

Aínda así, tiñamos moitas aves que nos cadraban con esas características. Por onde empezar? Por sorte, uns días mais tarde, ao saír ao patio, atopamos unha nota misteriosa acompañada dunha pluma laranxa:

 

 

E que paxaros teñen plumas laranxas? O primeiro no que pensamos foi no paporrubio e comezamos a investigar... Pero uns poucos días mais tarde, tivemos unha visita inesperada! Unha pequena paporrubio, á que chamamos Laranxiña, veu á nosa clase con unha nota que dicía que ela non foi! Que alguén se fixera pasar por ela! Como podía ser?

 

Por sorte, Laranxiña quixo quedar connosco para axudarnos a resolver este misterio, e así, seguimos investigando outras aves: o picapeixe, a andoriña e a bubela foron os primeiros, pero grazas á axuda de Laranxiña descubrimos que ningún deles era o culpable! Ao descartar como sospeitosa á bubela Bela, Laranxiña e ela foron á árbore na que acontecera todo... E sorpresa! Atoparon algunhas plumas... negras! E quen ten plumas negras?

 

Investigamos ao picapau e ao moucho con estas novas pistas, e o moucho, coa súa sabedoría e misterio á par, contounos unha adiviñanza para axudarnos a atopar ao culpable:

Se o misterio queredes resolver,

unha pista vos darei:

voa no ceo cun gran misterio,

todo negro, tan singular.

Co seu canto imita,

e o seu graznido vibra.

Quen é este paxaro esperto,

que nos fai mirar ao ceo descuberto?

 

E que paxaro que coñecemos é todo negro? O corvo! Puxémonos a investigalo e descubrimos que é a ave mais intelixente do mundo e que sabe imitar moi ben a outros animais e mesmo aos humanos. Sería el quen se fixo pasar por Laranxiña ao principio da nosa investigación? Todo cadraba!

 

O certo é que ao día seguinte de que acháramos estes datos, recibimos unha última nota, esta vez do corvo:

 

 

Misterio resolto! E polo camiño, aprendemos un montón de cousas sobre as aves! Sabiades que os paporrubios só viven un ano e que os seus ovos son azuis? E que o picapeixe parece azul, pero en realidade ás súas plumas son marróns? Ou que a andoriña fai os seus niños en forma de iglú invertido e que migra no inverno a sitios máis cálidos? E que a bubela faise caca no niño para espantar co seu tufo fedorento aos depredadores? Ou que o picapau é capaz de picar 15 veces por segundo nos troncos das árbores? E que o moucho é capaz de xirar a cabeza case de todo? E que todas as aves teñen en común que son ovíparas, teñen plumas, ás e peteiros, e son vertebradas? O mundo das aves é ben interesante para todo aquel que se queira mergullar!

 

 

 

PROPOSTAS

 

 

SAÍDA “A DEVESA DAS RAPIÑAS”

 

ENTROIDO 2024

Chegou o Entroido! E en San Lourenzo inauguramolo cunha instalación, que tanto desfrutamos...

 

 

 
 
E así o festaxamos os paporrubios de San Lourenzo: escoitamos contos, asistimos a un xuízo para averiguar que ave se fixera aquilo na cabeza de Rabuñoso, tivemos unha merendola grazas á colaboración das familias (moitísimas grazas!) e fixemos un desfile ben colorido ata o CPI. Pasámolo en grande!
 
 

PROXECTO "OS INUITS"

PROXECTO “OS INUITS”

As nenas e nenos de San Lourenzo estivemos moi atarefados dende a volta de Nadal... e é que recibimos unha carta chegada nin mais nin menos que do Polo Norte! A carta escribiuna Nanuk, un neno inuit, pedíndonos axuda porque o fedello do monstro das neves lle collera o mapa de volta ao seu iglú e agora non sabía volver. Así que lanzámonos á aventura e decidimos axudalo! O monstro das neves púxonos unha serie de misións que fomos resolvendo en equipo, e por cada misión cumprida, devolveunos un trozo do mapa de Nanuk.

