Languages4all: Lingua de Signos

Este mes, o alumnado de 6º estivo investigando sobre a lingua de signos como parte do proxecto "L@ngu@ges4all" no que participan xunto con outros centros de toda Europa. Ao principio, críamos que debía haber unha única lingua de signos universal, pero axiña descubrimos que había moitas, case tantas coma linguas faladas.

Así que puxémonos mans á obra para buscar información sobre as linguas de signos da nosa contorna. Preguntamos ás mestras Maite (AL), Isa e María (PT) sobre o tema e prestáronnos un libro do Departamento de Orientación sobre a Lingua de Signos Española (LSE) con ilustracións para nenos/as. Tamén nos dixeron que había un dicionario online, o DILSE, no que podiamos ver pequenos videos de cada palabra que buscasemos. Era fantástico pero só incluía a Lingua de Signos Española e nós queriamos saber máis.

Buscando pola rede, atopamos o proxecto "Spread the Sign" do Centro Europeo de Linguas de Signos. Na súa web, recompilaron máis de 400.000 signos de diferentes linguas de signos de todo o mundo: inglés, alemán, italiano, portugués, polaco, ruso, español e ata catalán. É xenial ver como se signa unha mesma palabra en diferentes linguas. Pero nin rastro da lingua de signos galega. Será que non existe?

Xa estabamos a punto de desistir, cando atopamos un video en youtube dunha familia de xordos (Familia Vázquez TV) que explicaba por que se está deixando de usar a LSG e mostraba como se signan os días da semana e os meses do ano en LSG e LSE. Seguindo o seu exemplo, gravamos o noso propio video e aquí tedes o resultado: