Botamos un baile?

Deseñamos un logo

Como xa vos adiantabamos antes do Nadal, temos preparada algunha que outra sorpresa de carácter internacional. Así que o venres, no recreo tocou unha clase diferente. Os alumnos/as de 5º que asisten a "Botamos un baile?" tocoulles deseñar cos seus portátiles e-dixgal un logo para un proxecto e-twinning de colaboración con outro colexio de Turquía. O proxecto leva por título "Dance is Life" e con el pretendemos promover o baile tradicional galego, así como o doutros lugares do mundo.

  

Aquí están os logos que creamos en Canva.

Axudádesnos a escoller un? Premede no "corazón" do que máis vos guste. 

Made with Padlet

Punta, tacón, punta!

Xa vai aló o 1º trimestre e con el unha morea de puntos en Botamos un Baile!

Ás veces, os máis maiores ensinan aos máis pequenos.

Que se adiante, que se atrás, punta, tacón, punta... Que se mans de cangrexo...

Pero isto non rematou aquí. Para o 2º e 3º trimestre temos preparados moitos máis bailes e algunha que outra sorpresiña internacional. Estades preparados bailadores e bailadoras?

 

Álbum: Curso 2018 - 2019 -> Botamos un baile?

Xabier Díaz saúda ao noso cantareiro Uxío

O pasado xoves, tivemos dous pandereteiros de luxo en "Botamos un baile?", Lucía e Uxío de 6º.

E como non todo é bailar, houbo tempo para riscar as pandeiretas e botar unhas coplas. Lucía deleitounos cos seus toques de pandeireta e Uxío deixounos abraiados coa súa voz cantando unhas estrofas de Xabier Díaz (o seu artista preferido).

 

Colgamos o video na nosa conta de twitter e cal foi a nosa sorpresa, que o primeiro "like" foi do  mesmo Xabier Díaz que tamén deixou un comentario para Uxío. 

Arranca "Botamos un baile?"

Hoxe no recreo arrancaba a 3ª tempada de "Botamos un baile?". E aínda que ao principio, estabamos algo tímidas e tímidos, axiña erguemos os brazos e botamos os primeiros picados e paseos. É máis doado do que pensabamos! Ademais, acompañounos unha pandereteira de luxo, Lucía de 6ºA.

 

 

Como nos lembra Birtha de Noruega, agardámosvos todos os xoves no pavillón!

Comezan os recreos lúdicos

01/10/2018 09:58

A partir do mes de outubro comezamos a dinamizar os tempos de lecer con diferentes actividades durante o recreo:

- Todos os xoves: Botamos un baile?

E os venres: Let's Sing A Song!

  

Ademais...

- Os luns: fútbol para 1º e 4º de Primaria.

-Os martes: fútbol para 2º e 5º de Primaria.

- Os mércores: fútbol para 3º e 6º de Primaria.

- Os xoves: día sen balón.

-Os venres: día sen fútbol.

Toda a semana: caixón de xogos populares e de mesa, e lectura e empréstito de libros na biblioteca.

Letras Galegas 2018: Romaría das Letras

A véspera do Día das Letras Galegas celebrámola ao grande con exposicións e obradoiros de traxe galego e instrumentos da música tradicional galega e cunha romaría final na que non faltou de nada, sen esquecernos iso sí da homenaxeada desta edición Mª Victoria Moreno.

Ás 10h comezaban as visitas ás exposicións e obradoiros. Asun, explicábanos no salón de actos as diferentes prendas que conforman o traxe tradicional galego de muller e de home, dende a cabeza ata os pés. Que saias tan fermosas, que mantelos, que zocos...! Algúns ata se atreveron a probar algunha prenda!

  

No patio 2, coñeciamos a catro grandes músicos do noso concello: Miguel, Laura, Carlos e David que tocan no grupo "Néboas no Cumio". Eles mostráronnos un montón de instrumentos da música tradicional galega dende o bombo, o tambor ou a pandeireta ata o clarinete, o acordeón ou a gaita. Aprendemos un montón de cousas sobre eles, escoitamos como soaban e ata puidemos tocar e bailar con eles. Que ben tocan e bailan estes rapaces!

  

Ao mesmo tempo, na biblioteca proxectábanse videos sobre a nosa lingua e tamén sobre Mª Victoria Moreno e a súa obra. 

Tralo recreo, comezaba a romaría. E coma en toda romaría, a música e o baile non podían faltar. O alumnado, dende 4º de infantil ata 6º de Primaria bailou a muiñeira "Buxos Verdes" que levaban ensaiando semanas antes nas clases de E.F. con Andrea e Marcos e tamén con Asun en Infantil. A continuación, soou o himno galego ao violín, guitarra e piano interpretado por alumnado do centro baixo as ordes de Begoña. Despois tería lugar a entrega de premios do concurso das Letras Galegas 2018 organizado polo EDLG. Para clausurar o acto, cantariamos todos xuntos a "Rumbaliza", un canto á nosa lingua do grupo Tanto Nos Ten. Pero a festa non rematou aí, pois os músicos de Néboas, mestres e alumnado continuariamos tocando e bailando para celebrar a saúde das nosas letras.

"As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos"

(Mª Victoria Moreno)

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Letras Galegas 2018: Obradoiros e Romaría

Botámoslle unha muiñeira?

Estamos preparando unha muiñeira para as Letras Galegas.

Aquí vai un pequeno adianto

Dorna, Manuel María

Hai uns días prometiámosvos novidades e aquí están. En "Botamos un Baile?" xa montamos a primeira peza do curso e trátase dunha xota nada máis e nada menos. Pero a ocasión meréceo. Nós tamén queriamos aportar o noso graíño de area á exposición interactiva de Manuel María, neste caso dándolle movemento, ritmo e, sobre todo, danza. Así que eleximos o poema "Dorna" de As rúas do vento ceibe cantado e musicado por Uxía e Magín Blanco e montamos esta fermosa xota. Agardamos que vos guste...

 

E se a queredes ver cobrar vida no Corredor Manuel María, buscade no último panel, abride a app blippar de realidade aumentada na vosa tablet ou smartphone, enfocade a imaxe, agardade un chisco a que carge e... voilá! 

Seguimos botando un baile

Os xoves nos recreos, os alumnos/as de todos os niveis teñen a opción de achegarse ao pavillón para botar un baile coas profes Asun, Andrea e Tamara. Aquí vos deixamos algunhas fotos de hoxe e pronto... haberá sorpresas! Estade atentos/as!