 

PRIMEIRA MISIÓN

Na primeira misión, o monstro das neves desafiounos a investigar onde estaba o Polo Norte. E para averigualo, buscamos nun globo terráqueo interactivo ata que atopamos dúas zonas cheas de xeo e neve: o Polo Norte e o Polo Sur.

 

SEGUNDA MISIÓN

Como resolvemos tan ben a primeira misión, o monstro das neves devolveunos a primeira peza do mapa! E púxonos outra misión: neste caso, averiguar quenes son os inuits e onde viven. Puxémonos mans á obra e buscamos información no libro “A vida dos inuits”, que nos trouxeran os Reis Magos á volta do Nadal. Así, descubrimos que os inuits viven en iglús e que sobreviven gracias á caza e á pesca. Ademais, como o monstro das neves nos deixara pasta para moldear, decidimos facer os nosos propios iglús. Quedaron chulísimos!

 

TERCEIRA MISIÓN

E xa tiñamos dúas pezas do mapa! A seguinte misión que nos puxo o monstro das neves foi coñecer que animais viven no Polo Norte. Neste caso, deixounos un libro que nos facilitou as cousas... E unha vez, o soubemos xogamos a emparellar cada animal polar co seu nome, aínda que primeiro tivemos que buscalos pola nosa clase, porque estaban agochados!

 

CUARTA MISIÓN

Na seguinte misión, o monstro das neves díxonos que no Polo Norte xa era de noite e xa se podían ver as auroras boreais... Pero que eran as auroras boreais? Non o sabíamos, así que mans á obra! E despois de investigalo, lanzámonos a facer as nosas propias auroras boreais, que quedaron aínda mais fermosas que as de verdade!

 

QUINTA MISIÓN

Xa tiñamos catro pezas do mapa! Pero quedábannos algunhas mais, así que nesta misión o monstro das neves díxonos que había unha ventisca no Polo Norte... E iso que era? Vimos un vídeo dunha ventisca e puidemos saber que é cando fai moito vento, frío e neva ao mesmo tempo. Pero a misión do monstro nas neves consistía en “facer” unha ventisca... E como o íamos a facer? Para axudarnos, deixounos algúns materiais cos que fixemos a nosas propias ventiscas... en botes!

 

SEXTA MISIÓN

Xa só nos faltaba unha peza! E para esta última misión, o monstro das neves retounos a que investigaramos como se moven os inuits no Polo Norte e dounos unha pista: Inukshuk. Como non nos sonaba de nada, buscamos información no noso libro “A vida dos inuits” e atopamos que se moven nuns transportes chamados zorras, e que son tirados por unha raza de cans chamados Huskies. E os inukshuks? Son esculturas feitas polos inuits para marcar os camiños no Polo Norte e así poder moverse sen perderse. Así que cos paus de madeira que nos deixou o noso xa benquerido monstro das neves, fixemos uns propios!

 

MONTAMOS O MAPA E ENVIÁMOLO AO POLO NORTE

E finalmente, despois de moito esforzo, conseguimos a derradeira peza! Montamos o noso puzle con moita ilusión e enviámosllo a Nanuk. Agardamos que atope pronto o camiño ao seu iglú. Foi un pracer coñecerte, Nanuk!

 

PROPOSTAS

E por suposto, acompañamos o noso proxecto con un montón de propostas relacionadas co inverno, os inuits e o Polo Norte. Linguaxe e lectoescritura, lóxico-matemática, motricidade fina, orientación espacial, arte... Non hai como aprender xogando!

Plan dixital - San Lourenzo

DOCUMENTACIÓN 3º TRIMESTRE

Documentacióm 2º trimestre

DOCUMETACIÓN 1º TRIMESTRE

SAN LOURENZO EN RABU RADIO

#1 A AULA DE XUNTANZAS (NOVA TEMPORADA DE RABU RADIO): 

https://go.ivoox.com/rf/78419401

 

#2 O SAMAÍN:

https://go.ivoox.com/rf/78419698

 

#3 A BRUXA GORRO AZUL:

https://go.ivoox.com/rf/78419861

Distribuir contido


by Dr. Radut