Miami - Galicia connection!

Hoxe foi unha mañá moi intensa no cole. Ademais de coñecer á nova auxiliar de conversa, o alumnado de 5ºC de Primaria conectouse por videoconferencia con alumnos/as do Royal Palm Elementary School de Miami, en Florida, ao sureste dos Estados Unidos.

  

Nós prepararamos a aula con bandeiras de Galicia, España e Europa. Ás 2 en punto hora española (ou, o que é o mesmo, ás 8 da mañá en Miami) conectámonos por Zoom e coñecemos a Miss Alicia Ulloa, mestra de español en Estados Unidos, e aos seus alumnos de 4º e 5º grado. Para eles era a primeira clase da mañá, mentres que para nós era a última antes de ir xantar e/ou marchar para a casa. Comezamos presentándonos por turnos. Moitos dos rapaces norteamericanos comentáronnos que tiñan orixe hispana. Despois vimos uns videos que nos prepararan e rematamos bailando ao son de Jerusalema

  

E así gozamos dunha estupenda sesión na que nos presentamos, bailamos, rimos e... sobre todo entendemos que, malia a distancia que nos separa, non somos tan distintos dunha e doutra beira do Atlántico. 

Álbum: Curso 2021 - 2022 -> Dos Orillas (Galicia - Miami)