Skip to Content

PROXECTO "OS INUITS"

PROXECTO “OS INUITS”

As nenas e nenos de San Lourenzo estivemos moi atarefados dende a volta de Nadal... e é que recibimos unha carta chegada nin mais nin menos que do Polo Norte! A carta escribiuna Nanuk, un neno inuit, pedíndonos axuda porque o fedello do monstro das neves lle collera o mapa de volta ao seu iglú e agora non sabía volver. Así que lanzámonos á aventura e decidimos axudalo! O monstro das neves púxonos unha serie de misións que fomos resolvendo en equipo, e por cada misión cumprida, devolveunos un trozo do mapa de Nanuk.

 

PRIMEIRA MISIÓN

Na primeira misión, o monstro das neves desafiounos a investigar onde estaba o Polo Norte. E para averigualo, buscamos nun globo terráqueo interactivo ata que atopamos dúas zonas cheas de xeo e neve: o Polo Norte e o Polo Sur.

 

SEGUNDA MISIÓN

Como resolvemos tan ben a primeira misión, o monstro das neves devolveunos a primeira peza do mapa! E púxonos outra misión: neste caso, averiguar quenes son os inuits e onde viven. Puxémonos mans á obra e buscamos información no libro “A vida dos inuits”, que nos trouxeran os Reis Magos á volta do Nadal. Así, descubrimos que os inuits viven en iglús e que sobreviven gracias á caza e á pesca. Ademais, como o monstro das neves nos deixara pasta para moldear, decidimos facer os nosos propios iglús. Quedaron chulísimos!

 

TERCEIRA MISIÓN

E xa tiñamos dúas pezas do mapa! A seguinte misión que nos puxo o monstro das neves foi coñecer que animais viven no Polo Norte. Neste caso, deixounos un libro que nos facilitou as cousas... E unha vez, o soubemos xogamos a emparellar cada animal polar co seu nome, aínda que primeiro tivemos que buscalos pola nosa clase, porque estaban agochados!

 

CUARTA MISIÓN

Na seguinte misión, o monstro das neves díxonos que no Polo Norte xa era de noite e xa se podían ver as auroras boreais... Pero que eran as auroras boreais? Non o sabíamos, así que mans á obra! E despois de investigalo, lanzámonos a facer as nosas propias auroras boreais, que quedaron aínda mais fermosas que as de verdade!

 

QUINTA MISIÓN

Xa tiñamos catro pezas do mapa! Pero quedábannos algunhas mais, así que nesta misión o monstro das neves díxonos que había unha ventisca no Polo Norte... E iso que era? Vimos un vídeo dunha ventisca e puidemos saber que é cando fai moito vento, frío e neva ao mesmo tempo. Pero a misión do monstro nas neves consistía en “facer” unha ventisca... E como o íamos a facer? Para axudarnos, deixounos algúns materiais cos que fixemos a nosas propias ventiscas... en botes!

 

SEXTA MISIÓN

Xa só nos faltaba unha peza! E para esta última misión, o monstro das neves retounos a que investigaramos como se moven os inuits no Polo Norte e dounos unha pista: Inukshuk. Como non nos sonaba de nada, buscamos información no noso libro “A vida dos inuits” e atopamos que se moven nuns transportes chamados zorras, e que son tirados por unha raza de cans chamados Huskies. E os inukshuks? Son esculturas feitas polos inuits para marcar os camiños no Polo Norte e así poder moverse sen perderse. Así que cos paus de madeira que nos deixou o noso xa benquerido monstro das neves, fixemos uns propios!

 

MONTAMOS O MAPA E ENVIÁMOLO AO POLO NORTE

E finalmente, despois de moito esforzo, conseguimos a derradeira peza! Montamos o noso puzle con moita ilusión e enviámosllo a Nanuk. Agardamos que atope pronto o camiño ao seu iglú. Foi un pracer coñecerte, Nanuk!

 

PROPOSTAS

E por suposto, acompañamos o noso proxecto con un montón de propostas relacionadas co inverno, os inuits e o Polo Norte. Linguaxe e lectoescritura, lóxico-matemática, motricidade fina, orientación espacial, arte... Non hai como aprender xogando!

AdxuntoTamaño
VENTISCA.mp4850.27 KB


blog | by Dr. Radut