Skip to Content

Complementarias e Extraescolares

COMO FACER UN ZOMBIE? (ALUMNADO DE SEGUNDO DE PRIMARIA)

10/11/2015 17:24
Europe/Madrid

Os nenos e nenas de segundo de primaria quérenvos explicar como se fai un zombie. Como sabedes no Samaín puxemos en marcha o proxecto documental "En Versión Orixinal" en relación coa temática do Cine de Terror. Este é un adianto das actividades que se desenvolveron durante o mes de outubro.

 

PROXECTO "EN VERSIÓN ORIXINAL" SELECCIONADO POLA FUNDACIÓN BARRIÉ

05/11/2015 23:12
Europe/Madrid

O noso proxecto de centro En versión Orixinal foi seleccionado na IV Convocatoria de Proxectos Escolares 2014-2015 da Fundación Barrié.

Con el pretendemos afondar en todas as etapas e niveis no cine e na linguaxe audiovisual coma fontes de coñecemento, aprendizaxe e adquisición de competencias en todas as áreas e materias.

Velaqué tedes o video e a presentación que proxectamos na presentación do noso proxecto na sede da Fundación Barrié en A Coruña o pasado 5 de outubro de 2015.

Aquí tedes o video e a presentación que proxectamos na presentación do noso proxecto na sede da Fundación Barrié.

 

 

Powered by emaze

 

COMPARTE DANZA

25/05/2015 20:10
Europe/Madrid

comparte danza

O xoves 14 de maio as bailarinas da escola BS Danza de Santiago de Compostela visitaron o noso centro no seu programa didáctico COMPARTEDANZA.

Este programa pretende achegar a danza á comunidade educativa porque "compartindo o que facemos, todos aprendemos". Deste xeito, amosaron aos nosos alumnos a arte en movemento, a importancia de descubrir con alegría o propio corpo e as súas cualidades e sobre todo, amosáronnos  que o movemento é unha forma de expresión e de comunicación de sentimentos e emocións.

Foi unha fermosa experiencia, para rapaces e profes, observar como se preparan para a danza mediante o quecemento, e logo como coordinan os seus movementos en perfecta harmonía coa música, en distintos estilos e expresando e contaxiando en nós emocións diferentes.

Aquí tedes unha pequena mostra gráfica desa fermosa xornada que esperamos repetir o vindeiro ano. 

 

COMPARTE DANZA EN A BAÑA on PhotoPeach

 

CHEGOU O SAMAÍN AO CPI DE A BAÑA

30/10/2014 17:11
Europe/Madrid

Chegou o Samaín!!!

Tempo de contar historias de medo, comer castañas cos amigos e decorar as cabazas...

Aquí tedes unha pequena reportaxe gráfica de como decoraron o cole os noso pequenos nesta semana de esqueletes, morcegos, sustos e arañeiras.

 

CHEGOU O SAMAÍN on PhotoPeach

LECTURAS RECOMENDADAS PARA AMANTES DA ANTIGA ROMA

 

Aquí vos presentamos a guía de lecturas recomendadas para todos os interesados na historia e cultura romanas.

Todas as lecturas están á vosa disposición na biblioteca do centro.

POLO SANMARTIÑO PEÓNS AO CAMIÑO

 

 

 

Trompo

O peón (trompo, buxaina) é un brinquedo feito en madeira, que ten forma cónica e que está rematado nunha punta metálica (ferrón); a este enrólaselle unha corda (piola ou baraza) para o lanzar e facer que xire. Na parte de riba do peón sobresae  un anaco de madeira (pirucho) e a zona máis ancha do xoguete recibe o nome de  barriga ou panza.             

                                                             

                    

Eu quero bailar polo sanmartiño,

polo sanmartiño eu quero danzar,

enrólame a capa con xeito e con graza

e con elegancia desenrolamá.

 

Quero bailar na man dun meniño

e dunha nena na palma da man

que se non bailo polo sanmartiño

queda o camiño sen bo camiñar.

 

No sanmartiño

peóns ao camiño...

quero bailarche

na palma da man...

No sanmartiño

as piolas corten

coma un asubío

ao ar ao lanzar.

Peóns, bailaretes

que alegren a terra,

crianzas sorrintes

as vexan xirar,

remuíños de vida

mouméenlle ao vento,

que escriban un verso

ferróns escribáns.

 

Aí vai, preparados, que o día chegou,

de rañar a terra cos nosos ferróns.

Enrolade a piola e man levantar,

que o camiño espera aos nosos peóns.

Que todas a unha as pequenas mans

lancen mil buxainas a todo fungar.

Para que o camiño dea bo andar,

polo sanmartiño, velaí, velaí van!

 

 11 de Novembro de 2008

O SAMAÍN

     

 

   Hai anos, coincidindo coa chegada do outono, apañábanse as cabazas que se sementaran entre o millo.   

 

    A rapazada que colaboraba na colleita era agasallada con algunha destas cabazas para que tallaran nelas caveiras arrepiantes, canto máis arrepiantes moito mellor, e que as colocaran a noite do 31 de outubro, cunha veliña dentro, nos camiños, entre as silveiras, nas fiestras das casas... co aquel de meterlle medo á xente que pasase a rentes delas. 

 

      Tallar unha cabaza é ben doado. Só hai que seguir uns pasos ben sinxelos e unha vez rematada levarase ao colexio a partires do mércores, 29 de outubro, para participar na "I exposición Samaín 2008". 

 

     Só por participar recibirase un agasallo "modelo exclusivo Samaín 2008".   

 

    O venres, día 31, pola tarde xa a podes retirar para colocala na túa terraza, nun camiño, nun valado... o caso é meterlle un pouco de medo no corpo aos amigos e veciños...

                                                                               Ver fotos

O ENCONTRO DOS ANIÑADOIROS.

O ENCONTRO DOS ANIÑADOIROS

 

 

 O día que tódolos rapaces do colexio da Baña fomos a recoller os aniñadoiros que puxeramos o ano pasado, tivemos que facer varias paradas. 

 

 A primeira foi na leira dunha señora. Os profesores decíannos que non corréramos, porque alí había cotos de millo e podíamos caer neles e facernos dano. Unha vez rematado alí, continuamos ata Vilarnovo onde recollemos algúns máis. Logo continuamos un chisquiño máis ata un camiño á esquerda e alí había ¡Catro máis!. Collémolos e seguimos ata o monte, e alí si que había ben deles. Estaban tan arriba nas árbores que ata os profesores tiveron que usar escaleiras para subir a por eles. Nun casi aniñan os paxaros, pero non tivemos moita sorte.

 

 Cando rematamos quitamos fotos con tódolos aniñadoiros que recuperáramos e  merendamos, mentres pasaba por alí un rabaño de pericas e algúns nenos corrían detrás delas.

 

 Cando chegamos ao colexio estabamos cansos pero contentos polo ben que o pasaramos. 

Borja (5º primaria)

 

                                            Ver fotos

Semana da Prensa

 

A vindeira semana é a Semana da Prensa (do 10 ó 15 de marzo), hai algunha que outra actividade na que podedes intervir:

  • Convírtete en reporteiro.
  • Escribe o titular que che gustaría atopar algún día nun periódico.

De seguro podemos contar coa túa participación Guiño !

 

Distribuir contido


by Dr. Radut