Skip to Content

Club de lectura

PECHANDO O ANO

Pechamos o derradeiro día de clase do 2021 cunha nova reunión do Club de lectura de1º ciclo pero desta volta démoslle un aire festivo e levamos a cabo unha xincana sobre o libro que rematamos de ler: Charlie y la fábrica de chocolate, de Roald Dhal.

Dividimos o alumnado en dous equipos que realizaron dez actividades que poñían a proba a súa comprensión da obra así como a súa habilidade: referida tanto á destreza visual (localizar o tícket dourado na biblioteca), como motriz (pasar por un túnel o máis rápido posible, debuxar, ou mesmo practicar a globoflexia, entre outras) e, por suposto, empregar a súa imaxinación para crear tres novos sabores para a fábrica de chocolate.

Déixovos aquí algunha mostra da súa creatividade: chupa chups de chocolate con churros, choco-curri con globos de caramelo recubertos con confeti de froitas caramelizadas ou copos de coco e remolacha con pistacho torrado, cubertos de crema de grosella.

para lamber os dedos, non si?

Pasamos un tempo divertido e todo grazas á lectura.

 

 

GOZANDO DO CHOCOLATE...

Na tarde pasada tivemos unha nova reunión do Club de lectura de1º ciclo e o tempo se nos fixo pouco para todo o que queriamos comentar sobre a primeira parte de Charlie y la fábrica de chocolate de Roald Dhal.

Temas transcendentais como o egoísmo, a escravitude ou a violencia saíron a raíz destas páxinas que comentamos, pero tamén houbo espazo para imaxinar como sería a vida dos oompa lompas, para conversar sobre a sensación que nos producían os distintos personaxes ou para comparar a versión literaria e a cinematográfica.

CREANDO SUSPENSE

Onte reunímonos por primeira vez no club de lectura de 2º ciclo. Traïamos para comentar os primeiros oito capítulo de Diez negritos, de Agatha Christie.

O formato da obra variou segundo os gustos: algúns lemos o texto en versión pdf descargado da rede e outros decidíronse por empregar unha versión en audiolibro.

https://go.ivoox.com/sq/588510

Despois de analizar diferentes aspectos da narración (a división clásica en tres partes da obra, o tempo da historia, etc.), o primeiro tema sobre o que debatemos foi o punto de partida da novela: unha invitación dun descoñecido para visitar unha illa. Aceptaríamos esa invitación? Por que motivo as dez persoas da historia acudiron a esa illa?

Por outra banda tamén observamos os distintos modos que tivo a autora de caracterizar aos personaxes (de forma directa a través das palabras do narrador, de forma indirecta a través das impresións que causan nos demais personaxes ou tamén a través das súas propias intervencións).

Quedaron moitos temas pendentes para a vindeira reunión, que por diferentes circunstancias non poderá ser ata o 18 de  xaneiro.

UN COMEZO PROMETEDOR

Hoxe foi un día especial pois tivo lugar a primeira reunión do club de lectura de manga no CPI O Cruce. Xa van ben anos que botou a andar o club pero ata o de agora non tivera cabida este novo formato do manga que resulta tan atractivo a moita rapazada.

Como vén sendo habitual ás nosas reunións asisten fundamentalmente mozas pero temos algún rapaz que se sumou á actividade, ademais de contar cun representante masculino do profesorado.

Nesta primeira sesión Sabela Carrondo, alumna de 3º ESO e responsable do club, comentounos algúns aspectos curiosos tanto de Sailor Moon como do mundo dos manga en xeral: explicou por que as onomatopeas aparecen tanto en xaponés como traducidas, a presenza de anglicismos, as notables diferenzas entre o manga e o anime da mesma serie, etc. Pero tamén tratamos elementos propios da historia que lemos: cal foi o noso momento preferido, como son os personaxes principais, que buscan os antagonistas...

Ademais acordamos dedicar parte do tempo do club a aprender a debuxar este tipo de historias, pois contamos coas habilidades de Sabela para guiarnos.

Por último comentouse que outros aspectos de detalle sobre as lecturas serían publicadas no blog do club: http://paralelasnocruce.blogspot.com/.

COÑECÉNDONOS

Na primeira reunión do club de lectura co grupo de 1º ciclo houbo aspectos positivos e negativos.

Comezamos polos malos:  dúas alumnas de 1ºESO decidiron abandonar o club porque non lles daba tempo a ler o libro e, á vez, este título lles parecía complicado. Lamentamos estas baixas pero, cando queiran ou poidan, estaremos encantadas de incluílas novamente.

O positivo é todo o demais: o grupo funcionou moi ben, as alumnas (todas eran rapazas porque o único varón non veu hoxe ao centro) participaron activamente comentando, analizando, dando o seu punto de vista e tratando todos aqueles aspectos (que foron moitos) que lles pareceron de interese do libro.

Fóra do normal de María Reimóndez serviu para decatarnos de que todos somos diferentes pero precisamente esa diferenza é o mellor de cada un. Un bo comezo para este club...

Ao rematar acordamos ler parte (ata a páxina 132) de Charlie y la fábrica de chocolate, de Roald Dahl, para a seguinte reunión que será o 23 de novembro.

ARRANCAMOS

Arrancamos co club de lectura neste curso con tres novos grupos, cada un con títulos diferentes e en distintos días de reunión.

Déixovos este cadro para que vos aclaredes:

data

grupo

título

26 de outubro

Club de lectura de 1º Ciclo

Fóra do normal,

de María Reimóndez

9 de novembro

Club de manga

Sailor Moon,

de Naoko Takeuchi

16 de novembro

Club de lectura de 3º ESO

10 negritos,

de Agatha Christie

                  

CONVOCATORIA CLUB 2021/2022

Ola, xa estamos de volta.

Neste curso decidimos convocar as reunións do club no recreo do comedor dos martes (entre as 15:20 e 16:00) para que todos poidades acudir sen perder o transporte de regreso a casa.

Se estades interesados en participar no club acudide o xoves 30 no segundo recreo á biblioteca para falar da súa organización.

Agardámosvos.

Distribuir contido


by Dr. Radut